Xeral

O alumnado galego que estude portugués no seu centro educativo poderá acreditar o seu nivel lingüístico de xeito gratuíto

O Departamento de Lingua e Literatura Galegas e Portugués do CPI de Cova Terreña congratúlase da nova anunciada pola Consellería de Educación. Nesta infórmase sobre a acreditación da lingua portuguesa en ESO e Bacharelato. 

Portugués

Daquela, o noso alumnado de Portugués, unha vez chegado a 4º curso de ESO, poderá certificar os niveis A1, A2 e B1 nunhas probas que poderán levarse a cabo no propio centro, dirixidas polo Instituto Camões.

Máis información en: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/43653

 

REMATE DO CURSO NA PRAIA

Como remate do curso, todo o alumnado da ESO e moitos cursos de Primaria acudiron á praia da Barbeira a disfrutar dunha mañá apacible e soleada. Todo o grupo desprazóuse a pé desde o centro escolar ata a praia.

Na procura da inclusión de todos os participantes ofreceuse un amplo abano de xogos.

Montouse unha carpa para reparto de froita entre todos os escolares.

Estas foron as actividades propostas:

Actividades tranquilas: cartas e petanca.

Actividades dinámicas na area: rugby tag, kinball, voleibol, brilé, ultimate, fútbol, béisbol, palas...

Actividades na auga: iniciaciación á vela, pádel surf e nado libre baixo vixiancia.

O propio alumnado, baixo a supervisión do profesorado, encargouse da organización e xestión dos xogos. Eles mesmos decidían o grao de participación, o tipo de actividade e o tempo de xogo.

A participación foi masiva. O alumnado estivo realizando actividade física durante toda a mañá. O número de conflitos durante os xogos foi practicamente nulo.

Esta actividade forma parte do PVAD (Proxecto de vida activa e deportiva), Inclúe-T, Iguála-T, Convíve-T, Emocióna-T

 

Xornada de convivencia na praia

Para rematar o curso 2023-24, como xa vén sendo tradición, o alumnado de Ed. Secundaria participou o último día nunha xornada de convivencia na praia da Barbeira. O alumnado de 6º Ed. Primaria, que a partir de setembro compartirá etapa, tamén se sumou a esta actividade, así como o 1º Ciclo de Ed. Primaria, que non quixo desaproveitar a ocasión de desfrutar da praia.

Establecéronse diferentes zonas de xogos (volei, petanca, fútbol, etc.). O Monte Real Club de Yates de Baiona cedeunos o uso de táboas de paddle surf e fixo varias quendas de navegación a vela para amosar este deporte á rapazada.

Para recuperar enerxías nesta xornada, o alumnado recibiu unha merenda doada pola familia Barros.

Camiñando pola Prehistoria

O CEIP de Belesar agasallou o 20 de xuño ao alumnado de Ed. Infantil e Primaria cun pase da súa obra "Camiñando pola Prehistoria", representada pola rapazada de 5º e 6º Ed. Primaria.

 

En agradecemento, fixémoslle entrega dun presente en forma de árbore.

 

Premios Faro da Escola

O Faro da Escola, proxecto multidisciplinar no que traballou boa parte da comunidade educativa, foi repartido o 18 de xuño. Ao mesmo tempo, a directora do centro, Isabel Martínez, e a coordinadora do programa, Antía Monteagudo, acudiron á sede do periódico para recoller os premios que lle foron outorgados ao centro: 1º premio de artigo de opinión, 2º premio de portada e 3º premio ao mellor xornal. Ademais, tamén se recibiu o segundo premio especial CSIC e o segundo premio especial Xerais. 

 

Aquapark da ANPA

A ANPA organizou o 19 de xuño un Aquapark por todo o alto no patio do centro para todo o alumnado de Ed. Primaria e Secundaria, que fixo as delicias de grandes e pequenos.

A festa rematou cun baño de escuma para todos.

Mediadores, final dun ano intenso.

O centro contou este ano cun grupo de mediadores e mediadoras no que se integraron 14 alumnos e alumnas de Ed. Primaria e 7 de Ed. Secundaria. Tras unha formación inicial realizada ao longo de dúas tardes, estiveron en disposición de colaborar na resolución dos conflitos que foron xurdindo ao longo do curso entre os seus compañeiros e compañeiras.

Esta actividade non só repercutiu na mellora da convivencia, senón que tamén contribuiu a un crecemento persoal dos propios mediadores. Para agradecer as súas actuacións, fíxoselle entrega a todos eles dunha chapa que recoñece o seu labor e tamén se lle fixo un recoñecemento público.

Este proxecto, contou coa coordinación de catro docentes mediadores: Marta Arbones, Sonia Silva, Jose Rivera e Luis Fernández.

Musical Disney

O Coro Infantil do centro, integrado por 68 alumnos e alumnas de 1º a 6º de Ed. Primaria, estreará o martes 19 de xuño, ás 19h, o seu musical de fin de curso no Auditorio V Centenario de Baiona. No mesmo, interpretarán 9 cancións do Universo Disney.

https://valminortv.com/2024/06/17/concierto-del-coro-infantil-del-cpi-de-cova-terrena/

Acto de celebración do Día das Letras Galegas

O xoves 16 de maio celebramos un acto cultural e musical en honor a Luisa Villalta, homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024.

