Instrucción en relación co COVID-19
Trala declaración de "Estado de alerta" e seguindo as instrucións dictadas ó respecto na resolución do 15 de marzo de 2020 (DOG 15-3-2020), ó tratarse dun centro de máis de 6 unidades, permaneceremos en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas. As labores docentes levaranse a cabo a través do "teletraballo" de forma online (pode atoparse un acceso ó mesmo no seguinte apartado) - Ver publicación DOG 15-3-2020.
Instrucións do 13 de marzo de 2020, provisionais dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción das medidas a adoptar en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o 16 de marzo de 2020
1. PROCESO DE ADMISIÓN
Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases.
Recoméndase a utilización preferente da modalidade telemática para a presentación das solicitudes
2. PRESENZA DO PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE NO CENTRO
2.1. Establécese as seguintes previsións en relación coa presenza do persoal que se indican a continuación:
a) Educación infantil e primaria
-Centros de menos de 6 unidades
A titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc)
-Restantes centros
Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía. Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.
b) Resto de ensinanzas
Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía.
Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa..., etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.
c) Educación especial con servizo de residencia
Deberá existir o persoal suficiente docente, coidador e de cociña para garantir os coidados básicos do alumnado asistente.
d) Agás nos centros de educación especial con residencia, para o persoal de cociña, limpeza e persoal coidador aplicaranse as previsións do convenio colectivo para os períodos de inactividade.
e) O restante persoal de apoio e reforzo educativo non asistirá ao centro educativo
2.2. Criterios para a priorización da presenza do persoal nos centros.
De conformidade coas previsións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia teñen preferencia para a obtención de permisos de conciliación o profesorado que teña ao seu coidado menores de 18 anos, maiores discapacitados e persoas maiores dependentes.
Para os casos nos que ambos os proxenitores teñan a condición de empregados públicos, a medida aplicarase a un deles (coa excepción de que un deles teña a condición de persoal sanitario).
2.3 No relativo ás ferramentas informáticas dispoñibles, e sen menoscabo das propias, remitirase aos centros educativos unha comunicación na que se indicarán as que están a disposición e o seu procedemento de uso.
3. INSTRUCIÓNS RESPECTO DA ATENCIÓN DO ALUMNADO
3.1 O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.
3.2 Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, establecerá un sistema de comunicación e información co alumnado e as familias a través das ferramentas ou plataformas coas que traballa habitualmente, así como calquera outro medio de comunicación que o centro estime adecuado para esta situación.
3.3 Os equipos docentes e o restante profesorado elaborarán propostas de actividades para que o alumnado continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios.
3.4 Prestarase unha especial atención á titorización do alumnado de 2º de bacharelato.
4 OUTRAS MEDIDAS DE CARÁCTER XERAL
4.1 Suspéndese todo tipo de actividade extraescolar
4.2 Suspéndese o servizo de cafetería nos centros de ensino secundario
4.3 Utilizarase como medio de comunicación prioritario coas direccións dos centros educativos o portal da dirección e o correo electrónico.
4.4 As direccións dos centros educativos divulgarán entre o persoal do centro as presentes instrucións e comunicaranas a todas as familias que as soliciten.
5. VIXENCIA DESTAS INSTRUCIÓNS
As presentes instrucións teñen carácter provisional, polo que poden ser modificadas en atención á evolución da pandemia.
A comunicación de calquera modificación das presentes instrucións realizarase coa maior inmediatez a través do portal da dirección.
Máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30550