NACERON AS BOLBORETAS NO COLE. (PAPILIO MACHAON) 13 - 06 - 2022.

Hai varias semanas que dúas eirugas de "Papilio Machaon" (unha das variedades de bolboreta máis grandes que existen nestas latitudes)  viñeron a visitarnos á escola. Estivemos coidando delas, alimentándoas e observando como realizaban a súa transformación en crisálida.

Despois desta fin de semana atopámonos coa sorpresa de que xa naceran.

Levámolas por todas as aulas do colexio e saimos ao patio todos e todas para poñelas en liberdade e devolvelas á natureza.

Ata pronto bolboretiñas!!!

COLLEITA DE CHÍCHAROS NO HORTO ESCOLAR (9 - 6 - 2022).

O alumnado de Infantil, primeiro e segundo de Primaria foi ao horto a recoller os chícharos.

En primeiro lugar houbo que sacar todas as plantas, despois escollemos as vaíñas e por último bullamos a colleita para levarlle á nosa cociñeira Silvia.

Estamos desexando probalos!

 

 

 

A nosa renovada biblioteca escolar

          

 

A NOSA RENOVADA BIBLIOTECA ESCOLAR    

 

 

 

De onde vimos? 

 

No verán de 2020 acometéronse importantes obras de reforma no noso centro. En relación á biblioteca uníronse dúas aulas, cambiáronse as ventás e púxose un chan de tarima. Mercáronse novos estantes, un mesado para colocar os ordenadores e comezou o proceso colocación do mobiliario e traslado de fondos tras un primeiro expurgo dos mesmos.    

 

 

 

Como é a nosa biblioteca?  

 

Situada no primeiro andar do edificio principal, conta cunha superficie de 100 m2 onde se atopan diferentes espazos dedicados á consulta e lectura equipados con mobiliario cómodo e versátil que permite a realización de diferentes actividades (contacontos, lectura individual e lecturas compartidas, asembleas...). Contamos cun mesado longo para 10 ordenadores con conexión a internet e outros dous portátiles, ademais de 4 tablets. Dispoñemos dun recanto creativo onde dispoñemos de zona de construcións con legos, zona sensorial con mesa de luz e múltiples xogos para desenvolver capacidades lóxicas e creativas.    

 

 

 

Que servizos ten a nosa biblioteca? 

 

 

  • Préstamo de fondos (nestes dous últimos cursos especialmente a través das bibliotecas de aula que adquiriron especial relevancia neste período de pandemia).

  • Apoio e promoción dos proxectos de centro e de aula.

  • Promoción e organización de diferentes actividades en datas especiais e conmemoracións.

  • Posta a disposición do alumnado e profesorado de recursos tecnolóxicos (ordenadores, tablets) con conexión a internet.

  • Emprego das instalacións para impartir determinadas materias, para claustros, titorías e reunións, para actividades puntuais, e establecemento dun horario específico de emprego para cada grupo-aula.

  • Apertura da biblioteca fóra do horario lectivo, os martes de 16:30 a 17:30 h. (Dará comezo en función da situación sanitaria existente).

 

 

 

   Cara onde imos?  

 

A nosa biblioteca está en proceso de continuo cambio e adaptación. No actual curso 2021 – 2022 entramos a formar parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares). Constituíuse un equipo de biblioteca estable que constituíu un grupo de traballo para a mellora da nosa biblioteca.Grazas ao PLAMBE contamos cunha importante dotación orzamentaria que nos permitiu unha renovación e actualización de fondos e outros recursos así como comezar o proceso de renovación do mobiliario e redistribución dos espazos.   

 

 

 

 Queremos seguir con esta liña de traballo para o vindeiro curso: 

 

 - Continuar adaptando os espazos ás características e necesidades do alumnado tendo en conta os seus intereses, ideas e suxestións.

 

- Seguir apoiando e promovendo o desenvolvemento de proxectos no centro.

 

- Conformar un calendario de actividades periódicas de animación á lectura e conmemoracións.

 

- Seguir a promover a implicación de toda a comunidade educativa no proceso de ensino – aprendizaxe a través das actividades da biblioteca; especialmente das familias.

 

- Continuar traballando en coordinación coa Biblioteca Municipal implicando ademais a outros axentes sociais como asociacións, residencia Domus VI e o propio Concello.          

 













"TOUPICIENCIA SHOW" NA BIBLIOTECA ESCOLAR. (3 - 6 - 2022).

Mañá de Ciencia na nosa biblioteca por xentileza do Consorcio Editorial Galego!

As nenas e os nenos de Infantil, 1º e 2º de Primaria asistiron hoxe ao espectáculo "Toupiciencia Show" na biblioteca escolar.

