Saltar navegación

Versión Orixinal

Detrás da canción

“Na Beira do Mar” é unha canción do folclore popular galego, popularmente coñecida e interpretada por numerosos artistas ao longo século XX.

Non constan datos da súa composición, polo que se considera unha melodía popular e anónima de tradición oral, tanto na transmisión da música coma da letra.


Probablemente a versión máis famosa é a da cantante María Ostiz (nome artístico da cantautora María Dolores Ostiz Espila) baixo o título de “N'a Veiriña do Mar” (ortograficamente incorrecto en lingua galega).
Publicouse en 1970 a modo de disco sinxelo. Pronto chegou a ser o maior éxito da carreira desta cantante navarra, acadando o número un de ventas en España. Tamén foi o número un na lista dos 40 Principais a semana do 14 de novembro de 1970.

A cantante galega Ana Kiro (nome artístico de María Dolores Casanova González) tamén interpretou esta famosa melodía. Ana Kiro posúe unha das máis amplas carreiras discográficas de Galicia, acadando ata 32 discos de longa duración editados, nos cales sempre se nutriu de cancións populares do país e de composicións con autoría galega. O seu éxito labrouno a base de ofrecer centos de concertos ao longo da súa dilatada traxectoria profesional. Ofrecía unha media de cen concertos ao ano, converténdose nunha clásica das romarías e as verbenas de todo o país.


A letra da canción soe variar segundo a zona onde se interprete.
O retrouso, sempre fixo, é o que da o título da canción (“na beira do mar hai una lanchiña pra ir a navegar”) pero as estrofas tratan temas independentes coma a confianza nas persoas segundo a cor dos seus ollos (“ollos verdes son traidores”) ou a perda do sentido cando nos namoramos (“os cinco sentidos perdemos cando nos namoramos”).

De melodía e letra pegadizas, “Na Beira do Mar” pode considerarse unha das cancións imprescindibles da música popular galega, e non hai festa e xuntanza de amizades na que non soe espontaneamente esta cantiga.

Extracto e tradución da Wikipedia