Comezamos unha nova xeira nesta nosa angueira de acadar un ensino de maior calidade para o noso alumnado, que coincide coa celebración polo 50 aniversario da fundación do noso centro educativo.
Desta volta, e ao abeiro do proxecto de polos creativos, estamos construíndo unha aula onde poderemos poñer a nosa maxinación en marcha e así desenvolver os proxectos, as realizacións audiovisuais, e os deseños que compra facer como apoio aos nosos traballos documentais, e, como non, ás actividades extraescolares que desenvolvemos a cotío.
Tamén queremos que esta aula estea aberta a toda a comunidade escolar, polo que serán benvid@s as nais e pais que queran desenvolver iniciativas nestes campos.
Os polos son lugares de innovación educativa nas que se traballan as competencias STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics -ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas-) mediante a co-creación, a solución de problemas reais e o desenvolvemento do pensamento de deseño.
Así, neste polo contamos cunha zona de deseño e impresión 3D, outra zona cun banco de traballo dotado de ferramentas necesarias para a realización de múltiples pezas, unha zona de creación audiovisual, outra de robótica, e outra de miscelánea onde podemos atopar dende cociña, máquina de coser, máquina de chapas, materiais de e-téxtiles, etc...
Deixámovos aquí esta visita virtual pola aula, que aínda que non estea rematada, xa vai tomando forma.