A toupiña científica xunto con Petronio, o seu axudante, achegaron a Ciencia aos nosos nenos e nenas dun xeito moi divertido.

Pasámolo de marabilla cos seus experimentos!

Moitas grazas por agasallarnos con esta actividade!

 

A GARDA CIVIL VISITA O NOSO COLE. (2 - 6 - 2022).

O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha charla sobre o acoso escolar, enmarcada dentro do "Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa Contorna" " que, nas zonas rurais, desenvolve a Garda Civil.

Na aula de Infantil tiveron a visita de David (o pai de Anxo e David) quen veu co seu compañeiro a explicarnos en que consiste o seu traballo. Responderon a todas as súas preguntas e foron da man dos máis pequeniños coñecer a horta e o galiñeiro.

Tamén viñeron axentes do SEPRONA e todas as nenas e nenos do colexio puideron baixar a ver os diferentes vehículos oficiais que nos amosaron así como o seu equipamento.

Moitas grazas por vir vernos e ensinarnos tantas cousas!

VISITAMOS A BIBLIOTECA MUNICIPAL (Semana do 23 ao 27 de maio).

Ao longo desta semana todos os nenos e todas as nenas do noso centro, acompañados das súas titoras,  pasaron pola biblioteca municipal para renovar os carnés e, nalgún caso, facelos por primeira vez.

Recibiunos e explicounos o funcionamento da biblioteca Miriam quen nos preparou diversos obradoiros relacionados coa figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Moitas grazas por convidarnos e por prepararnos todas esas actividades tan divertidas!!

 

 

 

 

 

 

 

A A.N.P.A. CONTRIBÚE Á TRANSFORMACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR MERCANDO UNHA ESTUPENDA MESA DE LUZ PARA O RECANTO CREATIVO.

Hoxe estivemos marabillados estrenando a nosa nova mesa de luz. A asociación de nais e pais do colexio fixéronnos este fermoso agasallo que, ademáis de ser un fantástico recurso pedagóxico é moi divertido. Moitas grazas!!

AS EXCURSIÓNS RELACIONADAS CO PROXECTO "A NOSA HORTA".

O 23 de novembro, levamos o millo da nosa colleita ao muíño. Recibiunos Luisa, atendeunos de marabilla e, mentres acababa de moer, fomos visitar o fermoso lugar de Ribas Pequenas.

E poucos días despois recibiunos Manolo no Mazo de Penacoba. Unha visita onde puidemos aprender a forma tradicional de traballar o ferro para poder ter as ferramentas necesarias nunha sociedade agrícola e gandeira como segue a ser a nosa.

REMEMORAMOS DIFERENTES CONMEMORACIÓNS E ACTIVIDADES DA 1ª E DA 2ª AVALIACIÓN.

Estamos rematando o curso e imos facer un alto no camiño para recordar algunhas actividades pasadas.

En Outubro celebramos no cole o Samaín e o tradicional magosto.

E Bhawna fixo obradoiros con todo o alumnado do cole explicándonos o "Diwali", festival da luz na India.

En novembro volvemos conectar coa científica galega Sonia Villapol e conmemoramos o "Día en contra da violencia de xénero".

En decembro participamos no concurso de carteis proposto por "Domus VI" polo "Día das persoas con discapacidade" e mandáronnos un fermoso crebacabezas.

Comezou o novo ano e celebramos o "Día da Paz" cun fermoso mural colectivo.

E chegou febreiro e celebramos o día da nosa querida Rosalía de Castro cantando o seu poema "O Moucho".

En marzo celebramos o "Día da muller" lembrado ás mulleres da nosa vidae poñendo os nomes de todas elas colgando en lazos morados na entrada do cole.

 

E tamén a "Semana da prensa" na que traballamos con xornais nas aulas.

E para rematar o segundo trimestre conmemoramos o "Día da saúde".

 

FONDO SOLIDARIO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2022/2023

Do 19 de maio ao 22 de xuño de 2022 está aberto o prazo para solicitar a participación no fondo solidario de libros de texto e para solicitar axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2022/2023.

 

Orde do 29 de maio de 2022 (DOG 18/05/2022)

 

A) Para todos os solicitantes:

  • Copia do libro de familia ou equivalente (deben figurar todos os membros computables).

 

B) Casos especiais:

  • Separación ou divorcio. (No que conste a atribución da custodia do/a menor).
  • Discapacidade: Certificado acreditativo do grao de discapacidade.
  • Violencia de xénero: na forma que detalla o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo.

 

(Os documentos deben ser válidos no momento da súa presentación e reflectir a situación persoal, familiar e económica a 31 de decembro de 2020)

 

 

 

No CEIP Rosalía de Castro- Bóveda, presentando dita documentación.

Ou a través da aplicación FONDOLIBROS.

 

 

 

 

Distribuir contido