Skip to Content

Complementarias

Gran Final da XII Olimpíada cultural o saber ten premio

Foto de grupo ao remate da gran final 9/6/2023

 

Este venres 9 de xuño tivo lugar a Gran final da XII edición da Olimpíada cultural O Saber ten Premio, no salón de actos do IES Fernando Blanco onde estaba presente o alumnado, as súas familias, o profesorado e os patrocinadores que a fan posible. Tamén nos acompañou a Directora Xeral de Formación Profesional dona Eugenia Pérez Fernández, así como a inspectora de educación dona Magdalena Duarte Blanco. 

Esta Gran final estivo conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida. A ela chegaron 3 equipos que se clasificaron despois das semifinais previas, estes equipos foron: Os Colegas, Os Fenómenos e Os Malagueños.

A Gran final tivo dúas partes:

Na primeira parte, os 3 equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 1.000 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático. Nesta primeira parte resultaron clasificados Os Colegas e Os Fenómenos. 

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema Influencer: Realmente é unha profesión?, na que os dous equipos clasificados defenderon posturas opostas, Os Colegas a favor de que influencer é unha profesión e debe ser regulada e Os Fenómenos en contra. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.

O primeiro premio de 600 €, correspondeulle ao equipo Os Colegas  integrado por Daniela Alves Estévez de 2º bacharelato, Camilo Rodríguez Espasandín de 1º bacharelato, Elián Estévez Moure de 1º CS de Administración e Finanzas, Mateo Buschmann Bella de 4º da ESO e Mateo Alves Estévez de 4º da ESO. Este premio foi entregado por don Justo Trillo Lado representante de XEAL que é a empresa que patrocina o primeiro premio.

O segundo premio de 400 € foi para o equipo Os Fenómenos que estaba formado por Candela Vázquez Martínez de 2º bacharelato, Uxío Nemiña Formoso de 1º bacharelato, Brais Canosa Lestón de 2º da ESO, Claudia Manchado Valín de 2º da ESO e Jonathan West Haya de la Torre de 1º CM  de Xestión administrativa. O premio foi entregado por dona Mélani Lois Barcia que representaba a GERCA, que era a empresa que patrocinou este 2º premio.

O terceiro premio dotado con 300 € foi gañado polo equipo Os Malagueños composto por Marta Vérez Pequeño de 2º bacharelato, Adriana Castiñeira Iglesias de 2º bacharelato, Rubén Trillo Piñeiro de 1º CM de Matemento Electromecánico, David Santabaya Paz de 4º da ESO, Lucía Canosa Lestón de 2º da ESO. Fixo entrega do premio don Severo Roget Romero, en representación de Ferretería Roget, que é a empresa que patrocinou este 3º premio.

Durante o desenvolvemento da gala tivemos a oportunidade de ver o vídeo elaborado por 1º CM Xestión administrativa que obtivo o 1º premio no concurso do 25 N contra a violencia contra a muller, así como vídeos sobre as actividades realizadas durante o curso. Tamén se fixo entrega dos premios do XVI Concurso de microrrelatos.

Para rematar a gala a Directora xeral de Formación Profesional, dona Eugenia Pérez, fixo unha intervención na que salientou a implicación de toda a comunidade educativa do Fernando Blanco na Olimpíada Cultural e felicitou a todo o alumnado polo seu interese en ampliar coñecementos e facelo traballando en equipo e atrevéndose a facer unha exposición pública deses coñecementos.

ENTREGA DE PREMIOS FEBREIRO (MARZO, ABRIL,...) MES DO AMOR NO FERNANDO BLANCO

 

De esquerda a dereita Margarida Maceira, Víctor Hugo Barrientos, Ariadna Castro e Paulo Calvo

 

O venres 5 de maio realizouse a entrega dos premios correspondentes ao Concurso Febreiro (marzo, abril,...) mes do amor no Fernando Blanco, ao que o alumnado puido presentar cartas de amor, relatos, imaxes,... en dúas categorías.

Na categoría da ESO de cartas de amor resultou gañador Víctor Hugo Barrientos García de 2º da ESO.

Na categoría de bacharelato e ciclos formativos de imaxe con relato a gañadora foi Ariadna Mar Castro Aresmes de 2º de bacharelato.

Os premiados leron as súas obras e recibiron un agasallo consistente en dúas entradas, para cada un, para os Cines Xunqueira de Cee.

Parabéns Víctor e Ariadna!!

