Comezamos a Escola de menciñeiros
Aquí vos presentamos a primeira actividade de “Escola de menciñeiros”, sección que abrimos este curso en Vedra medra e coa que queremos recordar a importancia que ten o coñecemento ancestral das plantas silvestres con propiedades curativas para as comunidades rurais.
Hoxe estivo connosco Pura Seoane, veciña e ademais posuidora dunha elevada capacidade de manexo dos recursos naturais e dun extenso coñecemento fitoterapéutico da flora autóctona.
O alumnado de 3.º da ESO acompañouna nunha ruta guiada polos arredores do centro para comezar coa identificación das distintas especies, primeira sesión desta particular aula de aprendizaxe. Na seguinte seguiremos co rexistro da tradición oral asociada e o protagonismo cederémosllelo daquela aos nosos maiores.
Xulia Marqués
Coordinadora do EDLG e de Vedra medra