Skip to Content

Linguas baixo un trebón en Compostela

O xoves, 25 de setembro, un día antes do Día Europeo das Linguas, seis alumnas e alumnos de Vai no Dentista, o noso grupo de teatro, protagonizaron un acto fermoso e emotivo, promovido pola SXL, nos soportais da praza de Praterías.
Baixo a batuta do director do grupo, Daniel Baamonde, e mais das profesoras Sagrario Torrado e Inés Montero, as alumnas e alumnos Xaquín Boquete, Leiz Irsheid, Miguel Mas, Ana Otero, Guadalupe Otero e Xoana Zas recitaron poemas en diversas linguas e representaron unha escena teatral onda o Museo das Peregrinacións. O recital foi amenizado pola treboada Aitor, que lle conferiu ao acto un ambiente musical moi romántico.
O noso alumnado recitou en portugués "A morte chega cedo", de Fernando Pessoa, en islandés "ég fæddist", de Elías Knörr, en inglés "Alone", de Edgar Allan Poe, en romanés "Totul", de Ana Blandiana, en alemán a famosa cita de Martin Niemöller "Als die Nazis...", en galego o poema de Xohana Torres "Penélope", e en árabe o poema do autor palestino Mahmud Darwish "أمي" ("A miña nai"). Ademais, as alumnas e alumnos representaron en francés unha escena da obra de teatro do curso pasado.

(Aquí hai un par de fotos deste acto: Galería "Linguas baixo un trebón en Compostela")

 



story | by Dr. Radut