XVII CERTAME MICRORRELATOS

 

Xa está convocado o XVII Certame de microrrelatos do IES Fernando Blanco.

Tedes ata o 12 de maio para presentar os vosos microrrelatos.

E por suposto haberá premios!

Animádevos a participar! Tedes as bases no seguinte link:

BASES DO XVII CERTAME DE MICRORRELATOS

¡Salvemos al huevo!

Este luns 30 de xaneiro, o alumnado de 1º de ESO puxo a proba o seu prototipo do proxecto de Tecnoloxía Dixital denominado “Salvemos al huevo”

¡Salvemos al huevo!

Este proxecto consistía en salvar un ovo fresco se o deixásemos caer dunha altura libre de 8 metros. Para isto tiñan que deseñar e construír un dispositivo que albergase o ovo e permitise amortecer o impacto contra o chan.

Aquí podemos ver os ovos antes da proba, os pobres estaban mortos de medo.

Pobres! Saben o que lles espera

Finalmente, de seis dispositivos probados só dous acabaron co ovo roto.

Aínda que antes de saír a probar o dispositivo, os ovos sufriron outras dúas baixas, con razón tiñan medo de poñerse nas mans dos de 1º 

Agora toca reflexionar sobre o deseño do prototipo e facer as melloras oportunas para a proba do dispositivo final que será, se todo vai ben, a semana que vén. 

Confiemos en que non haxa máis ovos rotos!

 

Exposición de Enrique Labarta Pose

Desde luns 30 de xaneiro temos no noso centro a exposición sobre Enrique Labarta Pose.

Esta exposición é itinerante e é unha iniciativa do Concello de Zas que vai percorrendo distintos centros escolares.

A mostra está composta por oito paneis con fotografías históricas e con textos explicativos sobre a vida e obra do escritor baiés. Para a súa realización contouse coa colaboración de moitas persoas e institucións relacionadas dalgunha forma con Labarta Pose.

Para a súa presentación estiveron no IES Fernando Blanco a alcaldesa de Cee, dona Margarita Lamela, o alcalde de Zas, don Manuel Muíño e a directora xeral de ordenación e innovación educativa, dona Judith Fernández. tiveron a ocasión de visitar o centro e coñecer as súas instalacións así como de asinar no libro de visitas. 

 

 

 

Álbum: Web -> Exposición de Enrique Labarta Pose

Náboj Junior

Náboj Junior 25/11/2022

O alumnado de 3º da ESO e 6 alumnas e alumnos de 2º da ESO participaron no Náboj Junior

O venres 25 de novembro agrupados en equipos de 4 membros e baixo a supervisión dos seus docentes Sofía, Carlos e Germán competiron xunto a un total de 359 equipos de toda España.

Un dos equipos, o formado por Manuel Orazio Ozón Alaimo (3º ESO), Abel Marcote Abelleira (3º ESO), Adrián Trasmonte Baña (3º ESO) e Loaira Santos Fábregas (3º ESO), quedou nun meritorio 318º posto a nivel mundial (dun total de 1.392 equipos), 17º posto de toda España e 1º equipo de Galicia. Clasificación Provisional. 

Parabéns a todas/os as/os participantes!!

 

Galería de fotos do Samaín 2022/23

O grupo de teatro Tuéjele con motivo do Samaín 2022, representou na Biblioteca para o alumnado da ESO e de 1º de bacharelato tres historias de medo tituladas: A promesa, Os que ignoran que están mortos Non estamos mortas.

Fai clic sobre a imaxe para abrir o visor de imaxes

Álbum: Web -> Samaín 2022/23

Galería de fotos da XI Entrega das Becas-Premio da Fundación Fernando Blanco de Lema

 

Fai clic sobre a imaxe para abrir o visor de imaxes

Álbum: Web -> Becas-Premio 2021/22

Entrega das Becas-Premio da Fundación Fernando Blanco de Lema

Alumnado premiado, patrocinadores e profesorado

Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida no salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega das XI Becas-Premios Fernando Blanco correspondentes ao curso pasado, 2021-2022, as cales están organizadas conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración varias firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. (Mapfre Seguros), Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).

O acto contou coa presenza da Inspectora de Educación, Magdalena Duarte Blanco, de representantes dos establecementos colaboradores (eles foron os encargados de entregar as becas xunto coa alcaldesa de Cee, Inspectora e integrantes do equipo directivo do Instituto), integrantes do Padroado da Fundación, representantes do Concello de Cee, profesorado do IES Fernando Blanco, familias e alumnado de distintos cursos.

