Escolares
Graduacións
Martes e mércores foron días de celebración pois tivemos no noso salón de actos as festas de graduación dos nenos e nenas de infantil que dan o seu paso a primaria, e a festa de despedida da promoción de 6º curso de primaria que marchan para a ESO no veciño instituto Lauro Olmo.
Deixámovos aquí unha pequena reportaxe fotográfica dos eventos.
E benvid@s a primaria, e deica sempre aos que nos abandonan camiño do instituto. Moita sorte no voso novo centro.
Leire, a nosa campioa das Letras Galegas
Leire foi a gañadora do noso colexio no concurso que os Equipos de Dinamización Lingüística do Concello e máis de Rubiá canda o Centro Cultural Aberto organizaron co gallo das Letras Galegas deste ano 24 adicadas á poeta e violinista Luísa Villalta.
Os nosos parabéns a Leire.
Se queredes podedes ver na páxina do Sil unha reportaxe sobre a entrega de premios que tivo lugar onte.
8 M.:Nin as borrascas poden coas mulleres!
Aínda que choveu, nevou e ventou, no colexio celebramos, e por todo o alto, o día internacional da Muller Traballadora.
Tiñamos preparada unha merendaina (merenda máis andaina) e houbo que cambiar por unha merenteca (merenda máis discoteca) que fixemos no pavillón do colexio.
Lemos un manifesto, bailamos e xogamos en igualdade, merendamos dun xeito saudable... e reivindicamos o dereito da metade da poboación mundial a ser tratadas dignamente, en igualdade e en ausencia total de discriminación.
8 de Marzo: Marcha pola Igualdade
O vindeiro 8 de Marzo faremos unha nova edición da nosa marcha pola igualdade.
Percorreremos parte do casco urbano do Barco coas nosas camisetas estampadas por nós mesmos, e coma un remuíño de bolboretas lilas, asolagaremos a vila de mensaxes pola igualdade.
Ao remate da nosa andaina faremos unha merenda saudable na Praza Maior.
Así que marcha+merenda=merendaina!!!
Unídevos a nós nesta MERENDAINA reivindicativa para acadar un mundo máis xusto, igualitario e solidario.
Tamén fixemos este novo podcast coa intervención e as investigacións do alumnado de 4º de primaria
Preparándonos para o Desfile do Entroido
Aínda que as previsións do tempo son bastante malas, nada vai parar as gañas de festa, as gañas de Entroido que temos.
Así que se temos que desfilar a cuberto, pois a cuberto será, pero.... DESFILAR DESFILAMOS!!!!
Aquí podedes ver algún dos disfraces que andan a montar en infantil, e que, aínda que sexa no Entroido, nós seguimos apostando por unha alimentación saudable.
Mulleres Galegas na Ciencia
Este ano comezamos a celebrar o día da muller na ciencia con varias actividades:
- un programa de radio,
- unha exposición realizada polo noso alumnado coa biografía e achádegos de varias mulleres científicas que teñen deixado a súa pegada na historia,
- unha publicación dixital con estes traballos de investigación do alumnado
- e por último, e para pechar esta semana de conmemoración e de reivindicación do papel da muller no avance científico, teremos unha xornada de experimentos no que as rapazas do noso colexio han demostrar a súa competencia no ámbito STEM.
Podedes ver aquí a exposición virtual coas nosas investigacións sobre as mulleres galegas (aínda que tamén hai algunhas de fóra) que teñen destacado ou que foron pioneiras dentro do ámbito científico.
Así mesmo podedes escoitar este noso podcast realizado polo alumnado de 4º de primaria e Alexis e Manuel de 5ºB.
Por último deixámovos aquí unha pequena reportaxe gráfica da nosa xornada científica, cos experimentos que realizamos no patio do colexio.
Nós Tamén Creamos
Este ano, dentro das iniciativas que sempre estamos a desenvolver para mellorar a calidade da educación que prestamos ao noso alumnado, un nutrido grupo de mestras e mestres do Ceip Condesa de Fenosa puxémonos como obxectivo desenvolver un traballo de gravación dun produto audiovisual no que @s nos@s alumn@s puidesen ceibar os seus impulsos creativos e aprender os requisitos técnicos que unha obra deste tipo require.
Para iso entramos no concurso de NÓS TAMÉN CREAMOS, no que se pide a cada centro participante a creación dunha ou varias curtametraxes de animación empregando a técnica do stopmotion, adaptando libremente un ou varios contos dunha escolma proposta pola organización do certame.
Este concurso leva aparellado un importante labor de formación do profesorado ao través dun curso de PLATEGA e máis coa creación dun grupo de traballo que, coma vedes, esta dando os seus primeiros pasos.
Todo isto facémolo dende a nosa aula do POLO CREATIVO Plus, un espazo educativo, innovador enfocado ás aprendizaxes colaborativas, conxuntas, e co obxectivo de integrar os retos tecnolóxicos en todos os campos do saber.
E a cousa comeza a dar os seus froitos, como mostra esta reportaxe fotográfica destes grandes pequenos creadores audiovisuais: @s nos@s alumn@s.
Achégase o día da Paz
Tal e como sinalamos no titular desta entrada, achégase o Día da Paz, nun ano no que esta celebración escolar é máis importante ca nunca.
A guerra en Palestina, onde o estado de Israel, incumplindo todas as normas internacionais está realizando unha atroz destrución sistemática da franxa de Gaza, afectando a millóns de persoas, máis da metade deles nenas e nenos, así o esixe.
Somos conscientes de que esta nova espiral de violencia foi xerada por un acto terrorista verdadeiramente execrable, pero iso non dá dereito a ningún estado ao ataque indiscriminado da poboación civil, de hospitais, escolas e campos de refuxiados tal e como se está producindo.
Dende o noso colexio toda a nosa comunidade escolar vai reclamar a RESOLUCIÓN PACÍFICA DOS CONFLITOS, o DIÁLOGO e o cumprimento dos ACORDOS INTERNACIONAIS. Palestina debe vivir, as nenas e nenos palestinos teñen dereito a un futuro en paz.
O noso primeiro xesto pola Paz é este pequeno vídeo de animación que acaban de facer os nenos e nenas de primeiro A. Desfrutádeo!!
O Apalpador anuncia xa o Nadal!!
Coma todos os anos o Apalpador baixou das súas montañas do Courel e veu ata o colexio para saber se as barriguiñas das nenas e dos nenos están ben cheas.
Tróuxonos unha chea de castañas e de regalos e falounos da súa vida nos montes, facendo carbón.
Se en Vigo acenden as luces para anunciar o Nadal, nós, no Condesa de Fenosa, anunciámolo moito mellor coa visita do Apalpador.
- 1
- 2
- 3
- 4
- seguinte ›
- última »