Lingua e literatura galega

Caligramas meteorolóxicos e vídeo-creación de prognósticos do tempo.

Ao abeiro do programa Meteoescolas o alumnado de 4º da ESO  desenvolveu na materia de Lingua galega e literatura o proxecto da creación de Caligramas meteorolóxicos, aproveitando os coñecementos adquiridos no tema das Vangardas galegas,  e expostos no mes de abril na entrada do centro, e mais a vídeo-creación de prognósticos do tempo, logo de traballar en profundidade este campo léxico.

Déixovos a continuación algunhas mostras do traballo dos nosos artistas:

 

 

 

 

 

PROXECTO ARQUITECTURA CON ÉTICA

Da mesma maneira que os grupos de 3º ESO, o alumnado de Valores Éticos de 4ºESO-B tamén está deseñando e construíndo a súa  maqueta seguindo a mesma liña de traballo académico. 

Eis unhas fotografías: 

 

PROXECTO ARQUITECTURA CON ÉTICA

Durante este terceiro trimestre o alumnado de Valores Éticos de 3º ESO está desenvolvendo o proxecto Arquitectura con ética

Logo de estudarmos os contidos correspondentes ao bloque 6 "Os valores éticos e a súa relación coa ciencia e a tecnoloxía", ambos os grupos están construíndo cadansúa maqueta na que deberán deseñar a cidade do futuro aplicando os contidos vistos na aula. 

Deixamos unhas fotografías do proceso de construción e deseño. 

3º ESO-A

3º ESO-B

Aí vén o maio!

AÍ VÉN O MAIO!!

 

 

A VÉSPERA DO 1 DE MAIO

O serán do 30 de abril comeza unha das celebracións galegas máis antigas, así como tamén do norte de Portugal e de Irlanda, curiosamente sobre todo do condado de Mayo, gaélico Maigh Eo, na provincia de Connacht. Estamos a referirnos a un conxunto de ritos que se realizan ao redor da festividade do Maio, mais que aínda que frecuentemente se relaciona co Beltaine, a festa celta de benvida á primavera, trátase dunha celebración máis antiga e estendida por Europa, pero que se conserva especialmente viva na área atlántica europea.

 

MOLLOS DE FLORES AMARELAS

Unha tradición moi presente na costa occidental galega, e tamén en varios países de Europa, é a de colocar un mollo de flores amarelas, xestas no caso galego, nas entradas e fiestras para nos protexer dos maos agoiros e desgrazas que poidan causar, por exemplo, as bruxas galegas ou as cailleachs irlandesas. De feito hoxe en día continúa tan viva esta tradición que incluso se chegan a dispoñer estes ramallos de xestas nas portas dos coches, incluída a traseira, porque habelas, hainas e non vaia ser que até nos enfeiticen o coche.

Ramallo de xesta nunha entrada

 

Historia animada dunha cailleach

 

Alén diso, esta noite tamén se comeza a traballar de xeito comunitario na construción dos maios, estruturas de madeira recubertas de moreas de fiúncho e enfeitadas con grilandas de flores, colares de bugallos e tamén de ovos cocidos e lirios salvaxes. 

M

 

Mais en Galicia tamén temos maios humanos! Coma este de Portomarín:

Unha vez preparadas e erguidas estas estruturas sáese cantar os maios, tradicionalmente eran os mozos novos os que ían en grupo cantarlles romances ás mozas, aínda que tamén se conservan cantigas dirixidas á Virxe de data máis recente.

 

FOGUEIRAS

Na noite do 30 de abril os druídas, os sacerdotes da relixión céltica, acendían a fogueira do Beltaine no outeiro de Tara (Meath, Irlanda) e deste rito antergo pervive o costume galego, e tamén asturiano, das lumieiras desta data. A xente xuntábase nas leiras e terras de cultivo e prendían fogueiras, con elas acendíanse un pequenos fachos cos que percorrían os campos co fin de bendicilose asegurar unha boa colleita futura. De feito na zona compostelá do Val da Maía pervive a tradición do lumepán, que como moitos dos costumes precristiáns foi case varrido, e que consiste en iluminar (lume) os cereais (pan) para protexelos das enfermidades e mais das inclemencias do tempo e tamén para favorecer e agradecer a fertilidade da terra. E con que material se realizan estas fogueiras? Pois con toxos e xestas, ambos os dous arbustos portadores de flores amarelas, para logo ir percorrendo as leiras con fachos pequenos nese ritual de protección e todo adobiado, como non podía ser doutro xeito ao tratarse dunha celebración, de bailes e cantos.