O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro do fundador, situado na capela do centro educativo, o cal foi depositado polo alumnado premiado nesta XI Edición como mostra de cariño, admiración e eterna gratitude.

Os discursos da cerimonia correron a cargo de Darío Areas Domínguez (Secretario da Fundación), do alumnado premiado e de Chelo Trillo Lago (Directora do I.E.S. Fernando Blanco e Presidenta da Fundación), a cal foi a encargada de pechalo evento.

En todos eles estivo moi presente a figura de D. Fernando Blanco de Lema, e todos quixeron louvar a súa figura e o seu altruísmo, froito do cal, Cee conta cun dos centros educativos de referencia de Galicia dende finais do século XIX, e motor do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila.

As Becas-Premio Fernando Blanco están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no instituto ceense.

As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 9 e o 10. De feito, era requisito imprescindible para optar a ditos Premios, ter tódalas materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5.

Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores). 

A música da cerimonia estivo a cargo de Marcos Traba, quen deleitou aos presentes con tres pezas.

Os premiados nesta undécima edición das Becas-PremioFernando Blanco foron:

- DAVID SANTABAYA PAZ (3º ESO)

- ADRIANA CASTIÑEIRA IGLESIAS (1º BACHARELATO)

- ROIS NAZARETH MAYO SÁNCHEZ (1º CICLO BÁSICO – ELECTRICIDADE E ELECTRÓNICA)

- SARA ANDRADE FORMOSO (1º CICLO MEDIO – XESTIÓN ADMINISTRATIVA) 

- ALEJANDRO LAVANDEIRA CASAIS (1º CICLO SUPERIOR - AUTOMATIZACIÓN E ROBÓTICA INDUSTRIAL)

 

PARABÉNS !!!

 

Conferencia: O mar non se acaba. O mar hai que coidalo

 Conferencia O mar non se acaba. O mar hai que coidalo

Venres 21 de outubro o alumnado da ESO do noso centro asistiu na Casa da Cultura de Cee a unha conferencia de Rogelio Santos Queiruga dentro da sección do programa de O mes da Fundación dedicada aos centros escolares do concello.
 
Hoxe acompañárono 225 alumnos e alumnas de distintos cursos da ESO dos tres centros educativos onde se imparte (CPR Manuel Rial, IES Fernando Blanco e IES Agra de Raíces).
 
A conferencia estaba previsto que durase unha hora, pero ao final foron case dúas dadas as numerosas preguntas dos asistentes, ávidos por indagar nos segredos do noso mar.
 
O certo é que contar con Rogelio é sinónimo de éxito pois fai que te enganches ás súas palabras dende o minuto un.
Rogelio Santos Queiruga
 
Faloulles de pesca sostible, de respecto do planeta, de vivencias propias (alegres e tristes), e de algo moi salientable. Contoulles que el, a pesares de ter que deixar os estudos con 14 anos por circunstancias familiares para empezar xa a traballar (primeiro axudando nas tarefas da casa e dende os 18 xa traballando no mar), sempre tivo moi claro que debía formarse, e así, ao mesmo tempo que traballa, fixo a ESO e está a piques de rematar o Bacharelato. E díxolles, que aínda que non o cresen, esa formación na escola serviulle para mellorar no seu traballo do día a día e na súa vida cotiá.
 
Todo un exemplo no que nos debemos inspirar.
 
Foi un luxo contar con el, e levámonos a impresión de que gañamos un AMIGO... e iso, NON HAI CARTOS QUE O PAGUEN.

Conferencia O noso lugar no Universo

Conferencia O noso lugar no Universo

Mércores 19 de outubro na Casa da Cultura de Cee, continuou o Programa O Mes da Fundación, na súa sección para centros escolares do concello. Foi a quenda do director do Centro Astronómico de Trevinca (Ourense), Óscar Blanco Varela, que foi o encargado de impartir a conferencia O noso lugar no Universo para alumnado de 1º de Bacharelato do IES Fernando Blanco e IES Agra de Raíces.
 
Óscar Blanco é socio fundador da Agrupación Astronómica Coruñesa ÍoDivulgador e habitual conferenciante en temas relacionados coa astronomía en eventos e congresos. Colaborador astronómico en espazos sobre ciencia en varias emisoras de radio no ámbito local e rexional. Profesor de astronomía en Centros Cívicos da Coruña dende o ano 2007. Director das xornadas Astro Trevinca, realizadas anualmente na Veiga (Ourense) dende o ano 2013. Guía Astronómico con moitos anos de experiencia e co Certificado Guía Starlight.
Fotógrafo especializado en paisaxe e fotografía nocturna, así como en astrofotografía con telescopio. É ademais xerente da empresa Trevinca Skies.
 
