Hai xa tres anos que o profesorado do IES Arcebispo Xelmírez detectou a necesidade de crear un grupo de apoio e/ou un espazo seguro onde o noso alumnado LGBTIQ+ puidese sentirse escoitado e comprendido. A idea deste espazo foi impulsada polo EDL e o equipo de igualdade, e conta co apoio do Departamento de orientación e da dirección do instituto.
O espazo forma parte da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ Galicia, que considera que "para evitar a reprodución de estereotipos sexistas [...], faise necesaria a aplicación de medidas individuais e colectivas encamiñadas a promover a igualdade de oportunidades, e, por tanto, asentar as bases para conseguir un centro coeducativo, libre de discriminación e respectuoso con todas as diversidades".
Este espazo, ao que asiste profesorado e alumnado de todas as idades do instituto, é un lugar onde abrimos temas de debate, aclaramos dúbidas, reflexionamos sobre as nosas inquedanzas, os nosos medos e as nosas incertezas, propoñemos lecturas, películas e documentais, e organizamos actividades para celebrar efemérides que nos interesan.
Comezamos hai tres anos pintando un armario coas cores da bandeira LGBT e filmando un vídeo no cal convidabamos toda a comunidade educativa a asistir ás reunións.
O armario segue alí, e nós tamén.
Reunímonos os xoves, de 12.25 a 12.45 horas, na aula de Alemán.