Skip to Content

Biblioteca

PDI "Imos crecer sempre?": Coltán e cobalto: extracción, uso e abuso

Cal é o custo social e medioambiental do noso desenvolvemento tecnolóxico na República Democrática do Congo? A explotación do coltán e o cobalto neste país deixa un rastro de inxustiza, explotación de seres humanos e contaminación do solo e da auga, lonxe dos países desenvolvidos onde se consomen os produtos que precisan destas materias primas.

 

Entrega do I Premio BREVITER

A aventura do I Premio BREVITER de microrrelatos, iniciada ao comezo do curso, chegou ao seu feliz final o 12 de xuño, data en que tivo lugar, na biblioteca, o acto de entrega dos galardóns. Baixo a batuta da profesora Sagrario Torrado, e á sombra de Gregor Samsa, a alumna Guadalupe Otero fixo de mestra de cerimonias. O tamén alumno Cibrán García interpretou ao violín o Valse-Scherzo en do maior, op. 34, de Chaikovskii. Despois interveu o director, Roberto R. Carballada. Recibiron os seus diplomas as gañadoras do premio, Xela Rodríguez e mais Eliana Noemí Correa, tras o cal falou Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa. A alumna María Fernández cerrou o acto cantando ao piano. Tamén estiveron presentes a nai de Eliana Noemí Correa e o pai de Xela Rodríguez, a directora do IES As Lagoas de Ourense, Elisa Rodríguez, varios membros dos equipos directivo e da biblioteca e mais outras persoas integrantes do profesorado e do alumnado do instituto. Parabéns a Xela e a Eliana Noemí!

(Aquí hai un par de fotos deste acto: Galería "Entrega do I Premio BREVITER")

 

 

Homenaxe a Kafka

O 3 de xuño celebrouse o centenario da morte de Franz Kafka, ao cal se uniu o instituto con dúas actividades que tiveron lugar na biblioteca e tamén fóra dela. Por unha banda, organizouse unha exposición de libros de Kafka e relacionados con Kafka. E, por outra banda, aproveitouse a presenza da figura do bicho na biblioteca para que Ana Otero, Guadalupe Otero, Martinho Quintela e Xoana Zas, integrantes do grupo de teatro Vai no Dentista, interrompesen brevemente o traballo do alumnado para, baixo a batuta da profesora Sagrario Torrado, falarnos de Kafka e ofrecernos unhas lecturas dramatizadas dun par de textos do autor d’A transformación.

(Aquí hai un par de fotos e vídeos destas actividades: Galería "Homenaxe a Kafka")

 

Lembrando a Kafka no centenario da súa morte

Entre as actividades desenvolvidas no instituto con ocasión do centenario da morte de Franz Kafka está a confección dunha camiseta, que por fin puidemos estrear. Quen teña interese en mercar unha, só ten que seguir as instrucións que figuran no cartel que se pode ver aquí: cartel.



 

 

Aparece un bicho enorme na biblioteca

"Cando Gregor Samsa, unha mañá, espertou de soños intranquilos, atopouse na súa cama transformado nun insecto infando." Agora, o propio Gregor Samsa disque foi visto na biblioteca en compaña da profesora Inés Montero, xusto cando se celebra o centenario da morte de Franz Kafka. Haberá que lle pedir explicacións a quen parece estar detrás deste inquietante enigma literario: a profesora Sagrario Torrado e mais Merce Sendón, nai de dúas alumnas do instituto.

 

O instituto ten a súa camiseta de Kafka!

O instituto acaba de confeccionar unha camiseta conmemorativa do centenario da morte de Franz Kafka, que se celebra o 3 de xuño. Hai dous modelos: deseño "bicho" e deseño "pop", ambos da autoría da profesora Inés Montero. Quen teña interese en adquirir unha camiseta, só ten que seguir as instrucións que aparecen no cartel.

 

 

 

 

Unha poeta moi nova entre nós!

María Fernández Sandoica, alumna do noso instituto, acaba de publicar o seu primeiro poemario, titulado Todo lo que (no) confundimos por amor. Alén de dedicarlle os seus esforzos á actividade académica, María participa activamente no espazo de igualdade e diversidade.

O xornal La Voz de Galicia fíxolle á autora unha entrevista sobre o libro: "La prometedora pluma de A Pobra que se estrena en la poesía con 15 años".

Parabéns!

 

 

Un cartel coa imaxe de Luísa Villalta no interior do instituto

Colocouse no interior do instituto unha imaxe de Luísa Villalta igual que a que pendura na fachada, pero máis pequena e con máis resolución. O alumnado e o profesorado pode buscar o seu retrato fotográfico no cartel, que está pensado para adornar durante moito tempo as escaleiras que conducen ao andar superior.

(Aquí hai un par de fotos do cartel: Galería "Un cartel coa imaxe de Luísa Villalta no interior do instituto")


Luísa Villalta loce na fachada do instituto

A imaxe de Luísa Villalta, a quen está dedicado este ano o Día das Letras Galegas, pendura da fachada do IES Arcebispo Xelmírez I. A idea inicial foi da profesora Vicen Outeiro, quen propuxo invitar todas as persoas que convivimos no instituto –profesorado, alumnado e persoal administrativo, de limpeza e da cafetaría– a deixarnos fotografar para incorporar as nosas caras a un retrato da poeta. Elixiuse unha fermosa foto de Xosé Abad, quen lla cedeu decontado ao instituto para esta iniciativa. A profesora Olalla Cociña e mais o profesor Sergio Frade, ambos do Departamento de Imaxe e son, organizaron e levaron a cabo co seu alumnado o complexo traballo fotográfico cuxo resultado podemos contemplar cando chegamos ao instituto. Non se nos ocorre unha maneira mellor de expresar a admiración de todas e todos nós por Luísa Villalta!

(Aquí hai varias fotos da fachada do instituto e mais unha imaxe de alta resolución do cartel: Galería "Luísa Villalta loce na fachada do instituto")

 

 

O instituto regala lecturas

No Día do Libro, e por segundo ano consecutivo, o persoal do instituto –docente e non docente– tivo a ocasión de participar na actividade de intercambio de libros coñecida como o amigo invisíbel. Foi un momento estimulante e divertido, en que cada unha e cada un de nós puido comprobar que lecturas pensan as demais persoas que nos poderían interesar. Agora, a gozar dos agasallos! E até o 23 de abril de 2025!

(Aquí hai máis fotos: Galería "O instituto regala lecturas")

 

Distribuir contido


by Dr. Radut