Blog A Pedra

GRAN PRIX FINANCIEIRO: XOGAMOS A SER MAIORES?

O pasado venres 16 de decembro, o alumnado de 5º gozou dunha divertida actividade "Gran Prix Financieiro: Xogamos a ser maiores?"

Durante o obradoiro todos aprendemos que o diñeiro non aparece por arte de maxia e démonos conta da importancia do aforro. Ademais ensináronnos a xestionar mellor o diñeiro, dun modo moi dinámico, a través das distintas fases do xogo.

Todos puidemos gozar dunha mañá diferente e moi divertida!

 

 

25 DE NOVEMBRO – OBRADOIRO DE IGUALDADE

Esta semana recordamos a importancia do traballado en días anteriores, o 25 de novembro, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. É por isto que Uxía veu realizar co alumnado de 3º un obradoiro de igualdade.

 

Comezou explicándolles aos nenos e nenas algúns conceptos que lle resultaban confusos, coma “machismo”, “feminismo”, “igualdade”…

 

 

 

A continuación, interpretou dous contos: “A princesa rebelde” e “Maruxa”. A través deles rompeu con estereotipos machistas que habitualmente aparecen en moitos contos de princesas, e fixo evidente a importancia da repartición das tarefas do fogar entre tódolos membros da familia. Para isto contou coa colaboración dalgúns cativos que se meteron moi ben no papel.

 

Por último, ensinounos algúns xoguetes que son etiquetados “para nenos” ou “para nenas”, e fixo partícipe ao alumnado para desfacer todos estes pensamentos e que se deran conta de que os xoguetes son simplemente para calquer persoa. 

 

CELEBRAMOS O 25 N

Ademáis de traballar nas aulas a importancia de igualdade e de respecto co visionado dalgúns vídeos e actividades, tamén disfrutamos coa actividade deste ano ofertada polo CIM, para a conmemoración do 25 N: uns contacontos sobre roles de xénero, recreados pola actriz Uxía Morán.

CONTACONTOS: ROMPEMOS COS ROLES?

Viaxamos a través de dous contos: MARUXA e A PRINCESA REBELDE por diversos conflictos da sociedade en canto á búsqueda da igualdade de xénero. Percorremos os ideais da muller, dos homes, os roles establecidos pola sociedade, as desigualdades en dereitos e liberdades, as profesións, as diferenzas físicas e as falsas crenzas. Xogamos cos roles muller e home, neno e nena e rompemos co establecido para deixar paso a como nos sentimos e o que queremos ser realmente. Indagamos o que queren facer independientemente do sexo, como se queren vestir independientemente de si naciches neno ou nena, a qué queren xogar, que queren ser de maiores. E sempre buscando o debate e aceptando a diversidade de gustos e opinións, respectando cada unha delas como parte do mundo diverso no que vivimos e convivimos. 

XOGO DE ROLES

Aclaramos a definición de rol: papel. Función que alguén ou algo desempeña.

De entrada o primeiro xogo consistiu en colocar as tarxetas segundo “o establecido” dentro de cada silueta (neno, nena). Unha vez feito desfixémolo, esta vez colocando as fichas co obxectivo de “romper cos roles establecidos”.

Despois, xogamos ao mesmo pero en carne e oso. Un a un cada alumno colleu unha prenda ou complemento para vestirse segundo os roles establecidos pola sociedade. Observamos. A continuación refacemos coa intención de “romper cos roles establecidos” e segundo os verdadeiros gustos dxs rapacxs.

 

NON PAROU DE CHOVER!

Na semana do 21 ao 25 de novembro á nosa clase de 4ºA tocounos recoller os datos da caseta meteorolóxica. É unha actividade que nos gusta moito cada vez que nos toca e desta vez case todas as mañás choveu. Algúns de nos ata nos enchoupamos! Foi moi emocionante adiviñar canta chuvia recollera o pluviómetro todas as mañás.

Aquí vos deixamos algunhas fotos. Estamos desexando que nos toque outra vez!

