Conferencia: O mar non se acaba. O mar hai que coidalo
Venres 21 de outubro o alumnado da ESO do noso centro asistiu na Casa da Cultura de Cee a unha conferencia de Rogelio Santos Queiruga dentro da sección do programa de O mes da Fundación dedicada aos centros escolares do concello.
Hoxe acompañárono 225 alumnos e alumnas de distintos cursos da ESO dos tres centros educativos onde se imparte (CPR Manuel Rial, IES Fernando Blanco e IES Agra de Raíces).
A conferencia estaba previsto que durase unha hora, pero ao final foron case dúas dadas as numerosas preguntas dos asistentes, ávidos por indagar nos segredos do noso mar.
O certo é que contar con Rogelio é sinónimo de éxito pois fai que te enganches ás súas palabras dende o minuto un.
Faloulles de pesca sostible, de respecto do planeta, de vivencias propias (alegres e tristes), e de algo moi salientable. Contoulles que el, a pesares de ter que deixar os estudos con 14 anos por circunstancias familiares para empezar xa a traballar (primeiro axudando nas tarefas da casa e dende os 18 xa traballando no mar), sempre tivo moi claro que debía formarse, e así, ao mesmo tempo que traballa, fixo a ESO e está a piques de rematar o Bacharelato. E díxolles, que aínda que non o cresen, esa formación na escola serviulle para mellorar no seu traballo do día a día e na súa vida cotiá.
Todo un exemplo no que nos debemos inspirar.
Foi un luxo contar con el, e levámonos a impresión de que gañamos un AMIGO... e iso, NON HAI CARTOS QUE O PAGUEN.