Normalización Lingüística

MODELOS DE CARTAS PARA AS SÚAS MAXESTADES DE ORIENTE

 PREME AQUÍ

Para os máis pequenos e pequenas do colexio déixamosvos aquí outro modelo de carta máis sinxelo e animámosvos a escribir en galego a carta que lle ides enviar aos Reis Magos.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS POLO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

Este curso 2021-22 poderemos gozar destes espectáculos no noso colexio:

- Representación do espectáculo "Estrafalaria" de Xarope Tulú para o alumnado de Educación Infantil (Semana das Letras Galegas).

- Espectáculo "A máquina do tempo" de Teatro Ghazafelhos para o alumnado de Educación Primaria (Semana das Letras Galegas).

- "Contos solidarios" a cargo de Anxo Moure (Semana do Libro).

O  Concello de Arzúa vén de concedernos unha subvención ao CEIP de Arzúa destinada ao EDLG que nos permite financiar estas actividades.

  

DÍA INTERNACIONAL DA DISCAPACIDADE_3 DE DECEMBRO

Este curso 2021-2022, quixemos darlle valor ao Día Internacional da Discapacidade participando nunha actividade colaborativa: un Calendario Solidario, ao que 12 colexios de toda Galicia achegamos os debuxos do noso alumnado para ilustrar cada un dos meses do vindeiro ano 2022. A finalidade desta colaboración é poder visibilizar unha enfermidade rara que afecta a un número reducido de persoas (entre as que se contabilizan nenos e nenas da nosa contorna). Trátase da Enfermidade de Dent. Con esta colaboración preténdese crear consciencia e recadar fondos que apoien o estudo e avance no coñecemento desta enfermidade, e conseguir que a vida dos doentes que a padecen, e das súas familias sexa un pouco máis levadeira. 

Ao noso colexio tocoulle representar a obra de "El grito" de Munch. Cos traballos realizados nas distintas titorías do centro realizouse este mural colectivo. 

 

O Calendario Solidario no que participou o CEIP de Arzúa vaise poñer á venda en todas as librarías de Arzúa a partir desta ponte de decembro, coa finalidade de que todas aquelas familias que queiran apoiar á Asociación Galega da Enfermidade de Dent, o poidan mercar. O prezo do calendario será de 5 euros e o importe irá destinado á conta que ten a Asociación no hospital Vall d´Hebrón para a investigación desta enfermidade.

Deixámosvos aquí o vídeo que elaborou a Asociación co traballo de todo o alumnado colaborador.

Graciñas a todas as librarías do pobo por colaborar con esta campaña solidaria!!

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO_25 DE NOVEMBRO

Un ano máis, no CEIP de Arzúa, estamos a traballar a violencia de xénero co noso alumnado, co fin de sensibilizarnos todas e todos sobre a lacra social e cultural que supón esta situación para as mulleres. Pero tamén queremos poñer de manifesto que os micromachismos persisten na nosa sociedade e que só concienciándonos da súa existencia podemos erradicalos. 

Estes son algúns dos traballos realizados nas distintas aulas do centro.

  6º EP

 O alumnado de 3 anos-B participou neste vídeo sobre o 25 N:   

 

  

      4 anos- A

  5 anos-A

  

        

O alumnado de 4º EP elaborou estes vídeos:

 

   

O alumnado de 5º e 6º EP participou nunha charla enmarcada dentro do Plan Director, que impartiu un garda civil. Nela tratáronse diferentes temas, como: o concepto de violencia de xénero e violencia doméstica, os diferentes tipos de agresións, as responsabilidades dos menores, as distintas formas de pedir axuda...

   

Este é o 25 N desde as casas dos nosos nenos e nenas. Grazas familias por colaborar con nós!!

 

SAMAIN

 

O SAMAÍN (que significa "fin do verán") é unha festividade de orixe celta na que a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como celebración da fin da tempada de colleitas e era considerada como o "ASno Novo Celta".

Ademais, nesta noite as almas dos defuntos volvían ao mundo dos vivos para visitar aos parentes. Os celtas realizaban diversos ritos nos que se comunicaban cos defuntos. Para espantar aos malos espíritos decoraban as casas con adornos de medo e utilizaban máscaras e disfraces. Tamén deixaban alimentos nas portas para contentalos.

Tiñan como costume facer farois con nabos e cabazas para guiar aos espíritos bos de volta a casa e espantar aos malos.

O alumnado do Ceip de Arzúa traballou nas aulas sobre esta festividade, realizando lecturas, traballos, manualidades, murais, escoitando cancións ou vendo algún vídeo  no que aprendemos máis sobre a orixe desta conmemoración. O venres, 29 celebramos este día e viñemos disfrazados e disrfazadas. Foi terroríficamente divertido!

 

        

 

   

 

   

 

   

Actividades dos nenos e nenas de 4 anos: merenda con elaboración de caras terroríficas, a pantasma COME - MEDOS e coroas con caras de diferentes emocións.

 

O alumnado de 5 anos B preparou un cemiterio de libros, onde estaban aqueles esquecidos ou non lidos. Pero coa súa axuda, que quixeron ler eses libros e escoitar esas historias, conseguiron revivilos!