Vémonos ás 20h no auditorio V Centenario de Baiona.

Convite

 

Terceira lectura compartida

Con motivo do Día do Libro, que se celebra como cada ano o 23 de abril, o noso centro celebrou a terceira lectura compartida do curso. Padriños e madriñas foron os encargados de seleccionar unha lectura para os seus afillados e afilladas. 

Tras os pegadas do exército romano por Aquis Querquennis e polo Xurés

O alumnado de 1º de ESO e de 3º de ESO de Cultura Clásica visitan o campamento romano de Aquis Querquennis e mais o Parque Natural do Xurés

Na mañá da segunda feira do 22 de abril de 2024 os grupos de 1º de ESO e mais de 3º de ESO que reciben formación en Cultura Clásica se desprazaron ao Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, no concello de Bande, acompañados polos docentes Iria, Nieves e Anxo.

Despois do visionado dun vídeo e da visita ao centro expositivo, o grupo desprazouse cara aos restos das instalacións militares, onde parte do alumnado de 1º de ESO, xunto co de Cultura Clásica, descubriron a historia deste magnífico campamento onde se aloxou unha das cohortes da lexión Gemina que se instalara en Legio (León).

Posteriormente, o grupo desprazouse cara á desembocadura do río Caldo, no concello de Lobios, para xantar e gozar da piscina e pozas termais.

Á tarde levouse a cabo a visita aos miliarios que se foran atopando na vía XVIII ou Vía Nova, que unía as localidades de Arturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). Ademais, o grupo aproveitou para visitar os restos da mansio de Aquis Originis, unha antiga pousada romana que daba servizo aos comerciantes que percorrían a devandita vía.

No derradeiro punto da xornada, unha parte do alumnado explicou as características do hábitat do Parque Natural do Xurés (Parque Nacional de Peneda-Gerês en Portugal).

 

IV Semana da Ciencia

O centro celebra a súa IV Semana da Ciencia, na que o alumnado expón as tarefas e investigacións realizadas ao longo do curso, dende o luns 22 ata o martes 30 de abril.

Para comprobar o aprendido poden realizar o cuestionario en liña e tamén un adaptado para o alumnado de menor idade en soporte papel.

Haberá visitas guiadas á exposición e tamén xornada de portas abertas para familias e amizades o luns  29 de abril, en horario de tarde, de 16h a 18h.

Calendario de exames das materias pendentes

Cómpre recordar que as materias pendentes que non se superen iranse sumando ás do curso ordinario suspensas a efectos de promoción de curso e de titulación en 4º de ESO.


As titorías entregarán o boletín de pendentes ao alumnado o venres 26 de abril, ás 11:00h, nas súas aulas de referencia.

Becas para Bacharelato e Ciclos Formativos

Ata o 10 de maio está aberto o prazo para solicitar as bolsas do Ministerio para cursar estudos nas ensinanzas de Bacharelato ou Ciclos formativos. Consultar o seguinte enlace:

Enlace á solicitude: https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2024.html


No seguinte enlace aparece máis información sobre este tipo de bolsas: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/fp-bachillerato-otros/tipos-de-becas.html

Segunda lectura compartida

O 21 de febreiro celebrouse a segunda lectura compartida. Esta actividade, ademais de fomentar a lectura, contribúe a mellorar a convivencia entre o alumnado ao integrar as tres etapas educativas do centro: Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, os afillados e afilladas foron os responsables de levar a lectura, escollendo unha do seu gusto.

"Magia en la manga". A igualdade non ten truco

 

Este venres 15 de marzo, o alumnado de primaria asistiu a un espectáculo de maxia "Magia en la manga" no salón de actos do centro, co lema "A igualdade non ten truco", organizado polo CIM e subvencionado polo Concello.

Durante dúas sesións, na primeira asistiu o alumnado de 4º, 5º e 6º e na segunda o alumnado de 1º, 2º e 3º; a demais de gozar dun agradable espectáculo púxose de manifesto o gran papel da muller nesta disciplina ao longo da historia.

 

Timbre Musical 8M

O timbre musical da primeira semana de marzo conmemora o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.


 

A selección inclúe temas como Respect, de Aretha Franklin, Girls just want to have fun, de Cyndi Lauper ou As que tiñan que estar, das Tanxugueiras. Con esta escolla, pretendemos visibilizar cantantes femininas de gran forza e/ou con temas reivindicativos. 

Concurso de Fotografía Meteorolóxica

Con motivo do Día Mundial da Meteoroloxía, convócase a IV Edición do Concurso de Fotografía Meteorolóxica.

 

O alumnado interesado en participar poderá enviar un máximo de dúas fotografías, con pareado en galego, a meteocova@gmail.com. A data límite de entrega é o 22 de marzo. Consulta as bases completas aquí

Última hora!!! Aberta categoría de participación para o persoal do centro.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xullo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031