Departamento de Lingua Castelá

E ti, de quen vés sendo?

 

Co fin de descubrirvos a figura de mulleres galegas relevantes en diversos ámbitos científicos e facelas máis próximas no voso día  a día puxemos a andar este concurso durante a semana do 10 ao 17 de marzo.

A muller que procurabamos o día 10 de marzo era Manuela Barreiro Pico.

Vida

Naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1877 e morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953 aos 76 anos.

Neta e filla de mestres, Manuela cursou os estudos primarios en Ribadeo e, máis tarde, examinouse por libre, sen acudir ás aulas, dos cursos correspondentes ao Bacharelato, primeiro no Instituto de Segunda Enseñanza de Tapia de Casariego entre os anos 1890 e 1893 e, posteriormente, no Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo entre os anos 1893 e 1895, sendo deste xeito a primeira muller galega que obtivo o título de Bacharelato.

Do mesmo xeito que foi pioneira na consecución do título de estudos secundarios tamén o será na súa etapa universitaria, pois ela vai ser a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1896 e, ademais, tamén será a primeira licenciada galega en Farmacia, e a sétima de España, no ano 1900.

Mais non todo foi tan doado como parece, xa que por ser muller, e falarmos de finais do século XIX, para poder estudar tivo que pedir un permiso especial ao mesmo ministro de Instrución Pública, previa autorización familiar, do mesmo xeito que  para exercer a súa profesión debeu solicitar outro permiso especial. Ademais, os convencionalismos e prexuízos da época non permitían que nas aulas se puidera sentar xunto aos seus compañeiros, senón que frecuentemente o facía na mesa do profesor, afastada deles.

Alén do anterior, o carácter pioneiro de Manuela reflíctese no feito de ser noticia nos xornais da época, como na Gaceta de Galicia ou El Eco de Santiago, a súa licenciatura en Farmacia.

Traballo

No 1901 abriu a Farmacia Moderna na actual rúa Rodríguez Murias de Ribadeo, alcumada popularmente como “A das Piconas” por acompañala frecuentemente a súa irmá no negocio e ser ese o seu segundo apelido. A nova desta apertura foi amplamente difundida nos xornais, igual que o seu traspaso 31 anos máis tarde.

Manuela foi unha muller moi activa e colaborou en todas as campañas de axuda aos necesitados, doando quer menciñas quer vacinas, e participando en programas de vacinación en parcería co consistorio municipal.

Os últimos anos da súa vida transcorreron en Madrid, na compaña da súa irmá e un sobriño, e alí está soterrada no cemiterio de San Lorenzo e San José.

Repercusión

No seu Ribadeo natal dedicóuselle unha rúa en homenaxe ao labor realizado ao longo da súa vida, mais non son moitas as mostras de recoñecemento desta pioneira no eido científico. De feito, non será até as recentes publicacións da profesora María Isabel Fernández García, da Facultade de Ciencias de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, que cheguemos a coñecer en profundidade as achegas desta valente muller. 

 

Cómpre recuperarmos do esquecemento as mulleres galegas que paseniño abriron camiño na Ciencia.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 10 de marzo?

Pois... Iria Rocha de la Iglesia de 3ºA!!

  

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930