Mira pan, mira pan

a larada que che fago

dame cada gran coma un bogallo,

e cada pé coma un carballo.

(Urdilde, Rois)


Ilustración de Castel 

 

1 DE MAIO

A ÁRBORE DO MAIO

Outra das tradicións aínda conservadas no noroeste da Península Ibérica (e en datas variadas en Portugal, no Brasil, na Bretaña francesa, Suíza ou incluso en Rusia)é a da árbore do maio, que consiste noutra reunión grupal da rapazada a noite do 30 de abril, neste caso para cortar a árbore máis alta da contorna, limpala da cortiza e colocala no medio da praza da vila. Na parte superior da estrutura colocan unhas fitas de cores e algunhas florespara despois bailar na mañá do 1 de maio ao redor do devandito tronco agarrados de cadansúa fita creando unha trenza de cores. Ritual similar a este é o May Pole, documentado xa nos inicios da Idade Media na zona xermánica, de onde pasou ao arquipélago británico e que posteriormente se estenderá a Irlanda.

 

MALLUZOS DE FLORES

Na mañá do 1 de maio outro dos costumes de diversos puntos da xeografía galega, como por exemplo na zona dos Riós (Ourense), en Quiroga (Lugo) ou en Cambados (Pontevedra), era que os nenos e nenas portasen malluzos de flores que vendían ou trocaban por larpeiradas. Tamén en Xixón (Asturias) se documenta este rito, mais no canto de malluzos de flores o que elaboran son grilandas de flores, moi similares ás das celebracións do 1 de maio en Irlanda.

 

 

 

COPLAS DOS MAIOS

E, por último, non podía faltar a parte musical desta festa: as coplas dos maios. Estas composicións, que dan a benvida á tan ansiada primavera e aos manxares que ela nos depara, habitualmente eran interpretadas por un neno ou nena (solista) colocado debaixo do maio ao que asistían varios compañeiros marcando o ritmo con paus e dando voltas en círculo. Estes actuaban a xeito de coro repetindo a copla despois de que o solista a cante.

E lembrade:



Chegou xa o maio

cantando ós amores

namorando ás nenas

vestido de flores.

(Copla tradicional)



Gozade desta festa e non esquezades poñer unha ramalliña de xesta na entrada ou fiestra porque nunca se sabe!

QUÉROTE +

Os días 12 e 13 de abril, o alumnado de 3ºESO tivo unha nova sesión do Plan Proxecta Quérote +. Nesta ocasión estivemos analizando a influencia das novas tecnoloxías nas relacións humanas e como afectan ao seu desenvolvemento. 

Unha vez máis, os discentes deron conta do seu compromiso e da súa implicación coa actividade xa que participaron activamente nos debates que se crearon na aula ao tempo que demostraron un gran sentido crítico coas consecuencias que poden ter as novas tecnoloxías no eido das relacións amorosas. 

Para levar a cabo a sesión, visualizamos as curtametraxes Yo también te quiero e Doble Check, que deixan ver como a comunicación humana -especialmente no eido das relacións de parella- é sempre máis efectiva de xeito presencial. Finalmente, comentamos e explicamos as normas que deben rexer a comunicación na rede a través do documento "Netiqueta Joven para Redes Sociales: ciudadanía digital y ciberconvivencia". 

Eis o resumo fotogáfico de ambos os cursos. 

3º ESO-A

3º ESO-B

ACTIVIDADE: 

 

 

 

 

 

 

TROBANDO QUE É XERUNDIO

Co gallo do Día Internacional da Poesía, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro levamos a cabo a actividade que denominamos Trobando que é xerundio! co alumnado de 3º ESO.

Aproveitando que durante os trimestres anteriores estudamos a lírica medieval, puxémonos na pel de trobadores e de xograres de tal maneira que foron eles e elas quen compuxeron as cantigas ao tempo que contamos cun grupo de intérpretes que deron voz ás composicións. E velaquí o resultado. 

Felicidades, unha vez máis, aos grupos de 3º ESO polo seu compromiso coa materia e coa actividade. 

E ti, de quen vés sendo?