Óscar Blanco - conferencia O noso lugar no Universo
 
Na conferencia de hoxe, Óscar tratou de profundizar na idea de que formamos parte de todo iso que chamamos Universo. Dende a nosa perspectiva fomos capaces de entender moitas cousas, pero outras aínda quedan por resolver.
 
Coa conferencia, todos xuntos fixemos unha viaxe, dende o máis próximo, ata os confíns do Universo observable.

Gran Final da XI Olimpíada cultural o saber ten premio

Este mércores 22 de xuño tivo lugar a Gran final da XI edición da Olimpíada cultural O Saber ten Premio, no salón de actos do IES Fernando Blanco onde estaba presente o alumnado, as súas familias, o profesorado e os patrocinadores que a fan posible. Tamén nos acompañou o subdirector xeral de ordenación, inspección e avaliación do sistema educativo don Iván Mira Fernández. 

Esta Gran final estivo conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida. A ela chegaron 3 equipos que se clasificaron despois das semifinais previas, estes equipos foron: FCAC, Os murciégalos e Os terceiros.

A Gran final componse de dúas partes:

 

A primeira parte, na que os 2 equipos clasificados en 1º e en 2º lugar (FCAC, Os murciégalos) tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 1.000 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático. Nesta primeira parte resultou clasificados en 1º lugar FCAC  e en 2º lugar Os murciégalos.

 

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema "A nova Lei de Protección Animal ten en consideración os animais domésticos como membros da familia e regula as condicións nas que deben estar", na que os dous equipos clasificados defenderon posturas opostas, FCAC a favor da regulación e Os murciégalos en contra. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro Ana López Bugeiro, María Paz Lema e Serxio Iglesias Rodríguez. Nesta fase do debate tamén resultou gañador o grupo FCAC, polo que finalmente se proclamaron vencedores desta 11ª edición da nosa Olimpíada Cultural.

 

O debate

 

O primeiro premio de 600 €, correspondeulle ao equipo FCAC está integrado por Marco Antonio Esteban Norat (1ºCS Automatización e robótica industrial), Viviana Ramírez Silva (1ºCS Automatización e robótica industrial), Eva Senra Fafián (1º bacharelato B), Lucía Canosa Lestón(1º ESO) e Enrique Castro Conde (3º ESO). Este premio foi entregado por don Justo Trillo Lado representante de XEAL que é a empresa que patrocina o primeiro premio.

 

Os gañadores, equipo FCAC

 

O segundo premio de 400 € foi para o equipo Os murciégalos que estaba formado por Sergio Castro Romar (1ºCS Automatización e robótica industrial), Isabel Díaz Jallas (2º bacharelato C), Ariadna Mar Castro Arasme (1º bacharelato B), Elisabet Insua Ostaseviciene (4º ESO) e Brais Canosa Lestón (1º ESO). O premio foi entregado por dona Mélani Lois Barcia que representaba a GERCA, que era a empresa que patrocinou este 2º premio.

 

Os segundos clasificados, Os murciégalos

 

O terceiro premio dotado con 300 € foi gañado polo equipo Os terceiros composto por José Denis Reyes (1º CM Mantemento electromecánico), Diego Estévez Canosa (1º CS Administración e finanzas), Paula Pérez Espasandín (1º bacharelato B), Alejandro Ferreiro Somoza (3º ESO) e Juan Francisco Díaz Suárez (2º ESO). Fixo entrega do premio don Severo Roget Romero, en represntación de Ferretería Roget, que é a empresa que patrocinou este 3º premio.

 

En 3º lugar, equipo Os terceiros

 

Para rematar a gala houbo unhas actuacións musicais a cargo de profesorado do centro (Jéssica Caloto, Sofía Cendán e Rafael Poncela) que interpretaron varias cancións que o público tamén cantou seguindo a letra proxectada.      

 

    

 

  

Representación teatral A tenda da esquina

A tenda da esquina

O 15 de xuño o grupo de teatro Tuéjele integrado por alumnado do noso centro e dirixido por Fernando Castro Paredes e Marina Gómez Pose, representaron unha adaptación da obra de teatro A tenda da esquina de Miklós László.