 Traballo realizado polo alumnado de 4º de Educación Primaria: "Sempre hai que lembrar". 

 PREME AQUÍ

 

 

 

24 OUTUBRO_DÍA DA BIBLIOTECA

Dentro da programación do Día das bibliotecas, o venres 22 de outubro, tivo lugar no salón de actos do noso colexio, unha sesión de animación á lectura. Deu xenio ver ao noso alumnado participar na escenificación de varios contos, da man de Vicky. Grazas á súa pericia e á entrega dos nosos nenos e nenas, puidemos gozar dun momento moi agradable e realmente divertido. 

Estas imaxes corresponden ao pase que se fixo para E. Infantil de 4 anos, 5 anos-A e 5 anos-B, co conto "O dragón Plácido". 

   

   

Fixéronse outros dous pases para 1º, 2º, 3º e 4º de E.Primaria e o conto escollido para eles e elas foi "As cores da xoaniña Renata". 

  

   

Desde o 24 de outubro de 1997 celébrase o Día Internacional das Bibliotecas co obxectivo de conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraievo, queimada en 1992, durante o conflito dos Balcáns.

Nós tamén quixemos recordar esta data e durante esta semana traballamos o Día das Bibliotecas nas distintas titorías do centro. Para o mural colectivo pedíuselle ao alumnado que debuxara a carátula do libro que eles e elas salvarían en caso dunha catástrofe e puxeran por detrás os motivos polos que o salvarían. Escolleuse un traballo de cada titoría e con todos eles montouse o mural colectivo que se colocou ao lado da biblioteca do colexio.

 

 

LECTURAS RECOMENDADAS PARA O VERÁN

Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca fixemos unha selección de lecturas que desexamos sexan do voso interese. Durante as vacacións temos máis tempo libre e podemos ler máis. Ler no verán é moi beneficioso para non perder as habilidades de lectura adquiridas, para gañar destreza lectora e ampliar vocabulario. Ademais é un bo momento para descubrir historias que nos permitan viaxar a mundos fantásticos, coñecer outras culturas, vivir diferentes aventuras...

Por iso, este verán "Se queres aventura, lánzate á lectura".

Para poder ver as lecturas recomendadas fai click na seguinte imaxe:

LETRAS GALEGAS CEIP DE ARZÚA_2021

Durante este mes de maio estamos facendo unha morea de actividades arredor da figura de Xela Arias. 

O mural colectivo compúxose con caricaturas da escritora, realizadas nas distintas titorías do centro, que levan debaixo unha parte da súa biografía. 

O alumnado de 5º e 6º EP trouxo unha foto da súa familia. Coa foto diante fixo unha listaxe de cousas que lles chaman a atención das súas familias, cousas que se din, cousas que se fan e que marcan as nosas relacións... e, despois de escoitar algúns poemas do libro "Darío a diario" de Xela Arias, lanzáronse a escribir os seus propios poemas. Cos traballos deles montamos dous murais; un na primeira planta e outro na segunda. 

    

Na clase de 3º EP realizouse tamén unha actividade similar á anterior que quedou plasmada neste mural.

 

O 14 de maio visitounos a compañía de teatro Galeatro para ofrecernos unha versión reducida da súa obra "Carabela", baseada nun libro de Paula Carballeira, no que a autora quere lanzarnos a mensaxe da importancia de coidar o noso medio ambiente.

Carabela é a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten de que son tóxicos. Para aliviar a súa tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. 

Estas imaxes corresponden aos distintos pases que se fixeron no salón de actos do noso colexio, durante a representación desta peza teatral. 

    

  

  

  

 

CONCERTO DE MAMÁ CABRA NO NOSO CENTRO

O 3 de maio todos os nenos e nenas do CEIP de Arzúa puideron gozar dun concerto en directo a cargo de dúas integrantes da compañía Mamá Cabra. Con elas fixemos un percorrido pola fraga, os seus sons, as árbores que hai nela, e a importancia de coidala. Esta narración oral foi acompañada de cancións interpretadas coa axuda das guitarras. 

O espectáculo que leva por título "Patrimonio Natural" foi financiado polo Concello de Arzúa. 

    

    

Estas fotografías e o vídeo corresponden ao pase que se fixo para o alumnado de E. Infantil.

     

  

 

ACTIVIDADE LETRAS GALEGAS DIRIXIDA AO ALUMNADO DE 1º E 2º DE E.PRIMARIA

O 23 de abril o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria puido desfrutar dun contacontos gratuíto que nos ofreceu o  Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.

Nesta actividade narróuselles aos nenos e nenas oralmente a historia do libro "Mulleres Galegas. Xela Arias", pertencente á colección Mulleres Galegas, editado por Lela Edicións. Durante esta sesión os membros da compañía Polo Correo do Vento deron pinceladas da obra e vida da escritora e ao final fixeron un obradoiro de debuxo no que se realizou unha caricatura da poeta nada en Sarria. 

   

   

  

 

Powered by Drupal - Design by artinet