Skip to Content

Biblioteca

O premio BREVITER bota a andar!

Estes días puidemos ver como varios medios se fixeron eco da convocatoria do II Premio BREVITER de microrrelatos. A nova apareceu en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e Xornal de Compostela, así como en Código Cero. Tamén se fixou no premio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e alegrounos ver que a convocatoria se pode ler no portal educativo e mais no sitio web da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

 

Frank Kafka, un home do seu tempo (e do noso)

Este ano celébrase o centenario da morte de Kafka, e nós xa podemos visitar a exposición "Franz Kafka, un home do seu tempo", que consta de 15 paneis sobre a vida e a obra deste gran clásico da literatura universal.

O material foi preparado polo Centro Checo de Madrid e posto ao dispor do instituto polo profesor David Álvarez, da EOI de Santiago de Compostela, así como pola Asociación Galega de Xermanistas.

(Aquí hai un par de fotos desta exposición: Galería "Franz Kafka, un home do seu tempo (e do noso)")

 

 

Na Xornada de Bibliotecas Escolares

A profesora Sagrario Torrado, membro do equipo da biblioteca e coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüistica, e mais Daniel Baamonde, director do noso grupo de teatro Vai no Dentista, participaron na Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2024, que tivo lugar o 9 de novembro. Expuxeron como encaixa o teatro na actividade da biblioteca e cales son as vantaxes que se derivan desta colaboración.

(Aquí hai un par de fotos deste acto: Galería "Na Xornada de Bibliotecas Escolares")

 

 

II Premio BREVITER de microrrelatos

Tras a boa experiencia do curso académico pasado, o instituto convoca o II Premio BREVITER de microrrelatos. As obras poden presentarse até o 1 de marzo de 2025. As bases están no arquivo anexo.

 

Lembrando a García Lorca, poeta galego

O 25 de outubro de 1916, con só 18 anos, Federico García Lorca visitou Galiza por primeira vez. A beleza de Compostela hipnotizouno. Volveu ao noso país noutras tres ocasións, en 1932, e non só se autodefiniu como poeta galego, senón que escribiu seis poemas na nosa lingua.
Este venres, 25 de outubro, na alameda, sete alumnas e alumnos do instituto, dirixidos polo director de teatro Daniel Bahamonde, acompañados polas profesoras Olga Iglesias e Sagrario Torrado e vestidos como os actores de La Barraca, protagonizaron un acto íntimo e fermoso.
Recitaron os seis poemas en galego a carón da estatua do poeta, e tamén interpretaron unha breve escena para Goretti Sanmartín, a alcaldesa, para Miriam Louzao, a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, e para Henrique Alvarellos, o autor de Federico García Lorca en Santiago de Compostela.
Recitaron Xaquín Boquete, Ana Otero, Guadalupe Otero, Alba Recarey, Ramón Rey e Iria Toimil, mentres Lara Belo facía unha ofrenda floral aos pés da estatua.

(Aquí hai un par de fotos deste acto: Galería "Lembrando a García Lorca, poeta galego")

 

Día das Bibliotecas

O 24 de outubro de 1992, durante a guerra de Bosnia, un bombardeo destruíu a Biblioteca Nacional e Universitaria de Bosnia e Herzegovina. Desde o 24 de outubro de 1997 celébrase en España o Día das Bibliotecas. No noso instituto, a biblioteca é un espazo accesíbel e aberto á participación da comunidade educativa, que ten ao seu dispor un lugar de traballo, de encontro, de intercambio de opinións e de coñecemento, así como de posta en marcha de novas ideas e proxectos. Para celebrarmos este día, as profesoras Sagrario Torrado e Inés Montero decoraron a biblioteca, que durante uns días vai estar particularmente bonita.

 

 

Presentamos os catro blogs da biblioteca

Para espallarmos as actividades da biblioteca do instituto, a profesora María José Nieto deseñou catro blogs que se irán actualizando ao longo do curso académico. Os blogs poden consultarse facendo clic nesta imaxe:

 

 

Linguas baixo un trebón en Compostela

O xoves, 25 de setembro, un día antes do Día Europeo das Linguas, seis alumnas e alumnos de Vai no Dentista, o noso grupo de teatro, protagonizaron un acto fermoso e emotivo, promovido pola SXL, nos soportais da praza de Praterías.
Baixo a batuta do director do grupo, Daniel Baamonde, e mais das profesoras Sagrario Torrado e Inés Montero, as alumnas e alumnos Xaquín Boquete, Leiz Irsheid, Miguel Mas, Ana Otero, Guadalupe Otero e Xoana Zas recitaron poemas en diversas linguas e representaron unha escena teatral onda o Museo das Peregrinacións. O recital foi amenizado pola treboada Aitor, que lle conferiu ao acto un ambiente musical moi romántico.
O noso alumnado recitou en portugués "A morte chega cedo", de Fernando Pessoa, en islandés "ég fæddist", de Elías Knörr, en inglés "Alone", de Edgar Allan Poe, en romanés "Totul", de Ana Blandiana, en alemán a famosa cita de Martin Niemöller "Als die Nazis...", en galego o poema de Xohana Torres "Penélope", e en árabe o poema do autor palestino Mahmud Darwish "أمي" ("A miña nai"). Ademais, as alumnas e alumnos representaron en francés unha escena da obra de teatro do curso pasado.

(Aquí hai un par de fotos deste acto: Galería "Linguas baixo un trebón en Compostela")

 

PDI "Imos crecer sempre?": O crecemento e o desenvolvemento económico

Proxecto desenvolvido pola alumna Mar Domínguez.

PDI "Imos crecer sempre?": A economía circular

Proxecto coordinado polo profesor Álvaro Painceira.

Distribuir contido


by Dr. Radut