Skip to Content

EFECTO DOMINÓ. Videoclip gañador Concurso 25N. Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Por segunda vez, o noso centro educativo celebra con orgullo o éxito de gañar o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este prestixioso certame, convocado pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, recoñece a creatividade e o compromiso do alumnado para loitar contra esta problemática social.

O noso videoclip Efecto Dominó é unha creación colectiva que pon o foco na violencia machista exercida no ámbito dixital, desde o ciberacoso ata a difusión de contidos privados. A peza creada e interpretada por alumnado de 2º Ciclo Superior de Administración e Finanzas, (Sharay Caamaño, Iván Fraga, Carla López, Nerea Ozón, Óscar Pereira, Brais Rodríguez, Oscar Santos) e de 2º de Bacharelato (Itzel Walche) e coordinados pola docente Mª José ( Cheché) Pampín, inclúe unha potente canción de rap interpretada para dar forza e emoción a unha mensaxe clara: romper o efecto dominó da violencia de xénero.

A narrativa visual combina escenas cotiás con imaxes simbólicas, como teléfonos móbiles caendo como fichas de dominó, representando o impacto continuo das redes sociais. Estas escenas reflexionan sobre o papel de cada persoa na propagación ou na interrupción desta cadea de dor e opresión. O traballo culmina cun chamamento colectivo: "Ao efecto dominó da violencia machista, eliminemos a ficha".

Revalidar este premio na modalidade audiovisual por segunda vez subliña o compromiso do noso centro coa igualdade e a educación en valores. O éxito de Efecto Dominó demostra que a combinación de talento, arte e conciencia pode ser unha poderosa ferramenta para inspirar cambios positivos na nosa sociedade.

A entrega de premios será o día 21 de Novembro en Santiago a onde acudirá o alumnado acompañado da coordinadora do proxecto e da directora do centro.

LIGAZÓN Á PEZA GAÑADORA pinchando na foto de arriba ou no enlace.

LIGAZÓN Á RESOLUCIÓN



page | by Dr. Radut