Observa_Accion

Rematamos a Fase Acolle de OBSERVA_ACCIÓN

Aquí deixamos un vídeo-resumo da Fase Acolle do Programa de formación do profesorado OBSERVA_ACCIÓN que o CPI Cova Terreña de Baiona desenvolveu, xunto ao CPI Arquitecto Palacios de Nigrán e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, no segundo e terceiro trimestre do curso 2023-2024. 

Reto Lector Intercentros

O Reto Lector Intercentros sobre Astérix e Mortadelo e Filemón celebrouse o pasado 31 de maio, en colaboración co CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco.

Esta competición, de carácter lúdico, consistiu nun Kahoot sobre estes dous cómics clásicos, dos cales temos exemplares na biblioteca que poden ser collidos en préstamo.

O gañador indiscutible foi o equipo Os Comecómics, de 4º Ed. Primaria A, integrado por Lola Defrancesco, Carla Docampo, Antón Freire e Alejandra Pérez. O premio consistiu nun vale por un cómic. O resto de participantes non foron coas mans baleiras, xa que levaron un marcapáxinas conmemorativo.

Reto Lector Intercentros

Co obxectivo de fomentar a convivencia e a lectura, celébrase este reto intercentros entre o CPI de Cova Terreña (Baiona), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CPI Arquitecto Antonio Palacios (Nigrán).

 

Posto que o lema das Bibliotecas Escolares do curso 23/24 é Unha Biblioteca Escolar en viñetas, o concurso centrarase en dúas coleccións de cómic clásico presentes nos fondos bibliográficos dos centros:

  • Astérix

  • Mortadelo e Filemón

Neste reto lector, grupos de alumnado realizarán a lectura destes cómics de xeito voluntario e autónomo para finalmente presentarse a un cuestionario en liña sobre eses cómics.

As bases están dispoñibles aquí

A biblioteca en Observa_Acción

O pasado 1 de marzo o centro contou coa presenza de docentes do CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, e do CPI Arquitecto Antonio Palacios, de Nigrán, dentro do Programa Observa_Acción.

Ademais de coñecer o Concello, os visitantes puideron achegarse a grandes trazos ao funcionamento do centro, facendo fincapé en tres proxectos en concreto. Un deles é a Biblioteca do centro. Demos a coñecer diferentes dinámicas de animación á lectura que estamos a levar a cabo, como a Cita a cegas, ou a lectura compartida. Tamén intercambiamos información sobre a visita de autores e autoras, así como as diferentes axudas e subvencións dispoñibles.

A raíz deste encontro, xurdiu unha colaboración a curto prazo na realización dun Reto Lector Intercentros, baseado no cómic (lema das Bibliotecas Escolares deste curso). Amais diso, celebraremos unha lectura compartida conxunta con motivo do Día do Libro.

O CPI Cova Terreña, no proxecto de innovación e formación do profesorado “Observa_Acción”

O CPI Cova Terreña vén de ser un dos centros seleccionados pola Xunta de Galicia para participar no proxecto de innovación e formación do profesorado Observa_Acción, que pode durar dous cursos. O proxecto está financiado pola Consellería de Educación,o Ministerio de Educación e a Unión Europea. A incorporación ao programa foi publicada por Resolución da Consellería de Educación de 27 de outubro de 2023. 

Noutros países non resulta extrano que distintos profesionais observen a súa práctica por pares, tendo nun igual a posibilidade mellorar determinados aspectos. Utilizando distintas ferramentas de análise os docentes obsérvaranse entre si durante as clases, tendo como propósito formarse e mellorar a práctica. En España aínda non é unha práctica habitual, reservando a observación a profesionais de fora do centro, como pode ser a inspección educativa. É unha oportunidade de iniciar un novo camiño tan habitual en países como Finlandia ou Estados Unidos, máis acostumados a abrir as portas das súas aulas aos demais. 

Nunha primeira fase as observación serán entre docentes do centro, para pasar logo a observar outro centro de Galicia, e logo outro doutra comunidade autónoma ou da Unión Europea.

As observacións inícianse con observación xerais da práctica, para pasar a aspectos máis específicos. 

Telemariñas

Val Miñor TV

O CPI Cova Terreña participa nun congreso internacional de observación entre iguais

 

O pasado 4 de outubro de 2023 tivo lugar, na Cidade da Cultura da capital galega, o primeiro Congreso Internacional Observa_Acción, de formación de boas prácticas educativas, que reuniu arredor de medio milleiro de docentes e que contou coa participación de expertos de Reino Unido e de Portugal, así como das comunidades autónomas de Aragón, Castilla y León, Estremadura e Madrid, que expuxeron as súas experiencias. A directora e un docente do CPI Cova Terreña de Baiona participaron no evento, coa intención de incorporarse ao programa, que pretende fomentar a observación entre docentes como un bo xeito de mellorar as competencias profesionais. Máis información.

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Agosto 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031