VIAXE 3º ESO A DUNAS DE CORRUBEDO, CASTRO BAROÑA E PRAIA AGUIEIRA

O pasado luns 21 de xuño, o alumnado de 3º de ESO, acompañado de 5 docentes, fixemos unha excursión ás Dunas de Corrubedo, Castro Baroña e a praia da Aguieira.

Collemos o autobús pola mañá cedo e disfrutamos da viaxe, cantando, rindo e, facendo honor á nosa reputación, falando entre nós con paixón.

O noso primeiro destino foron as Dunas de Corrubedo, ás que chegamos por medio dunha pasarela de madeira. Eran moi bonitas, pero o paso estaba prohibido, polo que era o típico de "mírase pero non se toca".

Despois, baixamos por un pequeno camiño, onde atopamos aos gardas forestais. Nese camiño chegamos á lagoa de Carregal e a unha fermosa praia.

Chegaba a hora da merenda da mañá, así que paramos nun bar de camiño a Castro Baroña.

E volta ao autobús para chegar a Castro Baroña, un lugar fermoso que desfrutamos moito, xa que había toneladas de rochas polas que escalar e divertirse e as vistas eran incribles.

De novo, subimos ao autobús. Chegamos á praia da Aguieira, onde paramos a comer antes de entrar na propia praia. Algunhas persoas comezaron a xogar ao voleibol (fixeches o teu traballo en Educación Física, Carmen).

Cando finalmente fomos á praia, as que quixemos (ou puidemos), demos un baño memorable. Xogamos coa area e desfrutamos do sol, aínda que case nos queimamos porque esquecemos a protección solar.

Ao final volvemos, cansas e satisfeitas, porque tivemos unha das mellores excursións!

Por Antela Casas e Maruxa Garaboa, 3º ESO grupo A