Escolares

Polo San Martiño, MAGOSTO e peóns ao Camiño

Coma todos os anos, as castañas, o magosto, as caras tisnadas pola feluxe, as castañas amosegadas e aqueloutras que non e que estouran para risa de tod@s, e ao tempo o baile das buxainas (lembrade... polo San Martiño Peóns ao camiño) volven ao noso colexio.

E como dice a canción, Se chove... deixa chovere! aos galegos non nos asustan unhas cantas pinga. E se hai que facer o magosto, faise!!

Festival do 50 Aniversario

Copia de programa 50 aniversario 1 de Carmela García Fernández

Cumprimos 50 anos

Como xa moit@s saberedes este curso escolar é o número 50 dende a creación da Concentración Escolar, que traía ao alumnado das escolas unitarias das aldeas da contorna a estudar na cabeceira  do concello.

Co paso dos anos este centro foise convertindo no colexio que hoxe tod@s coñecemos, o Ceip Condesa de Fenosa.

Para celebralo temos unha serie de actos nos vindeiros días que iremos compartindo convosco a través de distintos medios, pero queremos comezar cunha escolma da nosa memoria fotográfica recollida entre membros actuais e pasados da nosa comunidade escolar.

Desfrutade deste paseo polo pasado do colexio, que a fin de contas é o pasado de todos e todas nós.

O noso Polo Creativo vai tomando forma no curso do 50 aniversario

Comezamos unha nova xeira nesta nosa angueira de acadar un ensino de maior calidade para o  noso alumnado, que coincide coa celebración polo 50 aniversario da fundación do noso centro educativo.

Desta volta, e ao abeiro do proxecto de polos creativos, estamos construíndo unha aula onde poderemos poñer a nosa maxinación en marcha e así desenvolver os proxectos, as realizacións audiovisuais, e os deseños que compra facer como apoio aos nosos traballos documentais, e, como non, ás actividades extraescolares que desenvolvemos a cotío.

Tamén queremos que esta aula estea aberta a toda a comunidade escolar, polo que serán benvid@s as nais e pais que queran desenvolver iniciativas nestes campos.

Os polos son lugares de innovación educativa nas que se traballan as competencias STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics -ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas-) mediante a co-creación, a solución de problemas reais e o desenvolvemento do pensamento de deseño.

Así, neste polo contamos cunha zona de deseño e impresión 3D, outra zona cun banco de traballo dotado de ferramentas necesarias para a realización de múltiples pezas, unha zona de creación audiovisual, outra de robótica, e outra de miscelánea onde podemos atopar dende cociña, máquina de coser, máquina de chapas, materiais de e-téxtiles, etc...

Deixámovos aquí esta visita virtual pola aula, que aínda que non estea rematada, xa vai tomando forma.

Actividades da Paz

Deixámovos aquí dous vídeos sobre as actividades que realizamos o pasado día 30 de Xaneiro, día Internacional Escolar pola Paz.

Nun deles se recolle o baile que fixemos, coa música do noso Paco Nogueiras e por outro lado a realización dun mandala da Paz.

 

Baile do día da Paz

Deixámovos aquí a letra da cantiga de Paco Nogueiras titulada Móvete, que vai ser a música que imos cantar e bailar no vindeiro día da Paz.

Neste vídeo podemos aprender a coreografía que imos bailar na celebración do día 30 de Xaneiro.

Tamén Natacha adaptou este Genially para que o puidesemos empregar para a celebración do noso día da Paz

Festivais de Nadal

Cantiga para o 25 N

Deixámovos aquí o vídeo de Sés co Diluvi que imos cantar e bailar o día 25, para conmemorar a xornada contra da violencia de Xénero.

 

Tamén queremos deixar un pequeno vídeo a vista de dron, onde podedes ver a "performance" que fixemos no patio para a conmemoración deste día tan importante para a convivencia.

Homenaxe da Comunidade Escolar a Paco Pérez Lemos

Nesta entrada queremos mostrarvos o acto de homenaxe ao noso ex-director, Francisco Pérez Lemos.

Paco, como tod@s vós sabedes, foi unha persoa que encabezou a modernización e mellora do noso colexio, e foi quen de crear unha comunidade educativa unida pola mellora da calidade e pola adquisición de valores de solidariedade, igualdade e liberdade.

E todo iso acompañado dun ambiente agradable, cheo de humor e afecto, humano e harmonioso.

Velaí o noso homenaxe máis sentido para Paco e a súa familia.

A festa dos maios e Florencio

Este primeiro de maio acudimos, coma facemos habitualmente, á festa dos Maios no Concello do Barco de Valdeorras, e alí tivemos a ocasión de interpretar a Cantiga de Maio, que compuxera Florencio Delgado Gurriarán, a xeito de homenaxe á súa figura.

Desta volta tivemos o terceiro premio en maios tradicionais e o primeiro en maio artístico, e ao non ter coplas orixinais non competimos no apartado de coplas, pero cremos que ben paga a pena xa que neste ano tratábase de homenaxear ao noso persoeiro.

Tamén tivemos o premio do público, que é un premio que nos enche de satisfacción.

Deixámovos a ruta á reportaxe que fixeron en Promecon do acto:

https://fb.watch/cKAKW8GJ0r/

 

Powered by Drupal - Design by artinet