Saltar navegación

Versión Orixinal

Detrás da canción

“Catro Vellos Mariñeiros” é unha canción galega que acadou gran popularidade na segunda metade do século XX.

A súa composición atribúeselle ao escritor e músico aficionado José Travieso Quelle a principios da década de 1940, nun faladoiro de amigos que se reunían a diario na taberna “O Sete Velo” situada na rúa “A Raíña” en Santiago de Compostela.


Tratábase dun grupo de estudantes e mozos de diferente condición que se divertían inventando e interpretando melodías, acompañándoas con algún instrumento de corda.


O mozo José Travieso recolleu algúns daqueles fragmentos melódicos, deulles forma, e púxolles unha letra inspirada nos labores mariñeiros dos pescadores de Viveiro (no norte de Lugo), o seu pobo natal.


A canción, a compás de 3/4, interprétase habitualmente en tonalidade de La Maior. A melodía da estrofa móntase sobre unha secuencia rítmica picada, inspirada posiblemente nalgunha danza saltareina de tamboril de orixe castelán ou vasco-navarro.


A popularidade da canción tivo pasos importantes dignos de mención.
Un mestre e músico compostelán destinado en Celeiro (unha parroquia de Viveiro), Carlos Adrán Cambón, interpretou en Lugo, á fronte da agrupación “Coros e danzas de Celeiro”, no ano 1952, a canción que tantas veces había escoitado nos bares da zona monumental de Santiago.

Algunhas versións a destacar que se gravaron de “Catro Vellos Mariñeiros” foron, aparte das de diferentes corais de toda Galicia e dalgúns centros galegos no estranxeiro, a do dúo “María e Xavier” a finais da década de 1960, a do cantante mugardés Xoán Rubia algún tempo despois, e, máis recentemente, a de “Escolma de Meus” de Viveiro, o dúo “Liah and Kelly” e a das agrupacións “A Roda” e “Treixadura”.

Extracto e tradución da Wikipedia