UNHA CELEBRACIÓN DE FIN DE CURSO DIFERENTE

Este ano fixemos unha celebración final do curso un pouco especial debido á situación na que nos atopamos polo coronavirus.

Nesta ocasión, non puidemos disfrutar dun festival como en anos anteriores pero, aínda así, o alumnado de 1º de Bacharelato, fixemos dúas coreografías orixinais e moi diferentes entre si.

Nestes dous vídeos que vos presentamos, podedes ver o resultado final do noso traballo e como o desfrutamos tanto nós como o alumnado doutros cursos e docentes que estaban vendo o espectáculo.

Esperamos que se poida volver axiña á normalidade e así poder facer os festivais que tanto nos gustan!

Diana Cantorna, estudante de 1º Bacharelato A

ALIMÉNTATE BEN: SEGUNDO LIBRO DE RECEITAS, VÍDEOS E PROGRAMA DE RADIO

O alumnado que acaba de rematar 2º de Bacharelato comezou durante o confinamento o curso pasado, un traballo sobre alimentación saudable, que rematou creando unha nova canle en Youtube. AliméntateBen Brión e un primeiro libro de receitas, que podedes ver aquí.

A andaina continuou neste curso por parte do alumnado de 1º de Bacharelato.

Presentamos un novo libro de receitas saudables, sinxelas de realizar e moi saborosas. Podes velo premendo na imaxe superior, que é a portada do libro, ou no arquivo adxunto.

Ademais, cada receita vai acompañada dun enlace á nosa canle AliméntateBen Brión, para ir vendo a elaboración paso a paso.

E quixemos rematar esta actividade, debatindo na nosa Radio emBrión, no programa "Alimentación sa, receitas saudables", que podedes escoitar aquí.

Soamente queda poñer en práctica as receitas, acompañadas con exercicio físico en compañía das persoas ás que queremos.

Parabéns ao alumnado de 1º de Bacharelato por este estupendo traballo e moitas grazas a todas as persoas que colaboraron con nós!

VIAXE 3º ESO A DUNAS DE CORRUBEDO, CASTRO BAROÑA E PRAIA AGUIEIRA

O pasado luns 21 de xuño, o alumnado de 3º de ESO, acompañado de 5 docentes, fixemos unha excursión ás Dunas de Corrubedo, Castro Baroña e a praia da Aguieira.

Collemos o autobús pola mañá cedo e disfrutamos da viaxe, cantando, rindo e, facendo honor á nosa reputación, falando entre nós con paixón.

O noso primeiro destino foron as Dunas de Corrubedo, ás que chegamos por medio dunha pasarela de madeira. Eran moi bonitas, pero o paso estaba prohibido, polo que era o típico de "mírase pero non se toca".

Despois, baixamos por un pequeno camiño, onde atopamos aos gardas forestais. Nese camiño chegamos á lagoa de Carregal e a unha fermosa praia.

Chegaba a hora da merenda da mañá, así que paramos nun bar de camiño a Castro Baroña.

E volta ao autobús para chegar a Castro Baroña, un lugar fermoso que desfrutamos moito, xa que había toneladas de rochas polas que escalar e divertirse e as vistas eran incribles.

De novo, subimos ao autobús. Chegamos á praia da Aguieira, onde paramos a comer antes de entrar na propia praia. Algunhas persoas comezaron a xogar ao voleibol (fixeches o teu traballo en Educación Física, Carmen).

Cando finalmente fomos á praia, as que quixemos (ou puidemos), demos un baño memorable. Xogamos coa area e desfrutamos do sol, aínda que case nos queimamos porque esquecemos a protección solar.

Ao final volvemos, cansas e satisfeitas, porque tivemos unha das mellores excursións!

Por Antela Casas e Maruxa Garaboa, 3º ESO grupo A

LIBROS DE TEXTO CURSO 21-22

Preme nos seguintes enlaces para consultar os libros de texto recomendados para o curso 21-22.

     LIBROS DE TEXTO BAC 21_22                              LIBROS DE TEXTO ESO 21_22

NOTA: Aconséllase  ao alumnado da ESO non mercar libros ata Setembro, por se o centro pode proporcionarlle algúns dos exemplares do fondo propio, que se repartirán de maneira equitativa.

Para saber as necesidades de cada alumno/a prégase que cubran o seguinte formulario ca conta de correo @iesbrion.com que posúen, antes do 20 de setembro.

ENLACE AO FORMULARIO

O alumnado de 1º ESO e novo no centro completará este formulario en papel no inicio de curso.

GRAN EXITO DO ALUMNADO DE FRANCÉS NAS PROBAS DELF

 
Co final de curso tamén chegaron os magníficos resultados das probas DELF ás que se presentaron un numeroso grupo de alumnas e alumnos de francés do noso centro e como vedes polas sorrintes caras debaixo das máscaras con gran éxito!.
Parabéns a todas e todos que xa contan co seu diploma DELF!
Merci ;)

MATRICULA CURSO 2021-22

O período de matrícula para o curso 21-22 abrangue dende o 25 de xuño ao 10 de xullo. Deberá matricularse todo o alumnado que aprobou o curso 20-21 ou que teña ata un máximo de 2 materias suspensas. Para evitar aglomeracións e facer a matrícula de xeito ordenado, virán:

Día 25 de xuño,1ºESO: alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L

Día 28 de xuño,1ºESO: alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Día 29 de xuño, 2ºESO:

  • de 9 a 11:30 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L
  • de 11:30 a 14 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Día 30 de xuño,3ºESO:

  • de 9 a 11:30 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L
  • de 11:30 a 14 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Día 1 de xullo,4º ESO: alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L

Día 2 de xullo,4º ESO: alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Día 5 de xullo: alumnado de 1º de Bacharelato

  • de 9 a 11:30 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L
  • de 11:30 a 14 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Día 6 de xullo: alumnado de 2º de Bacharelato

  • de 9 a 11:30 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o A ao L
  • de 11:30 a 14 h alumnado con inicial do 1º apelido dende o M ao Z

Os días 7,8 e 9 resérvanse para os casos nos que houbese algún impedimento para facela no día asigando. Por favor, descarguen os impresos e tráianos, cubertos e asinados polos 2 proxenitores.

