Skip to Content

ENTROIDO 2024

 

Esta semana o centro estivo cheo de colorido, argalladas, falcatruadas, risas e moita ledicia coa chegada do Entroido, cas ordes do Meco de luns a xoves e coa celebración do desfile/festival do venres cuxa temática xiraba sobre o universo, onde se pretendía recoñecer o traballo en equipo e a sostenibilidade.

 

Os equipos recoñcidos neste Entroido 2024 foron “Órbita Diversa” de 2º da ESO, “Pupurri Espacial” de 3º da ESO, “ Universo Alternativo, Universo Disney” de 1º de Bacharelato C e “ Galicialiens” de 1º CS de Administración e Finanzas.

 

Nos festexos tivemos o pracer de desfrutar do ritmo da percusión do alumnado de Música cunha animada batucada que fixo mover das súas butacas a todo o público asistente.

 

Parabéns a todas/os polas vosas creacións e ao resto do alumnado e profesorado que quixeron unirse a esta festa.

 

O Meco xa anda argallando a ver que manda para o vindeiro 2025

 

 

 

 

 

VISITA AO MUSEO DA FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO

O pasado mércores día 7 de febreiro o noso alumnado de 1º de CS de Administración Finanzas e 2º do CM de Xestión Administrativa visitaron o Museo da Fundación Fernando Blanco. 

Moitas grazas a Darío Areas pola marabillosa acollida que sempre fai ao noso alumnado

Visita da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel aos nosos Correspondentes Xuvenís

Fonte Xunta de Galicia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe de primeira man as actividades que se realizan no IES Fernando Blanco ao abeiro do programa Correspondentes Xuvenís da Xunta de Galicia. Unha vintena de estudantes de Formación Profesional Básica deste centro participan nesta iniciativa, que tamén conta co apoio de profesorado.

A proposta que os correspondentes deste instituto están a levar a cabo denomínase Acadix (Actividade, Convivencia, Aprendizaxe, Diversidade, Igualdade e Xénero). Ademais, este alumnado encárgase de informar aos seus compañeiros de programas, axudas e iniciativas no ámbito da xuventude que son do seu interese.

Cristina Pichel destacou que este programa axuda a potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos estudantes, favorece que asuman responsabilidades e transmite valores como a colaboración ou o liderado. A xente moza que actúa como correspondente recoñécese a súa participación cun certificado de experiencias en educación non formal en materia de xuventude.

 

Charla " A violencia machista nas relacións de parella na mocidade"

O pasado luns 5 de febreiro o noso alumnado de 4º ESO  e de 1º e 2º de FP Básica asistiron a unha charla sobre a violencia machista nas relacións de parella na mocidade, no marco do Plan Proxecta+ 2023-2024 "Programa Por 365 días de respecto e igualdade" da Secretaría Xeral da Igualdade, impartida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en estudios de xénero e políticas de igualdade, que leva varios anos colaborando coa Secretaria Xeral de Igualdade en varias accións dirixidas a loita contra a violencia  de xénero.

O MECO MANDA

Esta semana arranca o entroido no noso centro e o Meco do Fernando estará a dar ordes que compre non desobedecer.

O venres pasado xa mandou recado:

 " Se feliz queres estar, no ENTROIDO DO FERNANDO BLANCO tes que participar:

  • O LUNS, os ollos e as uñas terás que pintar.
  • O MARTES, algo na cabeza traerás"....

Parabéns ao alumnado do grupo ACADIX de FP Básica de Electricidade e Electrónica pola elaboración dun Meco moi interactivo.

 

VISITA INSTITUCIONAL CONCELLO DE CEE. CORRESPONDENTES XUVENÍS

O pasado venres 2 de febreiro, o noso alumnado de Formación Profesional Básica dos ciclos de Electricidade e Electrónica e de Mantemento de Vehículos, dentro do programa do Plan Proxecta, Correspondes Xuvenís foron recibidos por Dona Margarita Lamela, Alcaldesa de Cee e Dona Emilia Trillo, Concelleira Delegada de Servizos Sociais, Benestar Social, Sanidade e Igualdade, no Salón de Plenos do Concello de Cee onde tiveron a oportunidade de coñecer como se organiza e funciona o concello de primeira man. Pola súa parte o alumnado compartiu as súas inquedanzas e todas as actividades que están a desenvolver dende o Proxecto Acadix e Correspondentes Xuvenís.

Moitas grazas pola acollida.

EDUCACIÓN PARA ADULTOS

O pasado martes 30 de xaneiro,  Luzbitt e Nisar, do módulo 1 do Ámbito Social de Educación para adultos, presentaron a súa "palabra improvisada", unha actividade ben atractiva e dinámica para presentar os novos contidos a través dunha palabra, co obxectivo de estimular e axudar  ao alumnado na súa aprendizaxe.

Parabéns polo respecto amosado, por ter superado os medos e obstáculos, pola vosa perseverancia e polo esforzo en desenvolver novas habilidades comunicativas.

“Comeza facendo o necesario,despois o posible, e de repente atoparaste facendo o imposible”. Francisco de Asís.

OBRADOIRO MURAL DE AZULEXOS-SUMINISTROS LAR

O pasado venres 26 de xaneiro o noso alumnado de 3º da ESO dentro das actividades complementarias programadas polo Departamento de Debuxo na asignatura de Plástica, acudiu ás instalacións de Suministros Lar onde participou nun obradoiro sobre cortado e pegado de azulexos que resultou ben interesante.

Grazas a Suministros Lar pola acollida.

                               

PROGRAMA XOGADE NO FERNANDO BLANCO

O pasado mércores 24 de xaneiro, alumnado da ESO asignado ao programa Xogade desprazouse á Serra de Outes para participar nunha xornada de Bádminton.

OBRA DE TEATRO-"MOZAS NAS REDES" Compañía aAntena.

"Pasa máis do que pensamos" foi a conclusión a que chegou un alumno de FPB do noso centro educativo o pasado martes 23 de xaneiro no coloquio que se abriu no Salón de Actos do noso centro trala representación do espectáculo unipersoal con Estíbaliz Veiga sobre o groomin e cyberacoso “MOZAS NAS REDES”, da man da compañía de Teatro aAntena.

MOZAS NAS REDES é un espectáculo teatral didáctico enfocado cara os mozos e mozas para reflexionar sobre as novas formas de violencia sexual que acontecen no entorno das Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación dentro do Programa Plan Proxecta+ " Por 365 días de respecto e igualdade". 

MOZAS NAS REDES afonda na realidade que agochan detrás o uso das novas tecnoloxías para capacitar á rapazada de ferramentas de detección dos posibles conflitos. 

Distribuir contido


by Dr. Radut