Os nove traballos de investigación do bacharelato tecnolóxico conseguiron un 10 no IES Xelmírez II de Santiago
J. G.
SANTIAGO / LA VOZ
Sandra Alonso
Docentes das universidades de Santiago e A Coruña orientaron os seus estudos e participaron na comisión que lles avaliou
10 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.
Doce estudantes do bacharelato en ciencia e tecnoloxía ( STEMbach) do IES Xelmírez II conseguiron a máxima cualificación, un 10, na defensa pública dos traballos de investigación que lles esixen para conseguir este título. No xurado que lles cualificou participou o catedrático Anxo Carracedo e outros docentes universitarios. Acudiu ademais Celso Rodríguez, o delegado do reitor da USC para estes ensinos. «Para a nosa comunidade educativa foi unha honra poder contar con este profesorado», afirma Pilar Tobar, directora do instituto, pioneiro en implantar estes ensinos en Galicia, ou en contar cun Club de Ciencia e un Espazo Maker.
O alumnado dispoñía de 15 minutos para expoñer o seu traballo e 10 para debater coa comisión avaliadora. Nas investigacións orientáronlles docentes de Bioloxía, Matemáticas, Medicina, Enxeñerías ou do Citius, das universidades de Santiago e A Coruña. Varios orientadores estiveron no Xelmírez II, aínda que tamén contactaron por correo electrónico ou videochamadas.
Abordaron a simulación dun motor de dous tempos, análises do xenoma bacteriano, cálculo, calidade de chans de Santiago, estudo dunha imaxe dixital, contaminación de augas, o covid-19, determinación de calores ou tratamento da dor.
Adrián Caamaño, Enrique Santos, Laura Rodríguez, Mercedes Parajó, Lara González e Nerea Martínez, Beatriz Iglesias, Antón Etxeita, Álvaro Barral e Óscar Canabal, e Pablo Pazos e Daniel Prado asinaban os traballos. Tres realizáronos equipos de dous estudantes, os demais eran individuais.
Entre os titores estaban Francisco Omil, Antonio Salgas, Francisco Rivadulla, José Manuel Brea, Manuel Ladra, Remigio Paradelo, Elena Vázquez Cendón, Jesús López Romalde ou María Isabel Lamas Galdo.