AVISO 1: recoméndase traer unha fotocopia do impreso de matrícula, unha vez cuberto. No caso de necesitar fotocopias deste ou outros documentos, pasen por conserxería facelos antes de dirixirse á oficina.

AVISO 2: prégase ao alumnado dos cursos superiores (de 2º en diante) que no correo do alumno/a poñan a súa conta de correo iesbrion (.....@iesbrion.com). O de 1º ESO que non poña ningún e xa se lle fará esa conta iniciado o curso.

IMPRESOS POR CURSOS NOS SEGUINTES ENLACES:

  

INSTRUCIÓNS ENTREGA NOTAS E RECOLLIDA DE LIBROS

DÍA

HORA

 

Xoves, 24 de Xuño

9:00h

Entrega de notas 2º BAC

Luns, 28 de Xuño

9:00h-11:00h

Entrega de notas e recollida de libros e ordenadores EDIXGAL de  ESO e 1º BAC nas aulas de referencia.

Luns, 28 de Xuño

12:00 h

Envío de notas mediante:  SIXA E ABALAR

Foron enviadas instrucións ao correo electrónico das familias e alumnado.

Recórdase ás familias que o luns 28 NON HAI TRANSPORTE ESCOLAR

CONECTADAS

Conectadas é un proxecto creado para a participación na 5ª edición de Wisibilízalas cos obxectivos de dar visibilidade a mulleres do noso entorno, promocionar ámbitos STEAM e o traballo en grupo a través das TIC.

No proxecto participaron trece mulleres, once delas conectadas directamente á nosa comunidade educativa, alumnas da ESO e Bacharelato, ex alumnas, profesoras, nai de ex alumnos e dúas profesoras e investigadoras da USC.

Agradecemenos a Flavia, Bea, Marta, Carmen, Paloma, Erica, Antía, Nerea, Noela, Eva, Cristina, Teresa e Mercedes a súa colaboración. Sen elas este proxecto non sería posible.

O proxecto foi creado por alumnado de 2º de Bacharelato nas materias de TIC II e Tradución.

“Conectadas” is a project carried out by the IES de Brion to participate in the 5th edition of Wisibilízalas, with the objective of giving visibility to women in our environment and promoting the field of STEM and teamwork through ICTs.

13 women participated in the project, 11 of whon are directly connected to our educational community as highschool students, graduates, teachers, parents of past graduates or researchers for the University of Santiago de Compostela, which is near Brion.

We would like to thank Flavia, Bea, Marta, Carmen, Paloma, Érica, Antía, Nerea, Noela, Eva, Cristina, Teresa and Mercede for their participation in this project.

We are students in our last year of highschool in the IES de Brión, and created the website in our ICT subject, with help from the students of our Translation class.

ANXO CARRACEDO VISITA O IES DE BRIÓN

O pasado xoves 27 de maio, Anxo Carracedo veu dar unha charla ao instituto para os alumnos e alumnas de cuarto da ESO. Anxo é un catedrático en medicina legal, investigador e xenetista galego, máis concretamente de Santa Comba, aclamado e recoñecido internacionalmente debido ao seu compromiso profesional e a súa capacidade laboral. El e o seu equipo traballan constantemente en numerosos casos a nivel mundial e son o centro de labor punteiro forense do mundo, algúns dos casos máis famosos nos que traballaron son: as nenas de Alcasser, o 11 M, a operación Minstead (na que colaborou co goberno británico), o tsunami asiático de 2004 e o 11 S entre outros. Nestes traballos participa analizando probas e restos xenéticos que aparecen nas escenas do crime, axudando así a atopar datos para incriminar aos culpables.

A parte do seu labor na medicina forense, é tamén director de moitas organizacións e proxectos científicos de carácter internacional, dentro destes encontramos moitos orientados a psiquiatría, máis concretamente a trastornos como o TDH e a esquizofrenia. Grazas a todos estes logros laborais, Anxo Carracedo está nomeado este ano ao premio Príncipe de Asturias o cal supón outra meta cumprida na súa carreira.

Durante toda a charla, Anxo transmitiunos a paixón e dedicación que pon no seu traballo día a día, incentivándonos así tamén a nós a traballar de algo que nos encha e que sexa a nosa verdadeira vocación. Outros aspectos a destacar da súa persoa son a humildade ca que fala, cousa que a pesar da súa importancia como profesional nunca perde, e a súa capacidade na oralidade a cal fai que entender ao que se dedica e como o fai sexa moi doado. Por todo isto e por moitas máis razóns, Anxo é un modelo a seguir e un exemplo de que con esforzo, dedicación e paixón polo que fas podes chegar tan lonxe coma el.

Carolina Cambeiro 4ºESO A

PREMATRÍCULA CURSO 2021/22

Dende o IES de Brión queremos coñecer a escolla de optativas do noso alumnado para o curso 21-22; para iso poñemos á vosa disposición o seguinte formulario de prematrícula. Por favor, cubrídeo e enviádeo antes do luns, día 7 ás 15 h. Para acceder pediravos a vosa conta de correo iesbrion.

Este formulario soamente é para o alumnado que pasará o próximo curso para 2º BACH ou 4º ESO. 

Poñede atención, tede en conta que a vosa escolla determinará a configuración dos itinerarios do curso que ven.

 

 

Distribuir contido