Saltar navegación

Versión Orixinal

Detrás da canción


“Miña Nai, Miña Naiciña” é un arranxo musical creado para A Nosa Partiteka a partir dunha melodía e texto populares galegos recollidos da tradición oral no Cancioneiro Galego de Jesús Bal y Gay e Eduardo M. Torner publicado en 1973 pola Fundación Barrié de la Maza.

A música de tradición oral galega foi coñecida e difundida principalmente a través da familia e no rural.
A familia e as súas celebracións conxuntas son aspectos de fundamental importancia para a supervivencia das cancións populares e a súa transmisión de xeración en xeración.

A música de tradición oral galega considérase un repertorio vivo, con cambios continuos, cunha interpretación constante, renovándose e sempre evolucionando.
Esta música adáptase ás circunstancias culturais do momento e enriquécese con novas sonoridades, ritmos ou melodías. Moitas veces chega ata os nosos oídos cortada ou cambiada a melodía ou a letra, perdidas polo camiño...

Jesús Bal y Gay e Eduardo M. Torner iniciaron o Cancioneiro Galego e a súa recompilación de melodías en 1928, polo que os cambios sufridos ata ese momento non eran tan significativos a nivel lingüístico, social, cultural e, polo tanto musical como son agora, case cen anos máis tarde.

Na actualidade existen moitos factores que están interrompendo a transmisión de cantigas e melodías da nosa tradición, polo que debemos facer un esforzo por escoitalas, interpretalas, rexistralas e mesmo versionalas para que permanezan e enriquezan as nosas vidas.

“Miña Nai, Miña Naiciña” ten moitas versións diferentes de texto e música ao longo de toda Galicia.
É unha das coplas tradicionais máis difundidas no noso país. Pode considerarse como un canto de arrolo ou berce e de loanza á nai.
A nosa versión está na tonalidade de La menor e en compás binario 2/4. A súa estrutura é:
INTRO – ESTROFA 1 - ESTROFA 2 – RETROUSO – PONTE – ESTROFA 3 – RETROUSO – CODA

Extracto e tradución de A Familia como "guardiana" da tradición TFG Lara Santos