Título node Learning object
Esta ferramenta web permítenos crear e gardar presentacións en liña. Trátase dunha alternativa a Power Point, Impress ou Prezi, que presenta algunhas diferenzas con respecto a elas.
Unha vez que nos rexistremos poderemos comezar a crear as nosas presentacións. A modo de inspiración poderemos explorar presentacións xa feitas con esta ferramenta.
A ferramenta conta con 13 modelos, cinco deles con animacións 3D. Dentro de cada modelo podemos escoller tamén diferentes deseños de diapositivas, que poderemos modificar ao noso gusto.
En cada diapositiva podemos engadir texto, imaxes, vídeos (apenas de YouTube) e formas predefinidas. Cando inserimos cada un destes elementos xurdirannos barras de ferramentas coas que poderemos modificar o tamaño, a cor, efectos 3D, rotar...
A diferenza doutros programas similares, para organizar mellor o noso traballo, poderemos agrupar un conxunto de diapositivas que traten a mesma temática ou o mesmo obxectivo en Seccións, a modo de capítulos dun libro. O manexo das diapositivas é moi sinxelo e podemos borralas, duplicalas ou movelas simplemente arrastrándoas.
Unha vez rematada a nosa presentación podemos previsualizala, modificala, eliminala, imprimila, facela pública ou privada, compartila por email ou nas redes sociais, embebela nun blogue ou sitio web.
Destacamos tamén dúas funcionalidades desta ferramenta. En primeiro lugar, podemos descargar a nosa presentación. Daquela, crearase un arquivo comprimido que poderemos levar onde queiramos e evitar problemas de rede. Ao descomprimilo, poderemos visualizala clicando no arquivo html.
En segundo lugar, a presentación pode realizarse de xeito colaborativo, invitando por email aos colaboradores que queiramos.