A tenda da esquina

 

A tenda da esquina

A tenda da esquina

A tenda da esquina

Última reunión do curso do Club de Lectura Nautilus

Última xuntanza do curso do club de lectura Nautilus

O Club de Lectura Nautilus botaba a andar nos primeiros días do mes de novembro deste curso. O día 14 deste mes de xuño, celebramos o derradeiro encontro deste ano académico que está chegando ao seu fin. Esta vez comentamos o relato Viaje a la semilla de Alejo Carpentier.

Na nosa travesía recalamos en obras como Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor, Relatos de lo inesperado de Roald Dahl.

No último trimestre, achegámonos á temática que demos en chamar «O tempo ás avesas (ou ao revés)». Relacionada con ela afrontamos O neno suicida de Rafael Dieste, El curioso caso de Benjamin Button de Scott Fitzgerald, A muller que vivía no futuro de Séchu SendeAmor, amor catástrofe de Pedro Salinas, así como o relato de Carpentier xa sinalado. 

Nesta última xuntanza agasallamos á rapazada lectora coa obra poética ilustrada Luces da Costa da Morte de Xosé Iglesias. Unha das nosas tripulantes fíxonos unha marabillosa lectura dun dos poemas da mesma.

Agradecemos aos e ás tripulantes de Nautilus a compaña nesa viaxe cara a eses territorios aos que nos achegan os libros.

Agardamos que o curso que vén nos sexa igual de ventureiro. 

Última xuntanza do curso do club de lectura Nautilus

Última xuntanza do curso do club de lectura Nautilus

Da Costa da Morte a Ucraína

Marcos Rodríguez

O venres 10 de xuño no salón de actos do Fernando Blanco houbo unha charla de Fran Hermida, xornalista da Cadena SER, e de Marcos Rodríguez, fotógrafo profesional, quen falaron sobre a súa experiencia en Ucraína, a onde levaron axuda humanitaria e trouxeron a 47 refuxiados/as.

Fran Hermida

3º Premio no IX Concurso de Murais de Azulexos LAR

O mural galardoado coas gañadoras

As alumnas de 1º de bacharelato que cursan Debuxo artístico I, dirixidas pola súa profesora Montserrat Abella foron galardoadas co 3º premio da IX edición do Concurso de murais de Suministros LAR, polo seu mural sobre o naufraxio do HMS Serpent en 1890.

A decisión foi tomada por un xurado de luxo, composto polo experto en arte Antón Castro, a arquitecta Covadonga Carrasco, a responsable da galería Stoupa Begoña Fernández e por Félix Quintero quen foi director de FENOSA para América Central e do Sur.

Para amenizar o acto houbo unha actuación ao piano de Marcos Traba, usuario de APEM.

Parabéns ás gañadoras!!

As gañadoras no momento de recibir o premio

Equipos finalistas e resultados da XI Olimpíada cultural o saber ten premio

Xa remataron as probas clasificatorias da 11ª edición da Olimpíada cultural o saber ten premio e xa se pode saber cales son os equipos clasificados para a Gran Final e as puntuacións obtidas por todos.

1º clasificado: FCAC (42 puntos sobre 58)

Esteban Norat Marco Antonio 1º CS Rob
Ramírez Silva Viviana 1º CS Rob
Senra Fafián Eva 1º bac A
Canosa Lestón Lucía 1º ESO
Castro Conde Enrique 3º ESO
 

2º clasificado: Equipo 2 (42 puntos sobre 59)

Castro Romar Sergio 1º CS Rob
Díaz Jallas Isabel 2º bac C
Castro Arasme Ariadna Mar 1º bac B
Insua Ostaseviciene Elisabet 4º ESO
Canosa Lestón Brais 1º ESO

3º clasificado: Equipo 10 (42 puntos sobre 60. Desempate 25 puntos sobre 30)

Denis Reyes José 1º CM Mant
Estévez Canosa Diego 1º CS Admon
Pérez Espasandín Paula 1º bac B
Ferreiro Somoza Alejandro 3º ESO
Díaz Suárez Juan Francisco 2º ESO

4º clasificado: La Colmena (42 puntos sobre 60. Desempate 20 puntos sobre 30)

Cernadas Gómez Laura 1 bac C
Pérez Álvarez Patricia 1º bac A
Esperante Sar Ángel 1º CM Mant
Cernadas Gómez Martín 1º ESO
Fernández Pedreira Candela 2º ESO

5º clasificado: La banda del destornillador  (41 puntos sobre 60)

