Exposición: Unha gran burla negra: Creatividade popular e memoria do Prestige
O 13 de novembro ás 12:30 horas, un pouco antes de que se cumprisen 17 anos do mayday do capitán Mangouras, inaugurouse no vestíbulo do IES Arcebispo Xelmírez II a exposición “Unha gran burla negra: Creatividade popular e memoria do Prestige”
Asistiron á celebración do acto gran parte das persoas implicadas na recollida e arquivado de todo este patrimonio cultural, algunhas das cales, ademais, comisariaron a mostra: Daniel L. Abel, Jorge Linheira, Miguel Anxo Rodríguez e Diego Vites. Como representante do Concello de Santiago de Compostela acompañounos Noa Díaz Varela (Concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas).
As persoas responsables da escolla do material, que por primeira vez exponse nun centro de ensino, explicáronlle ao alumnado de primeiro de bacharelato a importancia da resposta cidadá ante o que unha grande parte da poboación da nosa Comunidade sentiu como un “ataque” a algo esencial de Galicia: o seu mar. Tamén resaltaron que ante isto a cidadanía non se limitou a queixarse polo baixo e rosmar, senón que cunha grande inventiva fixo que o “chapapote” estivese presente en todas partes e en moitas ocasión en ton burlesco e retranqueiro: en chisqueiros, en esquelas, en festexos tradicionais, en pins e chapas, en barrallas …
Contáronlles como a marea negra, a burla negra, a area negra, inundou Galicia. Contáronlles como unha cadea humana de estudantes coma eles púxose fronte ao noso mar e dixo: Nunca máis!