Blogue de quinif

Homenaxe da Comunidade Escolar a Paco Pérez Lemos

Nesta entrada queremos mostrarvos o acto de homenaxe ao noso ex-director, Francisco Pérez Lemos.

Paco, como tod@s vós sabedes, foi unha persoa que encabezou a modernización e mellora do noso colexio, e foi quen de crear unha comunidade educativa unida pola mellora da calidade e pola adquisición de valores de solidariedade, igualdade e liberdade.

E todo iso acompañado dun ambiente agradable, cheo de humor e afecto, humano e harmonioso.

Velaí o noso homenaxe máis sentido para Paco e a súa familia.

Lectura, familias e Cristina Novoa

Onte tivemos o enorme placer de ter connosco a Cristina Novoa, que veu falarnos do acompañamento lector, base imprescindíbel para criar lector@s crític@s, ávid@s, curios@s...

Cristina é unha das maiores especialistas en bibliotecas escolares do Estado Español, e baixo a súa dirección se desenvolveron múltiples programas de promoción da lectura, como o material ao que podedes acceder polo seguinte código QR.

A súa visita enmárcase dentro do programa de lecturas e familias, que a máis dun club de lectura e outro de escritura, organizou a charla da escritora Ana Meilán e ten adiado un obradoiro de contacontos con Manuel Caramés, que realizaremos en breve.

Lectura e Familias está a ser unha iniciativa que está achegando estratexias para que dende a escola e a contorna familiar traballemos en conxunto para acadar ese achegamento á lectura tan desexado por todos nós.

A festa dos maios e Florencio

Este primeiro de maio acudimos, coma facemos habitualmente, á festa dos Maios no Concello do Barco de Valdeorras, e alí tivemos a ocasión de interpretar a Cantiga de Maio, que compuxera Florencio Delgado Gurriarán, a xeito de homenaxe á súa figura.

Desta volta tivemos o terceiro premio en maios tradicionais e o primeiro en maio artístico, e ao non ter coplas orixinais non competimos no apartado de coplas, pero cremos que ben paga a pena xa que neste ano tratábase de homenaxear ao noso persoeiro.

Tamén tivemos o premio do público, que é un premio que nos enche de satisfacción.

Deixámovos a ruta á reportaxe que fixeron en Promecon do acto:

https://fb.watch/cKAKW8GJ0r/

 

Día da Nai

Este ano coincide a nosa festa dos Maios co día da Nai.

Con este vídeo, que temos que agradecer coma moitas outras cousas a Michel, a nosa comunidade quere felicitar ás nais do noso  alumnado, que sempre están aí apoiando @s fill@s na súa marcha escolar e fronte aos desafíos da vida.

Para todas elas a nosa máis sentida felicitación neste día.

Marcha pola Paz en Ucraína

Celebrando o día do Libro

Volve unha certa normalidade, tras estes anos de COVID, ás actividades da Biblioteca, desta volta cunha nova visita de Paco Nogueiras, da man da Editorial Kalandraka, que nos veu contar unha serie de contos (o can de Milu, Selva, e outrosm albumes ilustrados).

O espazo foi o patio cuberto, onde puidemos montar un escenario e co fondo do mural de Florencio, co que cremos que foi un marco estupendo para realizar esta actividade.

Todos acabamos cantando e batendo palmas, e desfrutando coas lecturas que é o mellor xeito de animarnos a sermos lectoras e lectores autónomos.

Deixámovos aquí unha pequena escolma de fotos da actividade que son a mostra  dese agromo desta primavera que anuncia que volveremos a ter unha vida máis ou menos normal.

Máis versos de Florencio

Desta vez é o alumnado de segundo B de primaria o que quere adicar a súa homenaxe a Florencio, e para iso escolleron tres poemas do noso poeta, no que fala de Córgomo, das Serras de Valdeorras e de dez cousas que lle gustan da nosa bisbarra.

Escoitádeos, é unha gozada escoitar estes versos nas súas voces.

Feliz día do Pai

Neste día tan sinalado para os pais e os avós, ou para calquera que coide dun nen@ ou dunha xove (temos familias moi diversas e iso é algo que nos enriquece), queremos felicitalos.

Temos tamén que estar coa presente guerra de Ucraína, coa dor que está a provocar, con familias separadas, familias que perderon algún  membro... e desexar que as armas calen dunha vez e os conflitos se resolvan dun xeito dialogado, en Ucraina e en todas as partes do mundo onde aínda están abertos conflitos armados.

Que este día do Pai nos faga reflexionar sobre a necesidade de resolver as nosas diferenzas de xeito pacífico.

Resultados votacións sobre a Xornada Escolar

Como sabedes ao longo do día de hoxe realizouse o proceso de votación do tipo de xornada que queremos para o noso centro.

O primeiro que hai que dicir é que a participación foi moi alta, con 229 votos emitidos dun censo de 283 posibles electores.

O resultado é de 138 votos a favor da xornada única e 90 votos a favor do mantemento da xornada contínua e un só voto en branco.

Dado que para realizarse o cambio da xornada compriría o voto afirmativo do 58% do censo (en total 164 votos), o resultado da votación resulta negativo para a realización dese cambio, co que en canto rematen as restricións impostas pola COVID-19 voltaremos a ter unha xornada escolar que comezará ás 10 da mañá deica ás 5 da tarde.

Vida e Poesía de Florencio

Un novo programa con contido sobre Florencio Delgado Gurriarán, desta volta protagonizado polo alumnado de primeiro curso de primaria do noso colexio.

É un podcast cortiño, pero ben seguro que aprenderedes moitas cousas de Florencio e mesmo poderedes oir algunha das súas poesías recitadas por estas rapazas e rapaces de primeiro.

 

Powered by Drupal - Design by artinet