Un grupo de alumnos de 2º de bacharelato do noso centro acaba de ganar o campionato do mundo da “d3mobile.es metrology word league”, unha competición internacional de modelado en 3D de precisión co móbil para estudantes de 4º da ESO e bacharelato. O Instituto da Sangriña proclamouse ganador desta competición por segundo ano consecutivo. No ano 2013 xa conseguira ganar o campionato cun equipo formado por estudantes de 4º ESO.
A competición está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación USCAN3D, pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), polo CEM (Centro Español de Metrología) e polo Instituto Geográfico Nacional.
O obxectivo desta competición é fomentar vocacións científicas e técnicas entre os rapaces e espertar a súa capacidade investigadora á vez que aprenden a usar novas técnicas e ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías.
Desde que en xaneiro dera comezo a Metrology word league, o equipo do IES A Sangriña da Guarda “tecnosang 2.1” compatibilizou, non sen esforzo, as esixencias do último curso do bacharelato coas propias da competición. As veces tiveron que traballar contra o reloxo para entregar a tempo algunha das probas. Os integrantes do equipo, e futuros estudantes de Enxeñería, son Irene Rodríguez Rodríguez, Jorge Piedra Dorado e Alejandro González Martínez, coordinados polo profesor de tecnoloxía Antonio Lomba Baz.