Vérez Pequeño Marta 1º bac C
Castiñeira Iglesias Adriana 1º bac C
González Canosa Paulo 1º CM Mant
Becerra Monteagudo Lena 4º ESO
Ozón Alaimo Manuel Orazio 2º ESO

6º clasificado: Operación lume (40 puntos sobre 60)

Lavandeira Casais Alejandro 1º CS Rob
Rodríguez Vázquez Tamara 1º CS Rob
Vázquez Martínez Candela 1º Bac B
Santos Fábregas Loira 2º ESO
Suárez Lado Guillermo 3º ESO

6º clasificado: Equipo 8 (40 puntos sobre 60)

Lestón Suárez Ismael 1º bac A
Sobrido Canosa Santiago 1º bac C
Lema Cambeiro Álex 1º CM Ele
Senlle Blanco Marta 2º ESO
Grille Agrafojo Borja 1º ESO

7º clasificado: Los fantásticos (37 puntos sobre 60)

Blanco Cerviño Ana Lian 1º bac A
Picallo Caamaño Iria 1º bac A
Cernadas Mouzo Adán 1º CB Ele
Caamaño Vázquez Xurxo 4º ESO
Buschmann Bella Mateo 3º ESO

8º clasificado: Equipo 9 (31 puntos sobre 60)

Castro Suárez Antía 1º bac C
Ramos Bermúdez Aaron 1º CM Mant
Dovao Pol Sergio 1º CM Ele
Lado Río Roi 3º ESO
Bugeiro Franco Adrián 2º ESO

9º clasificado: Juventud G (27 puntos sobre 59)

Castro Klimkovich Mercedes 1º bac C
Riveiro Caamaño Gisela 1º bac B
Lema Caamaño Israel 1º CB Auto
Álves Estévez Mateo 3º ESO
Roget Domínguez Hugo 2º ESO

10º clasificado: Equipo 11 (26 puntos sobre 60)

Moure Romero Cristian 1º CS Admon
Castiñeira Castro Joel 1º CM Mant
Pazos Gómez Paula 1º bac A
Santos Lema Mauro 1º ESO
Lema Cernadas Adrián 2º ESO

Recordade que os 2 primeiros clasificados pasan á Gran Final do día 22 de xuño. Parabéns a todos/as os/as participantes!!

Representación teatral A derradeira bala

A derradeira bala 1

No salón de actos do Fernando Blanco tivo lugar a representación da obra de teatro A derradeira bala, obra de teatro escrita por Fernando Castro Paredes, profesor do noso centro, que resultou galardoada co premio do Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño

Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. Á mañá seguinte, será fusilado coa derradeira bala que garda o pelotón. Este é o comezo da obra que foi representada pola compañía Farándula Velutina, na que están integradas varias exalumnas e exalumnos do Fernando.

 

V Xornada A universidade que nos agarda

V Xornada a universidade que nos agarda 1

O mércores 18 de maio celebrouse no Salón de Actos do Fernando Blanco a V Xornada a Universidade que nos agarda, organizada polo Grupo de innovación en titorización e atención ao estudantado (GITIAES) da UDC, polo Concello de Corcubión e polo IES Fernando Blanco.

Nesta xornada o alumnado de 2º de bacharelato, a maioría dos cales serán universitarios o vindeiro curso, recibiron información sobre estudos e as xestións que terán que afrontar.

A xornada comezou cunha alocución do reitor da UDC don Julio Abalde e continuou cunha ponencia a cargo de dona Eva Mª Espiñeira, profesora de Métodos de investigación e diagnose en educación, quen disertou sobre o acceso á universidade. A continuación tivemos a ocasión de reencontrarnos con Elisa Lema e Cristina Martínez, exalumnas do Fernando Blanco, e actuais estudantes do grao en Educación Primaria e do grao en Educación Social, respectivamente, que falaron sobre a súa experiencia persoal na Universidade.

Despois dun receso retomouse a xornada cunha ponencia que levaba por título A universidade do século XXI, a cargo de don Jesús Miguel Muñoz, catedrático de universidade da área MIDE e director do Departamento de didácticas específicas e MIDE. Para rematar o programa a profesora da UDC dona Mª Cristina Pérez realizou unha exposición sobre Metodoloxías docentes e discentes na Universidade.

V Xornada a universidade que nos agarda 2  

Letras galegas 2022. A forza das palabras

Paneis da entrada

Píntega, estricar, reviravolta, aturuxo, xurelo, xeito, parafuso, funil, landra, foliada,… máis de duascentas palabras galegas adornarán ao longo da semana do 16 ao 22 de maio os espazos comúns do noso instituto, penduradas ao longo dos corredores e nos ocos das escaleiras.

