Skip to Content

Os Dardos de Xoana

Luns 21 de outubro foi o día escollido por Xoana para presentar no noso centro, grazas ao apoio da Fundación Paideia, o seu disco Dardos. A verdade é que nos deixou sen alento coa súa profesionalidade sobre o escenario no que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos; temas nos que a protesta e a reivindicación están presentes xunto con outros máis intimistas e sempre nunha lingua moi traballada e impecable. Despois de escoitala non nos estraña nada que fora finalista en sete categorías nos últimos premios MIN de música. Brava

Barahúnda e Guadi Galego entusiasmaron coas músicas dos seus últimos traballos

Guadi

J. G.

SANTIAGO / A VOZ 19/10/2019 05:00 H

O grupo Barahúnda e Guadi Galego entusiasmaron ao público da cidade que asistiu á presentación dos seus últimos traballos. Barahúnda fíxoo na librería Pedreira e a intervención de Guadi Galego foi o primeiro acto na nova biblioteca do IES Xelmírez II.

Barahúnda xurdiu hai anos en Madrid, integrado por Helena de Alfonso e José Lara. Ambos os artistas trasladáronse fai dez anos para Rianxo e Onde ven o mar, que presentaron antonte na cidade, é o seu segundo traballo en galego.

Arranca a actividade do Club de lectura de igualdade e xénero

O Club de Lectura de Igualdade e Xénero iniciou a súa andaina coa asistencia, o pasado venres 18 de outubro, á representación da obra Elisa e Marcela, a cargo da compañía A Panadaría. Ao finalizar a función tiramos esta fotografía, que non retrata a todas as persoas que asistimos, pero que sen dúbida nos representa en conxunto, pois nela están capturadas a xenerosidade dunhas actrices inmensas, as risas dun anaco de tempo descontraído e as cores vivas do amor libre. 
O camiño cara á igualdade é longo... pero temos os pés preparados!

Elisa e Marcela

Guadi Galego e Pepe Cunha: pola beira da canción

Hoxe na nosa nova biblioteca tivemos o primeiro acto: a presentación do libro Pola beira da canción de Pepe Cunha, (do portal galego de comunicación musica, Ábrete de orellas) sobre a carreira artística de Guadi Galego, tipo de libro que supón unha novidade na nosa bibliografía.

E para celebralo contamos coa presenza tanto da artista como do escritor que nos debullaron o contido do libro e, sobre todo, falaron de música con preto de 70 alumnas e alumnos de 3ESO e 1BACH. Un auténtico luxo. E grazas tamén a Iria que preparou esta presentación onde lembramos a súa actuación no noso centro hai un par de anos acompañada por alumnado.

Por certo, a partir do 25 a disposición de todos o seu novo traballo "Inmersión" que se presentará nas principais cidades e vilas galegas.

14 de outubro: Día das Escritoras

O pasado 14 de outubro celebramos no centro o Día das Escritoras.

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto coa Federación Española de Mulleres Xestoras, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásica e Moderna que, desde 2016, busca reivindicar o traballo e o legado das escritoras ao longo da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras. Unímonos a esta iniciativa coa lectura de fragmentos durante o primeiro recreo por parte do alumando do centro na entrada do centro. Ademais os textos relacionados foron expostos na entrada do centro e na Biblioteca contamos cunha selección de libros de Literatura Xuvenil con selo de muller.

Día das Escritoras

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

DELF ESCOLAR 2019

Parabéns ao alumnado que se presentou á convocatoria do DELF ESCOLAR 2019 nivel B1! 100% de aprobados!

 

Crick to game: videoxogo en galego

O pasado venres 11 de outubro o alumnado de 3ESO e o de Programación de 2ºBACH tivo a sorte de coñecer de primeira man como se crea un videoxogo. Para iso contamos no centro coa presenza de  Nicolás Casal de Fosfatina Studios e de Miguel Areán de Polygon.e Studios onde se elaborou Cricktogame o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch. Sen dúbida, un ámbito que empeza a coller pulo en Galicia, sobre todo, coa apertura do grao de Creación dixital.

