UN TEMPO DISTINTO

UN TEMPO DISTINTO

   Desde o Departamento de Orientación querémonos sumar á manifestación xeral de preocupación, inquietude, responsabilidade individual, conciencia social e actitude construtiva, que deben ser os principios que nos guíen cara a superación desta situación que tanto nos cambiou, temporalmente, as vidas.

   Por suposto que, a prioridade absoluta son as persoas que están padecendo as consecuencias en primeira persoa; por respecto a todas elas, debemos extremar o coidado no cumprimento de normas e recomendacións que, nesta primeira fase, conlevan o confinamento no domicilio, situación inédita para case todos nós. Diante desta certeza, sen alternativa posible, só caben dúas opcións: queixarse e agardar a que todo pase ou adaptarse. Esta última é á que nos acollemos a inmensa maioría e implica organizar as nosas axendas segundo outro contexto, outras circunstancias, outro tempo: unha oportunidade para coñecernos mellor a nós mesmos e explorar outras maneiras de actuar, aprender e desfrutar do ocio; de buscar solucións ós obstáculos e inconvenientes que xurden.

   O proceso de aprendizaxe non se detén: estades todos informados desde o centro; o contacto co profesorado mantense, a liñas de comunicación están abertas. O Departamento de Orientación como servizo que é e, eu mesmo como orientador, seguimos a disposición de toda a comunidade educativa durante o tempo lectivo polas canles previstas, excepto a presencial, por razóns obvias.

   Por último, animamos a levar con paciencia e calma este período; aproveitemos para achegarnos a temas de interese un tanto relegados cando non dispoñemos do máis valioso: o tempo (despois da saúde). Cando nos deamos conta teremos recobrada parte da nosa vida normal e pensaremos que dunha adversidade pódese saír reforzado. Ánimo e vémonos axiña!

Powered by Drupal - Design by artinet