6ª muller – día 17 de marzo

A muller que procurabamos o día 16 de marzo era Sonia Villapol Salgado.

 

Vida

Nada en Bretoña o 8 de maio de 1977.

Estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Bioloxía molecular e Biotecnoloxía en 2003. Completou os seus estudos cun máster en Neurociencia e iniciou os estudos de doutoramento na Universidade Autònoma de Barcelona nos campos da Bioloxía celular, a Fisioloxía e a Inmunoloxía, que finalizou no 2007 coa lectura da súa tese sobre os mecanismos da morte celular no cerebro.

 

Traballo

Foi investigadora posdoutoral no Centre National de la Recherche Scientifique da Universidade Pierre et Marie Curie en Francia e logo no Instituto Nacional Francés de Investigacións en Saúde e Medicina (INSERM) en París. Posteriormente trasladouse aos Estados Unidos onde exerce como Neurocientífica no Texas Medical Center de Houston, ademais de ser unha das colaboradoras do Instituto Nacional de Saúde (NIH) e do Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa.

Alén diso, en 2014 iniciou a súa etapa docente como profesora asistente no Departamento de Neurociencia da Universidade de Georgetown e hoxe en día forma parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19, ocupándose dos estudos sobre o dano que este virus provoca no cerebro e no sistema nervioso.

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 17de marzo?

Pois... Emma González Leyenda de 1ºB!!

 

 

 

E ti, de quen vés sendo?

5ª muller – día 16 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 16 de marzo era Ramona Vaamonde Fernández.

 

Vida

Ramona Vaamonde Fernández naceu en Santiago de Compostela o 28 de abril de 1907 e morreu na mesma cidade o 8 de agosto de 1997. Era filla do doutor Joaquín Vaamonde Rodríguez, médico compostelán pioneiro da Radioloxía en Galicia.

Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1930, con Premio Extraordinario de Licenciatura e con 12 sobresalientes e matrículas de honra das 14 materias da carreira. En 1937, durante a Guerra Civil e na súa etapa no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago, obtivo o título de enfermeira. Doutorouse en 1957 cunha tese sobre o metabolismo dos ácidos nucleicos das bacterias.

Traballo

Desde 1967 exerceu como profesora de Microbioloxía e Técnica microbiolóxica; nese mesmo ano tamén foi nomeada profesora agregada de Parasitoloxía. En setembro de 1975, detectou moi axiña en Santiago de Compostela a presenza do virus do cólera evitando así unha pandemia. Xubilouse en 1977.

Repercusión

Entre os recoñecementos que recibiu destaca que recentemente foi rescatada do esquecemento para pasar a formar parte do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 16 de marzo?

Pois…Jara Otero Gelpi de 1ºA!!

E ti, de quen vés sendo?

4ª muller – día 15 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 15 de marzo era Antonia Ferrín Moreiras.

 

Vida

Antonia Ferrín Moreiras, tamén coñecida como a galega que se namorou das estrelas, naceu en Ourense o 13 de maio de 1914 e finou en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2009.

A súa familia era humilde, pero os seus pais quixeron que as súas catro fillas tiveran estudos superiores, polo que se trasladaron a Santiago de Compostela.

En 1930, Antonia comezou os seus estudos superiores na Facultade de Ciencias da USC; a situación económica da súa familia propiciou que tivese a matrícula gratuíta e que se lle concedesen bolsas, grazas ás que, na época da II República (concretamente, en 1935), Ferrín puido licenciarse en Química e acadar o título de Maestra Nacional.

Traballo

Ao rematar a carreira, Ferrín comezou a traballar como profesora axudante en prácticas das materias de Física e Matemáticas da Facultade de Ciencias e como axudante interina no Departamento de Ciencias do Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago. Ao mesmo tempo, estudaba a carreira de Farmacia. En 1937, despois do estourido da Guerra Civil, sancionárona pola súa ideoloxía política e abríronlle un expediente de depuración por unha denuncia anónima. Por esta razón foi sancionada e apartada da docencia na Universidade, ata que se revisou a súa causa e puido volver exercer. Da man de Ramón María Aller -director e fundador do Observatorio Astronómico da USC- introduciuse no mundo da Astronomía e converteuse na primeira astrónoma galega. En 1950, conseguiu licenciarse en Matemáticas na Universidade Central de Madrid estudando como alumna libre os últimos tres años de carreira. Entre 1954 y 1956 acadou o doutoramento en Astronomía en Madrid. Ferrín foi a primeira muller profesora da Facultade de Ciencias da USC. En 1963 leu a súa tese de doutoramento, a primeira que trataba de Astronomía defendida por unha muller en España. Traballou como profesora adxunta de diferentes cátedras ao longo da súa vida, como a de Estadística ou a de Astronomía da Facultade de Matemáticas. Xubilouse en 1984.

