Skip to Content

Visita á Pontenova. Patrimonio histórico-industrial

Se por algo é coñecido este concello lucense é polo seu pasado mineiro. Xunto ás de Viveiro, as da Pontenova foron na 1.ª metade do século XX unhas das minas de ferro máis grandes de Galicia. Da súa explotación, entre os anos 1901 e 1965, quedan numerosos restos patrimoniais que se converteron en verdadeiros sinais de identidade da Pontenova: os cinco fornos de fundición, a estación de ferrocarril ou a senda verde que discorre polo trazado da liña ferroviaria que unía a vila co porto de Ribadeo.

Ata o nordés de Lugo, acudiu Vedra medra co alumnado de 3.º da ESO. Alí tivemos ocasión de acceder á mina Consuelo, unha galería subterránea de grande interese espeleolóxico, de percorrer a ruta dos fornos e de baixar en tirolesa. Esta, de 330 m. de lonxitude e que hai pouco que se puxo en funcionamento, recrea o antigo teleférico aéreo, construído en 1905, que servía para trasladar o mineral ata o forno do Boulloso.

Aprendemos o que era o “leite de lúa”, apreciamos as cores dos restos de mineral dentro da mina, imaxinamos como sería a vida e o traballo dos mineiros, reparamos nas infraestruturas que trouxo consigo esta actividade industrial para unha comarca rural coma esta... abrimos camiños para o coñecemento dun patrimonio que non coñeciamos ata agora.

Album de fotos e video



story | by Dr. Radut