Skip to Content

Visita á fábrica-museo de calzado Creaciones Rama

 

O Alumnado de 5º, este venres 18 de marzo, visita a fabrica-museo de calzado Creaciones Rama, situada no barrio monfortino de As Cruces.

 

Trátase dunha das máis importantes fábricas de calzado da Ribeira Sacra, en activo ata 2002, que se converte en museo gratuíto do calzado, da man do seu propietario don Ramón Pérez, quen frecuentemente recibe excursións de centros educativos, asociacións e colectivos varios.

A entrada nesta fábrica-museo é unha fermosa viaxe ao pasado grazas a que o seu propietario practicamente todos os días vai a fábrica e acende as máquinas, coa finalidade de manter en bo uso a maquinaria e o resto das instalacións.

Todo un privilexio coñecer todo o proceso de fabricación de zapatos e ver como seguen funcionando maquinas de máis de medio século de antigüidade, no lugar no que sempre estiveron, na propia fábrica, como se non pasase o tempo, xunto a zona de recepción de clientes, o despacho da dirección, a sa de mostrario de zapatos e botas, a mesa para deseñar os modelos e a de realizar os patróns...

 

 

Pero ademais, a esta fábrica orixinaria, don Ramón, incorpora unha  maqueta de 20 metros cadrados da cidade do Cabe cos seus edificios e monumentos máis representativos, unha colección de cámaras fotográficas e de vídeo... e incluso carteis da estación do tren de Monforte con preto de 100 anos de antigüidade.

 

 

Vaia o noso agradecemento a don Ramón Pérez, xubilado artesanal do calzado quen con 15 anos ten que facerse cargo do negocio familiar por falecemento de seu pai. Negocio no que traballará, xunto co seu irmán, de aí o nome RAMA, e posteriormente ampliará ata convertelo nunha das fábricas máis importantes da zona.

Trala súa xubilación decide manter vivo o legado da fabricación de calzado en Monforte a través desta fábrica-museo do calzado, contribuíndo así a que Monforte conte con dous museos representativos dos dous oficios tradicionais mais arraigados nesta cidade, os relacionados cos sectores do ferrocarril e o do calzado.

  

Grazas por este legado material e inmaterial.



blog | by Dr. Radut