ASÍ FOI A VISITA DO DR. ÁNGEL CARRACEDO AO CPI DE VEDRA
O CPI Plurilingüe de Vedra recibiu hoxe venres a visita do recoñecido doutor, experto en xenética e medicina legal e forense, D. Ángel Carracedo Álvarez, como primeiro dos actos organizados pola ANPA do centro dentro dos II Encontros da Comunidade Educativa que se celebra este fin de semana. O motivo da mesma foi manter un encontro co alumnado de Secundaria que dedicou as últimas semanas a preparar a visita e elaborar documentación para a paxina web do centro e o blogue do Departamento de Ciencias Naturais.
A primeiras horas da mañá foi recibido polo Equipo Directivo, que o acompañou nunha breve visita ao centro educativo, para posteriormente trasladarse ao salón de actos á Casa da Terceira Idade de Vedra, onde tivo lugar o acto principal.
O director do CPI, José Viaño, abriu o acto dando a benvida e agradecendo aos promotores da actividade a consecución da mesma. De seguido tomaron a palabra Ramón Lago, en nome da directiva da ANPA e o alcalde do Vedra, Carlos Carrillo.
A continuación, dúas alumnas do grupo de Bioloxía, de 4º de ESO, fixeron unha reseña biográfica de Ángel Carracedo repasando os seus méritos e cargos desempeñados na súa dilatada carreira.
Como parte principal acto, o doutor Carracedo mantivo un encontro co alumnado de ESO, no que repasou os distintos campos nos que traballan os grupos de investigadores que dirixe, e fixo un experimento de extracción de ADN dos chícharos, que foi toda unha sorpresa para o alumnado. Na última parte da charla, referiuse máis directamente aos casos de medicina forense nos que ten traballado, e rematou cun interesante turno de preguntas, nos que se puxo de manifesto a importancia da labor divulgativa no campo científico que o prestixioso investigador ben desempeñando.
Toda a comunidade educativa mostrou a súa satisfacción polo enorme interese espertado pola visita e o bo desenvolvemento da mesma.