Esta curiosa exposición comeza xa na entrada do centro con dous paneis que falan da “Forza das Palabras” en conmemoración do día das letras galegas 2022.

Os paneis proveñen do decorado dunha obra de teatro en inglés representada hai tempo no instituto, converténdose nos paneis actuais na reciclaxe realizada polo profesorado do centro, pintando por riba uns vistosos piñeiros e decorado con letras de vinilo nas que se pode ler “Letras Galegas”, “A forza das palabras”.

Pola súa banda, o alumnado e o Equipo de dinamización da lingua galega recortaron e colocaron as palabras que finalmente compoñen a curiosa mostra de palabras da nosa lingua, para que logo o alumnado, seguindo as indicacións das súas profesoras, apunte as palabras que non coñeza e busque o seu significado.

Palabras entrada

Palabras corredor

Palabras corredor

PRESENTACIÓN EQUIPOS DA XI OLIMPÍADA CULTURAL O SABER TEN PREMIO

Presentación XI OCOSTP 27-04-2022

 

O pasado mércores 27 de abril presentouse a XI Olimpíada Cultural O saber ten premio, no salón de actos do Fernando Blanco, ante todos os membros dos 11 equipos formados e participarán na mesma.
 
Temos que recordar que cada equipo está formado por 5 alumnos e alumnas e que teñen que ser 3 de bacharelato e de ciclos formativos de FP (debendo haber alumnado das dúas ensinanzas) e 2 da ESO. Reflectindo, desta forma, cada equipo a diversidade de alumnado e tipos de ensinanzas que se imparten no Fernando Blanco.
A partir da próxima semana, os días 5, 6, 12 e 13 de maio, celebraranse as probas clasificatorias entre os 11 equipos participantes. 

Unha vez rematadas as devanditas probas, quedarán 3 equipos finalistas e os 2 con maior puntuación serán os que participarán na Gran Final que se celebrará o 22 de xuño. 

 

Charla sobre igualdade no sector industrial

De esquerda a dereita Diana Touriñán, Adriana Trillo e María Couto (foto: XEAL)

A directora corporativa de XEAL, María Couto, reuniuse co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato que cursa Economía e Economía da empresa e de 1º curso do ciclo superior de Administración e Finanzas do Fernando Blanco para establecer un diálogo aberto e participativo para profundizar sobre conceptos como igualdade de oportunidades na contorna laboral, conciliación e modalidades formativas, entre outros aspectos.

Participaron tamén Adriana Trillo, enxeñeira de Instrumentación e Control no Departamento de Automatización da Área de Enerxía, e Diana Touriñán, responsable de loxística, compras de materias primas e venda de produto terminado das plantas de Cee-Dumbría. Complementaron desde a súa experiencia un diálogo pensado para contribuír ao descubrimento de vocacións e á concienciación sobre igualdade de oportunidades.

Charla sobre astronomía filosófica

 

Martes 22 de marzo o Salón de Actos do noso centro acolleu a charla sobre Astronomía filosófica, que correu a cargo de Víctor Tilve Rúa, profesor de matemáticas e astrónomo.

Víctor falou sobre a súa experiencia no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, no contexto da evolución da astronomía e as súas relacións coa filosofía dende a antigüidade ata os nosos días.

Víctor Tilve

XVI CERTAME MICRORRELATOS

 

Xa está convocado o XVI Certame de microrrelatos do IES Fernando Blanco.

Tedes ata o 25 de marzo para presentar os vosos microrrelatos.

E por suposto haberá premios!

Animádevos a participar! Tedes as bases no seguinte link:

BASES DO XVI CERTAME DE MICRORRELATOS

XI OLIMPÍADA CULTURAL O SABER TEN PREMIO

XI OCOSTP

Xa está aberto de inscrición para participar na XI Olimpíada cultural o saber ten premio. Como podes ver no tríptico e no cartel, o prazo de inscrición é do 7 ao 28 de marzo e farase enviando o formulario de inscrición grupal ou formulario de inscrición individual (que tamén está na AV) ao enderezo electrónico do instituto:

ies.fernando.blanco@edu.xunta.gal


Este é un proxecto no que participan todos os departamentos do centro e conta co patrocinio económico de XEAL, GERCA e Ferretería Roget.

Aínda que non teñades equipo, podédesvos inscribir igualmente que xa vos encontraremos un equipo.

