Entroido larafuzán, comiches a chicha e deixaches o pan!

Paseniño, paseniño fomos chegando ao Entroido, aínda que este ano a máscara levámola incorporada todo o curso...

 

O xeito que temos actualmente de celebrar o Entroido é unha cousa relativamente recente, data do século XIX. Nesa época, o Entroido, que até ese momento fora unha festa eminentemente rural, comeza a trasplantarse tamén ás cidades, e é aí onde se aburguesa, e comezan os bailes e concursos de disfraces, as carrozas, os desfiles... elementos que non existían no Entroido rural.

 

Ese Entroido rural constituía unha celebración moito máis arcaica, cunhas raíces moito máis profundas e complexas, e que, milagrosamente, moitas das súas características conseguiron chegar até os nosos días. E digo milagrosamente porque o Entroido foi prohibido ou, como mínimo, non demasiado ben visto en varios períodos da historia; o máis recente, durante a ditadura franquista, que non vía con moi bos ollos que as rúas e os camiños se enchesen de xente disfrazada durante varios días... Era algo demasiado subversivo. 

O que xa non está tan claro é a orixe do Entroido como celebración. A este respecto hai varias hipóteses, das cales vou citar unicamente tres:

     1) Ritual de fertilidade. De feito, en Galicia como en boa parte de Europa, as máscaras que protagonizan o Entroido son máscaras moi coloristas, con cores cálidas coma o vermello ou o amarelo, e en ocasións incluso con adornos florais; e iso interprétase como unha tentativa de estimular a natureza para que esperte do seu letargo invernal e para que dea comezo á primavera. Tamén nesta liña están outros dous elementos típicos destas máscaras: moitas delas levan obxectos para golpear, e tamén campás, chocas ou similares, cuxo cometido non é outro que facer ruído, facer barullo, precisamente para espertar a natureza.

 

Chocas que leva ao lombo un cigarrón

 

     2) Festividade dedicada aos defuntos. Na noite de Defuntos ou Samaín, do 31 de outubro ao 1 de novembro, ábrese un período que abranxe practicamente os meses centrais do inverno e durante o cal as almas dos mortos podían moverse polo mundo dos vivos e mesmo interactuar con eles.

 

Pois ben, unha das características que se lles atribúen aos mortos en moitas culturas (a galega entre elas) é a metamorfose, é dicir, a capacidade de se aparecen transformados en calquera animal ou cousa. Deste xeito, as máscaras do Entroido virían evocar precisamente esta circunstancia, por tanto, estarían a representar as almas dos defuntos irrompendo no mundo dos vivos. A este respecto cómpre lembrarmos o dito referido ao segundo santuario galego máis importante de peregrinación "ao San André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo" coa penuria engadida de ir convertido en serpe, sapo, lagarto ou becho similar.

 

     3) Transgresión consentida da orde social e da moral dominante. A moral cristiá, por exemplo, valora a abstinencia e o pudor, e no Entroido, en troques, todo é exceso, sobre todo na comida e na bebida. No Entroido eses sexos mistúranse, pois os homes vístense de mulleres, e as mulleres de homes; na nosa sociedade os humanos someten os animais, domestícanos, e destaca como ser racional, mais no Entroido o o ser humano animalízase, exterioriza o seu lado máis selvaxe etc. É dicir, que o Entroido sería iso, unha subversión, un "darlle a volta" ao mundo tal e como está estruturado.

O oso de Salcedo. Fonte: Emilio Romanos Fotografía

 

Cal destas explicacións é a boa? Pois seguramente todas e ningunha, quero dicir, o Entroido é un fenómeno tan tan tan antigo que foi desenvolvendo ao longo da súa historia todas estas dimensións, todos estes significados, e aínda algún máis que deixamos de lado.

 

CICLO DO ENTROIDO 

Comezamos co Domingo Fareleiro ou Domingo Borralleiro

Xoves de Compadres

 

Domingo Corredoiro ou Domingo Oleiro

 

 

Xoves de Comadres

 

 Domingo de Entroido

 

 

 

 

Luns e martes de Entroido

 

Mércores de Cinza (Enterro da sardiña)

 

Para terdes información máis pormenorizada sobre o Entroido en Galicia podedes consultar a guía que elaborou  Turismo de Galicia e que deixo como documento anexo. Aí poderedes encontrar información sobre: 

- As Pantallas de Xinzo de Limia

- Os Cigarróns de Verín

- Os Boteiros de Viana do Bolo

- As Madamas e os Galáns de Cobres

- O Peliqueiro de Laza

- A Mázcara de Manzaneda

- Os Xenerais da Ulla

- Os Felos de Maceda

- Os Boteiros de Vilariño de Conso

- O papagaio Ravachol de Pontevedra

- A voda da Pita das Eiroás

- O oso de Salcedo

- As Bonitas de Sande

- Os Choqueiros da Coruña

- Os Vellaróns dos Riós

- Os Volantes de Chantada

- Os Vergalleiros de Sarreaus

 __________________________________________________________

CANTO APRENDICHES DO ENTROIDO?

Para demostrar canto sabes agora do Entroido rétote a que xogues un Pasapalabra! Con premer enriba xa inicias o xogo.

Pasapalabra do Entroido

 

__________________________________________________________________________

E para rematar con moito ritmo déixovos este canción de Isabel Fernández Reviriego, composta para o libro É tempo de Entroido! de Ramón D.Veiga e David Sierra, que reúne moitos dos personaxes galegos desta época. Cantamos tod@s xunt@s?

 

 

 

AdxuntoTamaño
guia-do-Entroido-en-Galicia.pdf6.73 MB
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Agosto 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031