Versión Orixinal
Detrás da canción
“Que ten o Mozo?” é unha composición musical de Prudencio Piñeiro con letra de Rosalía de Castro.
Prudencio Piñeiro y Latierro (1838-1919) foi un compositor do Romanticismo que compuxo pezas musicais para voz con acompañamento de piano. Moitas das súas obras consisten na musicalización de poemas, algúns deles da gran poetisa galega Rosalía de Castro, como “Que ten o Mozo?” ou “Como chove mihudiño”.
Rosalía de Castro de Murguía (1837-1885) foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española, e a principal responsable do Rexurdimento Galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.
A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data da primeira edición da súa obra Cantares Gallegos en 1863.
Na segunda edición de Cantares Gallegos, en 1872, aparece publicado o poema “Que ten o Mozo?”.
Todos os poemas deste libro (agás dous) son cantigas populares galegas, clasificadas como:
- poemas costumistas, con carácter descritivo e narrativo.
- poemas amorosos que narran historias de namorados.
- poesía cívico-social, con poemas reivindicativos referidos á emigración como "Adios ríos, adios fontes" ou "Castellanos de Castilla".
- poesía intimista, con dous poemas, "Campanas de Bastavales" e "Como chove mihudiño".
“Que ten o Mozo?” clasificámola como un poema amoroso. A moza narra o comportamento diferente e contradicións do mozo cando está a soas con ela e cando están en público.
A musicalización que Prudencio Piñeiro fixo deste poema ten as seguintes características:
- melodía alegre, saltarica, fresca, de carácter galego tradicional e con contrastes.
- tempo allegro e ritmo binario que combina o 2/4 coa subdivisión ternaria do 6/8 (moi característica da música e baile tradicional galegos).
- harmonización complexa no piano, único instrumento acompañante na peza musical.
Ficheiro adxunto
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0