Dino Radio

Dino Radio

Aquí podedes escoitar os programas da Radio Escolar da biblioteca do Ceip Condesa de Fenosa.

A radio é unha ferramenta moi poderosa para contar todo o que facemos na biblioteca, os proxectos de investigación nos que nos embarcamos nas aulas, os libros que lemos nos clubs de lectura e os textos que escribimos nos de escritura, para falar das nosas actividades do centro, para escoitarmos a música que somos quen de facer...

En fin, a radio, a nosa Dino Radio, vai ser un altofalante que espalle esas cousiñas que realizamos con todo o cariño, que as mimamos, pero que en moitos casos quedan agochadas no interior do colexio sen que ninguén máis saiba delas.

Pois aí vos van, voando nas ondas!

Ah, e por certo, dende agora imos transmitir tamén en directo aínda que tamén gardaremos os podcasts dos programas, pero imos iniciar unha etapa máis audaz lanzándonos ás ondas sen rede.... Se queres oirnos en directo teremos os días que emitamos este reprodutor:

 

Formándonos na Radio

Hoxe tivemos unha xornada de formación na Radio, tanto para o alumnado de 4º curso de primaria, que elaboraron uns moi interesantes programas, como para o profesorado do centro, coma podemos ver na imaxe, que aprendemos a controlar a mesa de mesturas para sermos uns "cracks" na gravación de programas.

A formación déunola Damián de PNO (Ponte Nas Ondas), e coma sempre que nos visita deixounos unhas ganas tremendas de facer os nosos programas de radio.

Así que xa o sabedes, DinoRadio vai botar fume!!!

 

8 de Marzo: Marcha pola Igualdade

O vindeiro 8 de Marzo faremos unha nova edición da nosa marcha pola igualdade.

Percorreremos parte do casco urbano do Barco coas nosas camisetas estampadas por nós mesmos, e coma un remuíño de bolboretas lilas, asolagaremos a vila de mensaxes pola igualdade.

Ao remate da nosa andaina faremos unha merenda saudable na Praza Maior.

Así que marcha+merenda=merendaina!!!

Unídevos a nós nesta MERENDAINA reivindicativa para acadar un mundo máis xusto, igualitario e solidario.

Tamén fixemos este novo podcast coa intervención e as investigacións do alumnado de 4º de primaria

Día de Rosalía no Condesa

Hoxe dende o noso colexio quixemos realizar unha rendida homenaxe a Rosalía de Castro, a poeta que nos devolveu o idioma, que nos definiu como pobo, que retratou o mundo das mulleres...

Así que que mellor homenaxe que volver escoitar os seus poemas. O alumnado de 5ºA, daquela, preparou con Elisa un poema de Rosalía co que este ano encetamos a actividade de "os nosos autores en voz alta".

E desta preparación, e para que tod@s poidades desfrutar do mesmo poema, un par de rapazas da clase nos agasallaron coa lectura deste poema.

Mulleres Galegas na Ciencia

Este ano comezamos a celebrar o día da muller na ciencia con varias actividades:

  1. un programa de radio,
  2. unha exposición realizada polo noso alumnado coa biografía e achádegos de varias mulleres científicas que teñen deixado a súa pegada na historia,
  3. unha publicación dixital con estes traballos de investigación do alumnado
  4. e por último, e para pechar esta semana de conmemoración e de reivindicación do papel da muller no avance científico, teremos unha xornada de experimentos no que as rapazas do noso colexio han demostrar a súa competencia no ámbito STEM.

Podedes ver aquí a exposición virtual coas nosas investigacións sobre as mulleres galegas (aínda que tamén hai algunhas de fóra) que teñen destacado ou que foron pioneiras dentro do ámbito científico.

Así mesmo podedes escoitar este noso podcast realizado polo alumnado de 4º de primaria e Alexis e Manuel de 5ºB.

Por último deixámovos aquí unha pequena reportaxe gráfica da nosa xornada científica, cos experimentos que realizamos no patio do colexio.

Ada Lovelace, a nai da computación.

Trémovos un novo episodio da nosa serie de podcasts nos que rescatamos do inxusto esquecemento a moitas mulleres que foron precursoras das súas materias.

Unha delas é esta muller, Ada Lovelace que albiscou, no mesmo inicio da computación, a linguaxe coa que había que falar ás máquinas. A ela debémoslle ter hoxe teléfonos intelixentes, ordenadores, ordenadores cuánticos...

Tamén temos un pequeno galano musical por estas datas do Nadal que nos fan os compañeiros de 3º.

Club de lecturas científicas

Un novo podcast elaborado na nosa emisora da Radio na Biblio. Desta volta recibimos aos membros do club de lecturas científicas que nos falan das últimas lecturas que teñen feito e que lles chamaron moito a atención.

Atendede a estas e estes futuros científicos.

Rosa Parks, sentouse para levantar ao seu pobo!

Chéganos o seguinte episodio do noso podcast, desta volta da man das nenas e nenos de 4º de primaria, que nos contan moitas cousas de Rosa Parks, a muller que ao negarse a ceder o seu asento a un branco nun autobús encetou a loita contra da discriminación dos negros en USA.

 

Manifesto 25 -novembro

Deixámovos aquí o noso primeiro podcast do curso, e precisamente o día internacional para a erradicación da violencia contra das mulleres.

O noso manifesto mostra o noso desexo de traballar activamente contra desta violencia de xénero.

 

Programa Radio Voz

Deixámovos neste post o programa de Radio que fixemos para RadioVoz dende a nosa emisora no que resumimos as investigacións realizadas dentro do proxecto documental da Enerxía realizado no curso 2022-23.

 

Powered by Drupal - Design by artinet