Repercusión

O labor de Antonia Ferrín foi recoñecido con diferentes honores, como a súa inclusión, en 2018, na Táboa Periódica das Científicas ou o seu nomeamento como madriña no 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 15 de marzo?

Pois…Nadia Rodríguez Piñeiro de 1ºB!!

E ti, de quen vés sendo?

3ª muller – día 12 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 12 de marzo era Jimena Fernández de la Vega Lombán.

 

Vida

Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega Lombán naceu naVeiga (Asturias) o 30 de maio de 1895 e finou en Santiago de Compostelaen 1984.

O seu pai, médico liberal de Castroverde, foi membro da Institución Libre de Enseñanza, centro no que se defendía a liberdade de cátedra en tempos nos que en España se quería axustar o ensino a normas dogmáticas.

Xunto á súa irmá xemelga, Elisa, foron as primeiras mulleres en estudar nunha universidade galega, ao seren admitidas na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Remataron xuntas a carreira, e a Jimena concedéuselle o Premio Extraordinario (só se concede un por ano). Orientou o seu labor ao ámbito da Xenética e en 1922 presentou a súa tese doutoral, Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico.

 

Traballo

Foi profesora na Cátedra de Patoloxía Xeral da Universidade Central de Madrid (a hoxe coñecida como Universidad Complutense de Madrid). Durante a Guerra Civil exerceu como médica militar en Santiago de Compostela e, ao mesmo tempo, fíxose cargo dos tres fillos de Elisa á morte desta e tras o exilio do seu pai á Arxentina. Cando rematou a guerra volveu a Madrid, deu clases na Facultade e traballou no hospital de San Carlos, en Atocha. A finais dos anos 40, sacou as oposicións a médico de balneario e fíxose cargo do de Guitiriz, entre outros. Finalmente trasladouse ao balneario de Lanjarón (Granada), onde permaneceu ata a xubilación. Morreu nun sanatorio de Santiago dunha enfermidade cerebrovascular.

 

Repercusión

Entre os recoñecementos que recibiu destacan que, en 2006, se inaugurou a Vicerreitoría de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela baixo o nome de Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega e que, en 2021, a Real Academia Galega de Ciencias a escollese Científica galega do ano.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 12 de marzo?

Pois… Pedro Leyenda da Silva de 1ºB!!

E ti, de quen vés sendo?

2º muller – día 11 de marzo

A muller que procurabamos o día 11 de marzo era Olimpia Valencia.

Vida

Naceu en Baltar o 14 de decembro de 1898 e morreu en Vigo o 10 de xullo de 1987 aos 88 anos.

Realizou os seus estudos de Bacharelato no Instituto de Pontevedra, hoxe IES Valle-Inclán, a continuación prosegue coa súa formación en Maxisterio mais, como non manifestaba ningunha vocación docente, en 1919 decide iniciar os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela que culmina en 1925 obtendo o Premio Extraordinario. Cinco anos máis tarde, defende en Madrid a súa tese de doutoramento centrada na colesterinemia en sangue e a súa relación coa anestesia cirúrxica.

Por outra parte, foi unha firme defensora do Estatuto de Galicia durante a República, e inclusochegou a encabezar un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas pola pronvicia de Pontevedra,por mor do que foi detida ao comezo da Guerra Civil acusada de militar no Partido Galeguista.

Traballo

Foi a primeira muller galega titulada en Medicina e tamén a primeira que se dedicou á especialidade de Xinecoloxía, de feito abriu a súa consulta na rúa do Principe de Vigo no ano 1928 onde permaneceu até a súa xubilación nos anos 60.

Unha constante na súa vida é o interese pola investigación e os avances médicos de cara a implementalos na súa práctica cotiá. Por este motivo en 1929 solicitoulle unha bolsa de ampliación de estudos á Xunta para formarse en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza e posteriormente publicou varios artigos.