Tríptico XI OCOSTP

Entroido 2022

 

Este venres 25  de febreiro o Entroido celebrouse no IES Fernando Blanco.

Máscaras elaboradas polo alumnado

PROGRAMA EDUEMPRENDE ATRÉVETE 2021/22

 

O alumnado de 2º da ESO que cursa a materia de Francés, coordinados pola súa profesora Lorena Andrade, están participar no Programa Eduemprende Atrévete convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Este programa ten como finalidade dar a coñecer e achegar ao alumnado o tecido industrial da súa contorna e promover o desenvolvemento de competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado máis novo.

Se fas clic na imaxe terás máis información.

Folleto Eduemprende Atrévete 2021/22

 

Charla de Celso Rodríguez Fernández

 

Este mércores día 2 de febreiro o profesor da Facultade de Matemáticas da USC don Celso Rodríguez Fernández falou sobre as probas ABAU e presentoulle aos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato os distintos graos e servizos que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela.

Charla de Celso Rodríguez I 

Charla de Celso Rodríguez II

Charla: Cine e argumentación

 

O venres 17 de decembro, ás 12:20, desenvolverase no salón de acto do IES Fernando Blanco unha charla organizada polo departamento de Filosofía baixo o título de Cine e argumentación, a cargo de Javier Vilanova Arias, profesor da Facultade de Filosofía da Universidade Complutense de Madrid.
 
O profesor Vilanova descóbrenos as entrañas da Teoría da argumentación a través do clásico do cine Doce homes sen piedade, de Sidney Lumet.
 
Emulando ao Henry Fonda da película, intentará amosar ao alumnado de 1º de bacharelato como pasamos a maior parte da nosa vida argumentando, é dicir, empregando razoamentos encamiñados a convencer a alguén da verdade ou falsidade de algo. Mediante a análise do filme, irá descubríndonos os mecanismos ocultos que fan funcionar eses razoamentos, e por que hai argumentos bos e argumentos malos, por que uns nos parecen lóxicos mentres que a outros os consideramos falacias enganosas. Na cinta de Lumet, destas distincións dependerá a vida dun rapaz condenado por asasinato; Vilanova demostraranos que non é Henry Fonda quen o pode salvar, senón unha disciplina filosófica que naceu precisamente tralo estreo da película, a apaixonante Lóxica informal.

REPRESENTACIÓN TEATRAL: ANIMAIS DE COMPAÑÍA

 

Cartel de Animais de compañía

Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller

 

Para traballar esta problemática social co alumnado, os días 15 e 26 de novembro ao longo de tres pases, o alumnado de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e dos distintos Ciclos Formativos asistiron á representación da obra de teatro Animais de compañia, do grupo de teatro Farándula Velutina.

Luns 15 de novembro representouse no salón de actos a obra de tetro Animais de compañíade Fernando Castro Paredes que é profesor de Lingua castelá e literatura no noso centro.

“Sabes en que se parecen unha muller e un can? En que os dous son animais de compañía.”

Marta, a protagonista desta peza, oíu moitas veces esta frase da boca do seu pai. Educada na violencia e na represión, afronta agora na idade adulta un matrimonio cun home que a minimiza ata anulala e mesmo recorre aos malos tratos para impoñer a súa autoridade. A morte da mascota da familia xera unha profunda fenda na relación. Marta atrévese a enfrontarse ao seu marido e sofre as consecuencias, pero acaba dando un paso decisivo cara á súa liberación.

Unha peza sobre a violencia de xénero, o amor aos animais e a liberdade individual.

A obra foi representada polo grupo de teatro Farándula Velutina

Houbo dous pases debido ás restricións de aforo do salón de actos polo protocolo COVID.

Animais de compañía 

Animais de compañía

 

Animais de compañía

Animais de compañía

REPRESENTACIÓN TEATRAL: GOLPES

Cartaz obra de teatro Golpes

Dentro das actividades do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller,  o alumnado da EPA do IES Fernando Blanco asistirá a unha representación teatral da obra Golpes.

Estreada no ano 2018, dirixida por Xosé Leis e interpretada por Estíbaliz Veiga, Golpes denuncia, dun xeito directo e sen ambaxes, a violencia machista a través da voz de Pamela, unha muller que namorou baixo os postulados do amor romántico e rematou sendo vítima desta lacra social que supón a agresión ás mulleres.

Dun xeito directo, Golpes busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais que marcan a violencia contra as mulleres no cotián.

Distribuir contido


by Dr. Radut