Versión Orixinal
Detrás da canción
"Ven bailar Carmiña / Maruxiña” é un arranxo musical creado para A Nosa Partiteka a partir de dúas melodías populares galegas recollidas no Cancioneiro Galego de Jesús Bal y Gay e Eduardo M. Torner publicado en 1973 pola Fundación Barrié de la Maza.
O compositor e musicólogo Jesús Bal y Gay (Lugo 1905-Madrid 1993), e o musicólogo, compositor e concertista Eduardo Martínez Torner (Oviedo 1888-Londres 1955), emprenderon un proxecto de recollida que ocuparía continuas viaxes e moito tempo (entre os anos 1928-1936), o Cancioneiro Galego.
Foi a súa obra máis coñecida e célebre.
O Cancioneiro Galego supón un importante traballo de investigación e recompilación de mil melodías do folclore de Galicia, na súa maior parte inéditas, escritas tanto en galego como en castelán e "castrapo".
Á súa vez, rescata do esquecemento moitas pezas musicais antigas, ofrecéndonos a posibilidade de coñecelas e dar continuidade á súa transmisión xeración tras xeración.
O ideal deste traballo de investigación seguiu as inquedanzas do Rexeneracionismo (movemento político e ideolóxico iniciado en España a finais do século XIX, que propugna a rexeneración social, política e económica do país) co obxectivo principal de recompilar a música popular de xeito científico.
O arranxo musical “Ven bailar Carmiña / Maruxiña” rescata dúas melodías populares galegas recollidas no citado cancioneiro:
- “Ven bailar Carmiña”, melodía número 268. Non constan datos do lugar de recollida.
Ten compás binario 2/4, combinado cun compás ternario 3/4, e tempo andante e bailable. O arranxo musical de A Nosa Partiteka combina a tonalidade de Do Maior (Estrofas) e a de Do menor (Retrouso).
- “E pra que non digan” (Maruxiña), melodía número 441 recollida en Pantón, Monforte (Lugo).
Aparece clasificada en “diálogos e enchoiadas”.
Unha enchoiada é un diálogo poético-musical que sosteñen un mozo e unha moza, que cantan alternativamente coplas improvisadas para probar o seu enxeño.
Ten un ritmo e compás ternario 3/4 cun tempo andante e bailable.
Extracto e tradución da Wikipedia
Ficheiro adxunto
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0