Alen diso, foi unha das fundadoras no 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo e da Alianza Francesa de Vigo.

Repercusión

Foi tal a súa importancia no eido da Medicina que o Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, leva o seu nome, ao igual que a biblioteca da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 11 de marzo?

Pois… Carolina Vázquez Acuña de 1ºA!!

E ti, de quen vés sendo?

 

Co fin de descubrirvos a figura de mulleres galegas relevantes en diversos ámbitos científicos e facelas máis próximas no voso día  a día puxemos a andar este concurso durante a semana do 10 ao 17 de marzo.

A muller que procurabamos o día 10 de marzo era Manuela Barreiro Pico.

Vida

Naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1877 e morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953 aos 76 anos.

Neta e filla de mestres, Manuela cursou os estudos primarios en Ribadeo e, máis tarde, examinouse por libre, sen acudir ás aulas, dos cursos correspondentes ao Bacharelato, primeiro no Instituto de Segunda Enseñanza de Tapia de Casariego entre os anos 1890 e 1893 e, posteriormente, no Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo entre os anos 1893 e 1895, sendo deste xeito a primeira muller galega que obtivo o título de Bacharelato.

Do mesmo xeito que foi pioneira na consecución do título de estudos secundarios tamén o será na súa etapa universitaria, pois ela vai ser a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1896 e, ademais, tamén será a primeira licenciada galega en Farmacia, e a sétima de España, no ano 1900.

Mais non todo foi tan doado como parece, xa que por ser muller, e falarmos de finais do século XIX, para poder estudar tivo que pedir un permiso especial ao mesmo ministro de Instrución Pública, previa autorización familiar, do mesmo xeito que  para exercer a súa profesión debeu solicitar outro permiso especial. Ademais, os convencionalismos e prexuízos da época non permitían que nas aulas se puidera sentar xunto aos seus compañeiros, senón que frecuentemente o facía na mesa do profesor, afastada deles.

Alén do anterior, o carácter pioneiro de Manuela reflíctese no feito de ser noticia nos xornais da época, como na Gaceta de Galicia ou El Eco de Santiago, a súa licenciatura en Farmacia.

Traballo

No 1901 abriu a Farmacia Moderna na actual rúa Rodríguez Murias de Ribadeo, alcumada popularmente como “A das Piconas” por acompañala frecuentemente a súa irmá no negocio e ser ese o seu segundo apelido. A nova desta apertura foi amplamente difundida nos xornais, igual que o seu traspaso 31 anos máis tarde.

Manuela foi unha muller moi activa e colaborou en todas as campañas de axuda aos necesitados, doando quer menciñas quer vacinas, e participando en programas de vacinación en parcería co consistorio municipal.

Os últimos anos da súa vida transcorreron en Madrid, na compaña da súa irmá e un sobriño, e alí está soterrada no cemiterio de San Lorenzo e San José.

Repercusión

No seu Ribadeo natal dedicóuselle unha rúa en homenaxe ao labor realizado ao longo da súa vida, mais non son moitas as mostras de recoñecemento desta pioneira no eido científico. De feito, non será até as recentes publicacións da profesora María Isabel Fernández García, da Facultade de Ciencias de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, que cheguemos a coñecer en profundidade as achegas desta valente muller. 

 

Cómpre recuperarmos do esquecemento as mulleres galegas que paseniño abriron camiño na Ciencia.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 10 de marzo?

Pois... Iria Rocha de la Iglesia de 3ºA!!

  

 

Entroido larafuzán, comiches a chicha e deixaches o pan!

Paseniño, paseniño fomos chegando ao Entroido, aínda que este ano a máscara levámola incorporada todo o curso...

 

O xeito que temos actualmente de celebrar o Entroido é unha cousa relativamente recente, data do século XIX. Nesa época, o Entroido, que até ese momento fora unha festa eminentemente rural, comeza a trasplantarse tamén ás cidades, e é aí onde se aburguesa, e comezan os bailes e concursos de disfraces, as carrozas, os desfiles... elementos que non existían no Entroido rural.

