Familias
A FOODTRUCK DE " GALICIA SABE A MAR" CHEGA AO NOSO COLEXIO
Mañá, martes viviremos unha xornada moi especial coa visita da foodtruck da campaña “Galicia Sabe Amar” promovida pola Consellería do Mar. Durante a súa parada no noso centro, ofrecerán ao alumnado unha deliciosa selección de petiscos gratuítos elaborados con peixes e mariscos.
O obxectivo desta iniciativa é dobre:
- Promover unha alimentación equilibrada, rica e variada, destacando os beneficios de incorporar produtos do mar á dieta.
- Poñer en valor o traballo das persoas do sector pesqueiro, que fan posible a extracción, produción e transformación destes produtos tan importantes na nosa gastronomía e cultura.
Como centro educativo con comedor escolar, comprometido co fomento de hábitos saudables, consideramos fundamental participar e apoiar actividades como esta. A través delas, o noso alumnado aprende sobre nutrición, toma conciencia da riqueza dos mares galegos e valora o esforzo humano detrás destes produtos de gran calidade.
Esta visita será unha oportunidade única para aprender e saborear os mellores produtos do mar galego.
ABRINDO PORTAS
Esta semana a asociación Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais) achegouse ao colexio para desenvolver o obradoiro Abrindo portas, dirixido ao alumnado de terceiro e cuarto curso e centrándose na educación en valores e igualdade. Traballaron conceptos coma a tolerancia, a igualdade, o racismo e técnicas de resolución de conflitos do día a día. Ademais, realizaron unha lectura visual do conto Por cuatro esquinitas de nada de Jérôme Ruillier, que transmite a idea de que ser diferente non é un problema, senón que cómpre atopar solucións para integrar a todas as persoas. Finalmente, facilitáronselle letras e pictogramas para que, en grupos, o alumnado elaborase un collage partindo dunhas das palabras traballadas no taller.
III Carreira Solidaria "Forcarei coa paz"
O vindeiro martes 30 de xaneiro, se o tempo nolo permite, celebraremos a III Carreira Solidaria para conmemorar o Día da Paz e Non Violencia. A finalidade é participar dun proxecto educativo, deportivo e solidario.
Para poder inscribirse será necesario entregar un quilo de alimentos non perecedoiros que, unha vez rematada a carreira, se lle enviarán aos Servizos Sociais de Forcarei para que os reparte entre as familias do concello que o precisen.
Agardámosvos a todas e a todos os vindeiro martes 30 de xaneiro ás 12:30 horas no Campo de Fútbol de Forcarei.
CALENDARIO DE NADAL
O equipo de biblioteca e o EDLG xunto coa colaboración das nosas familias elaboraron este singular Calendario de Nadal.
O funcionamento é sinxelo. Cada un dos días do mes de decembro irase presentando a lectura dun fábula. Polo tanto, o 31 de decembro, contaremos con 31 textos.
Non volo podedes perder!
DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
O pasado martes, 24 de outubro, celebrouse o Día das Bibliotecas Escolares. Nós agardamos ata onte, venres, para inaugurar "A Maxia dos venres" e contar coa presenza de Ana Meilán.
As nenas e os nenos de infantil e primeiro coñeceron ao lobo Rigoberto, un lobo curioso cun pequeno problemiña de gases.
Os compañeiros e compañeiras de segundo, terceiro e cuarto mergulláronse nun universo moi especial: o das historias.