Visita á biblioteca dos alumnos de 1.º ESO

Os alumnos e alumnas de primeiro curso visitaron a biblioteca do centro nunhas sesións orientadas á formación de usuarios. Con estas visitas preténdese que os novos alumnos e alumnas coñezan a situación da biblioteca, os materiais dos que dispón e a súa organización espacial, o sistema de clasificación e ordenación, os servizos que ofrece (sala, empréstito a domicilio, acceso a internet, etc.). 

Tamén se mostrou o catálogo on-line do Proxecto Meiga e como procurar materiais nel, para logo localizalos autonomamente na sala.

Visita biblioteca

Sesión STEM: Laboratorio de química

Na sesión do 3 de outubro traballamos no laboratorio de química. En primeiro lugar, visualizamos unha presentación para introducir o concepto de pH, e a súa aplicación a disolucións.

A continuación, o alumnado STEM realizou diversas prácticas de estimación e medición do pH en produtos habituais nas nosas casas e en diferentes disolucións. Finalmente, levaron a cabo unha valoración de disolucións de HCl de concentración descoñecida a partir de disolucións de NaOH de concentración coñecida.

Empezamos con morcegos

Este ano empezamos as actividades do EDL falando de ciencia co alumnado de 1ESO, en concreto, dos morcegos de Galicia. Para isto, contamos coa presenza do biólogo Manuel Arzúa da Asociación Drosera que nos achegou moita e interesante información sobre a tipoloxía, hábitat e gran funcionalidade dos nosos morcegos. Dende logo que foi marabilloso escoitar a este especialista que deixou o alumnado con moitas preguntas que facerlle por falta de tempo. Terá que volver.

Reunións de acollida nais e pais

Reunións cos titores e titoras, co departamento de orientación e equipo directivo

Luns 30 de setembro ás 19.30h: familias do alumnado de 1º da ESO

Martes 1 de outubro ás 19.30h:  familias do alumnado de 2º da ESO

Mércores, 2 de outubro ás 19.30h: familias do alumnado de 3º e 4º da ESO

Xoves, 3 de outubro ás 19.30h, familias do alumnado de 1º de Bacharelato

Xoves, 3 de outubro ás 19.00h, familias do alumnado de 2º de Bacharelato

O STEMBach inicia as súas actividades

Para iniciar as actividades do STEM_Bach correspondentes ao curso 2019-20 realizouse o xoves 26 de setembro unha presentación no centro.

A directora deu a benvida a todos os asistentes, entre os que se atopaban as alumnas e alumnos de 1º e 2º curso desta modalidade, así como moitos dos seus pais e nais.

Por parte do profesorado, estiveron representados diferentes departamentos.

Cunha pequena presentación visual trasladóuselle ao alumnado e ás familias a información máis relevante acerca deste proxecto do centro, pensando especialmente nas persoas que comezan este ano.

Finalmente, parte do alumnado de 2º transmitiulles aos novos compañeiros a súa visión do que foi o primeiro ano de experiencia deste programa.

Becas Fundación Amancio Ortega

A Fundación Amancio Ortega convoca 600 bolsas dirixidas a alumnos de 4.º da ESO de centros educativos de España para estudar durante o curso académico 2020/2021 primeiro de Bacharelato en Canadá ou en Estados Unidos. 100 bolsas asignaranse aos participantes dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e 500 bolsas aos participantes dos centros educativos das outras Comunidades Autónomas de España.
Prazo de inscrición: do 23 de setembro ao 30 de outubro de 2019.
Bases e inscricións nas páxinas webs www.becas.faortega.org ou en https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-B-2019-39779

AVISO - Horario de oficina

Durante o mes de outubro e no que queda do mes de setembro o horario da oficina do centro será o seguinte:

 

Luns - martes - mércores: 11.00h a 14.00h

Xoves - venres: 09.00h - 14.00h

 

Desculpen as molestias.

Listaxes definitivas Fondolibros.

Publícanse as listaxe definitivas de admitidos e excluídos da axuda de fondolibros. Esta información está dispoñible tamén no taboleiro interior do instituto.

No arquivo chamado "lista de libros complementarios 2019" figura para cada alumno e alumna se algún dos libros adxudicados son complementarios, indicados cun (c) ao final do nome do libro. 

O reparto dos libros complementarios, que son de nova adquisición, demorarase uns días. En canto cheguen avisamos a través desta páxina web, e por medio dunha nota que se entregará ao alumnado concernido.

Distribuir contido


by Dr. Radut