 

Ese Entroido rural constituía unha celebración moito máis arcaica, cunhas raíces moito máis profundas e complexas, e que, milagrosamente, moitas das súas características conseguiron chegar até os nosos días. E digo milagrosamente porque o Entroido foi prohibido ou, como mínimo, non demasiado ben visto en varios períodos da historia; o máis recente, durante a ditadura franquista, que non vía con moi bos ollos que as rúas e os camiños se enchesen de xente disfrazada durante varios días... Era algo demasiado subversivo. 

O que xa non está tan claro é a orixe do Entroido como celebración. A este respecto hai varias hipóteses, das cales vou citar unicamente tres:

     1) Ritual de fertilidade. De feito, en Galicia como en boa parte de Europa, as máscaras que protagonizan o Entroido son máscaras moi coloristas, con cores cálidas coma o vermello ou o amarelo, e en ocasións incluso con adornos florais; e iso interprétase como unha tentativa de estimular a natureza para que esperte do seu letargo invernal e para que dea comezo á primavera. Tamén nesta liña están outros dous elementos típicos destas máscaras: moitas delas levan obxectos para golpear, e tamén campás, chocas ou similares, cuxo cometido non é outro que facer ruído, facer barullo, precisamente para espertar a natureza.

 

Chocas que leva ao lombo un cigarrón

 

     2) Festividade dedicada aos defuntos. Na noite de Defuntos ou Samaín, do 31 de outubro ao 1 de novembro, ábrese un período que abranxe practicamente os meses centrais do inverno e durante o cal as almas dos mortos podían moverse polo mundo dos vivos e mesmo interactuar con eles.

 

Pois ben, unha das características que se lles atribúen aos mortos en moitas culturas (a galega entre elas) é a metamorfose, é dicir, a capacidade de se aparecen transformados en calquera animal ou cousa. Deste xeito, as máscaras do Entroido virían evocar precisamente esta circunstancia, por tanto, estarían a representar as almas dos defuntos irrompendo no mundo dos vivos. A este respecto cómpre lembrarmos o dito referido ao segundo santuario galego máis importante de peregrinación "ao San André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo" coa penuria engadida de ir convertido en serpe, sapo, lagarto ou becho similar.

 

     3) Transgresión consentida da orde social e da moral dominante. A moral cristiá, por exemplo, valora a abstinencia e o pudor, e no Entroido, en troques, todo é exceso, sobre todo na comida e na bebida. No Entroido eses sexos mistúranse, pois os homes vístense de mulleres, e as mulleres de homes; na nosa sociedade os humanos someten os animais, domestícanos, e destaca como ser racional, mais no Entroido o o ser humano animalízase, exterioriza o seu lado máis selvaxe etc. É dicir, que o Entroido sería iso, unha subversión, un "darlle a volta" ao mundo tal e como está estruturado.

O oso de Salcedo. Fonte: Emilio Romanos Fotografía

 

Cal destas explicacións é a boa? Pois seguramente todas e ningunha, quero dicir, o Entroido é un fenómeno tan tan tan antigo que foi desenvolvendo ao longo da súa historia todas estas dimensións, todos estes significados, e aínda algún máis que deixamos de lado.

 

CICLO DO ENTROIDO 

Comezamos co Domingo Fareleiro ou Domingo Borralleiro

Xoves de Compadres

 

Domingo Corredoiro ou Domingo Oleiro

 

 

Xoves de Comadres

 

 Domingo de Entroido

 

 

 

 

Luns e martes de Entroido

 

Mércores de Cinza (Enterro da sardiña)

 

Para terdes información máis pormenorizada sobre o Entroido en Galicia podedes consultar a guía que elaborou  Turismo de Galicia e que deixo como documento anexo. Aí poderedes encontrar información sobre: 

- As Pantallas de Xinzo de Limia

- Os Cigarróns de Verín

- Os Boteiros de Viana do Bolo

- As Madamas e os Galáns de Cobres

- O Peliqueiro de Laza

- A Mázcara de Manzaneda

- Os Xenerais da Ulla

- Os Felos de Maceda

- Os Boteiros de Vilariño de Conso

- O papagaio Ravachol de Pontevedra

- A voda da Pita das Eiroás

- O oso de Salcedo

- As Bonitas de Sande

- Os Choqueiros da Coruña

- Os Vellaróns dos Riós

- Os Volantes de Chantada

- Os Vergalleiros de Sarreaus

 __________________________________________________________

CANTO APRENDICHES DO ENTROIDO?

Para demostrar canto sabes agora do Entroido rétote a que xogues un Pasapalabra! Con premer enriba xa inicias o xogo.

