Historia do Centro
Colexio de San Xerome - Minube.com
O noso centro foi fundado no ano 1847 co nome que mantén na actualidade, agora compartido co IES Arcebispo Xelmírez I, no edificio do Colexio da Compañía de Xesús, tras a expulsión dos xesuítas, para acoller ao alumnado de segunda ensinanza que nos dous anos anteriores albergara o Colexio de San Xerome, na imaxe sobre estas liñas.
Facultade de Filosofía da USC - Minube.com
O edificio da Compañía de Xesús é a actual Facultade de Filosofía en Mazarelos, que podedes ver na foto sobre este parágrafo. No ano 1965, o Instituto de Segunda Ensinanza trasladouse ao edificio de San Caetano, na imaxe baixo estas liñas.
By Luis Miguel Bugallo Sánchez [GFDL or CC-BY-SA-3.0], via Wikimedia Commons
Finalmente, desde o 1985 o centro ocupa o edificio actual. Cando se decidiu o uso administrativo do edificio de San Caetano, construíronse dous edificios para acoller ao alumnado: un na zona sur de Santiago e outro na zona norte.
O da zona sur rematouse uns meses antes, sendo ocupado no ano 1984, mentres que o da zona norte inaugurouse en 1985. Esa é a razón das denominacións IES Arcebispo Xelmírez I, no Campus Vida, e IES Arcebispo Xelmírez II, en Salgueiriños.
Tamén é ese o motivo de que o patrimonio histórico conformado pola Biblioteca Antiga e o Museo de Ciencias, que albergan unha valiosa colección de libros e instrumentos científicos, permaneza exposto -desde o ano 1984- nas dependencias do edificio ubicado no Campus Vida.