Versión Orixinal
Detrás da canción
“O Pandeiro e Mailas Cunchas” é un arranxo musical creado para A Nosa Partiteka a partir de dúas melodías tradicionais recollidas no Cancioneiro Musical de Galicia (Museo de Pontevedra e Fundación Barrié de la Maza).
O Cancioneiro Musical de Galicia foi reunido polo investigador do folclore galego e musicólogo Casto Sampedro e Folgar entre o 1848 e o 1924.
Foi publicado en 1942 por Xosé Filgueira Valverde (director do Museo de Pontevedra), quen ordenou e transcribiu as fichas que deixara manuscritas Casto Sampedro.
A importancia deste cancioneiro radica na boa conservación da música e a descrición das danzas, feito realmente interesante se se teñen en conta as datas en que foi realizada a recolleita e a posterior compilación (fins do XIX) e os escasos medios con que debían contar Sampedro e os seus colaboradores para este fin.
Entre as súas características máis importantes destacamos:
- orixinalidade: é o primeiro cancioneiro musical galego con rigor científico que inclúe música coa súa letra e, ás veces, a danza que a acompañaba.
- abarca todos os xéneros populares con exemplos inéditos en case a súa totalidade.
- gran número de melodías recollidas (500).
- as súas melodías inéditas foron utilizadas en grandes obras sinfónicas.
- moitos estudios musicolóxicos posteriores empregaron este cancioneiro como fonte de información.
O arranxo musical “O Pandeiro e Mailas Cunchas” conta con dúas melodías extraídas do famoso cancioneiro:
- muiñeira número 320, baile recollido en Negros, Redondela (Pontevedra).
Ten o ritmo característico da muiñeira, compás binario de subdivisión ternaria 6/8 e tempo alegre e bailable.
- canto de pandeiro número 52, canto recollido no Ribeiro (Ourense).
É un canto de festa aos instrumentos de percusión do folclore galego e aos seus animados ritmos. Patrón rítmico no pandeiro
O seu ritmo combina o binario (2/4) e o ternario (3/4) cun tempo alegre e bailable ao ritmo do pandeiro.
Extracto e tradución da Wikipedia e Cancioneiro Musical de Galicia
Ficheiro adxunto
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0