Pasapalabra do Entroido

 

__________________________________________________________________________

E para rematar con moito ritmo déixovos este canción de Isabel Fernández Reviriego, composta para o libro É tempo de Entroido! de Ramón D.Veiga e David Sierra, que reúne moitos dos personaxes galegos desta época. Cantamos tod@s xunt@s?

 

 

 

Conmemoración do Día da Paz

O 30 de xaneiro conmemórase o Día da Paz e non violencia.

Coas mensaxes do noso alumnado o equipo de biblioteca preparou este vídeo.

O luns 1 de febreiro coñecemos aos gañadores e gañadoras do Certame literario Dolores Agrelo que organiza a ANPA do centro educativo con importante premios en material escolar.

[Lista de gañadores e gañadoras e fotografías nos ficheiros adxuntos]

GUÍA DE LECTURA REO

Durante as primeiras semanas do mes de decembro o alumnado de 3º ESO estivo traballando o libro de lectura proposto para este primeiro trimestre: Reo. Como resultado da lectura, elaboraron a guía de lectura que podedes consultar no arquivo adxunto. 

Eis os verdadeiros protagonistas: 

 

 

 Moitísimas grazas polo voso traballo, o voso compromiso e por eses momentos que vivimos na aula! Risa

 

 

 

 

Do souto ao magosto!

Boa tarde!

Aquí tedes máis recursos tirados da web do Portal das Palabras para traballardes a festividade do Magosto.

 

 

En primeiro lugar, quédavos a ligazón a un artigo sobre a castaña e todas as palabras do seu campo semántico: magosto, peteladoira, corripa, canizo, bandoxo, cacho, calduda, etc. Cantas coñecedes? 

https://portaldaspalabras.gal/lexico/setestrelo/souto-ao-magosto/

 

 

A seguir, déixovos unha ligazón a información sobre a tradición dos zonchos, colares de castañas cocidas que a rapazada leva pendurada do pescozo nos días 1 e 2 de novembro.

https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/zoncho/

 

 

 

E para rematar cunha actividade máis lúdica, quédavos tamén a ligazón a un xogo interactivo baseado nas palabras do outono.

https://portaldaspalabras.gal/xogo/palabras-de-outono/

 

 

Traballo final de curso Lingua Galega e Literatura

Ola a todas e todos!

Xa tedes na AULA VIRTUAL as instrucións e recursos para a elaboración do traballo de final de curso. A data límite de entrega é o 15 de xuño.

Con todo, continuaremos subindo materias de repaso e afondamento semanalmente nas novidades da AV.

Ante a mínima dúbida enviádeme un correo.

Moito ánimo e forza para este último esforzo! Saúdos e apertas!

Iago 

Traballo final de curso Lingua Galega e Literatura

Ola a todas e todos!

Xa tedes na AULA VIRTUAL as instrucións e recursos para a elaboración do traballo de final de curso. A data límite de entrega é o 15 de xuño.

Con todo, continuaremos subindo materias de repaso e afondamento semanalmente nas novidades da AV.

Ante a mínima dúbida enviádeme un correo.

Moito ánimo e forza para este último esforzo! Saúdos e apertas!

Iago 

Iria Ludeña, gañadora do I certame de poesía Beatriz da Serra

A alumna do noso centro, Iria Ludeña, de 2ºESO, ven de gañar o I Certame de poesía Beatriz da Serra, convocado polos equipos de EDLG do IES Terra de Turonio e do IES Escolas Proval durante o confinamento. O xurado fai unha mencion especial pola calidade das obras presentadas pola alumna que recibiu este premio na categoría B.

UNHA GAIOLA DE CINCUENTA PAXAROS
Pasan, corren, voan
as piadosas horas,
pero dentro dunha gaiola
pesan máis do que voan.
Pasan, corren, voan...
Acaso esgótaselles o tempo?
Pero aquí dentro podo dicir:
“As horas dormen, e non voan”.

Tarefas do 25 ao 29 de maio.

Benquerido alumnado,

Tedes na AULA VIRTUAL as instucións e materiais para desenvolver as tarefas desta semana.

Coma sempre, se tedes calquera dúbida: escribídeme.

Moito ánimo que xa vai quedando menos.

Saúdos a tod@s!!

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Agosto 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031