 

CONMEMORANDO O 25 DE NOVEMBRO

Para conmemorar o 25 de novembro, o alumnado de 1º decorou a entrada do colexio con lazos morados que representan a melena dunha muller e escribiron dentro do cartel o nome do día que se conmemora: DÍA MUNDIAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

Ademais lemos contos relacionados coa temática, como O LIBRO DOS PORCOS e vimos a película MARUXA.

Esperemos que estes pequenos actos conciencien ao alumnado e sirvan para eliminar definitivamente este tipo de violencia.

PROGRAMA "COMUNIDADES EN LIÑA"

Durante este mes de novembro e ao longo de 4 sesións, o alumnado de 5º tivo o privilexio de contar coa presenza de Estefanía, profesional do Equipo de Prevención da Asociación Érguete, que levou a cabo un programa sobre o uso seguro e saudable das novas tecnoloxías.

O obxectivo destas charlas é proporcionarlles aos nenos/as estratexias e ferramentas útiles para axudar a previr e actuar ante os principais riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías.

SEN DÚBIDA, FOI UNHA ACTIVIDADE MOI INTERESANTE E CONSTRUCTIVA!! 

 

FAI CLIC AO TEU BOCATA

O pasado día 22, tivemos na escola un obradoiro chamado FAI CLIC AO TEU BOCATA. Alí aprendemos cousas relacionadas cos animais mariños, diferenciamos peixes de mariscos e observamos como poden medrar algúns destes animais ou como debemos pescalos. Finalmente descubrimos que podemos tomar bocadillos saudables grazas ás conservas de peixes e mariscos, e comprobámolo cun apetitoso bocata de sardiñas, leituga e queixo.... Delicioso!!!

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Este ano o alumnado de 5º, para celebrar o DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER, elaboramos un mural cooperativo coas nosas peticións para acabar coa violencia de xénero.

Ademais diso, tamén gozamos dunha actividade ofertada polo CIM. Para iso, contamos coa presenza da actriz Uxía Morán, que nos deleitou cuns divertidos contos sobre roles de xénero: A PRINCESA REBELDE e MARUXA.

A través deles, e cunha magnífica interpretación, Uxía ensinounos a importancia da repartición de tarefas no fogar entre todos os membros da familia.

Grazas Uxía por facernos pasar un bo rato aprendendo!!

APRENDENDO COS VIDEOXOGOS

 

O pasado mércores 23 de novembro tivemos unha visita moi especial. Co gallo do noso proxecto anual Moito máis que xogo, Pedro veunos contar como se fan os videoxogos que tanto nos gustan.

Pedro foi exalumno do centro, despois de estudar bacharelato fixo o grao en Arquitectura. Continuou a súa formación na Complutense de Madrid realizando un máster en deseño de videoxogos.

Contounos dunha forma moi dinámica e divertida que para facer un videoxogo hai un traballo cooperativo entre moita xente dos distintos departamentos de arte, deseño, programación e  produción.

Moitas grazas Pedro, foi un placer escoitarte, es un gran comunicador! Parabéns porque se ve que che gusta o que fas!

 


Por último dicir que ten outro título importante, xa que é o fillo da nosa compañeira Macu. Como podedes ver nesta foto tan divertida Pedro despídese cun bonito sorriso acompañado pola súa nai e a súa parella, Paula Pastoriza, exalumna tamén do noso centro. 

PARABÉNS!

DÍA DAS ESCRITORAS 2022

O luns máis próximo ao 15 de outubro celébrase todos os anos o DÍA DAS ESCRITORAS. As nenas e nenos de 5º de Educación Primaria celebramos este día facendo unha busca do tesouro na Biblioteca do cole.

En grupos de 4 ou 5 recibimos seis pistas que tiñamos que seguir para atopar anacos dun puzzle que estaban escondidos por toda a biblioteca. Unha vez con todas as pezas tiñamos que armar o crebacabezas e descubrir unha imaxe e, con esta imaxe, tiñamos que buscar, na estantería dos libros desta conmemoración, o libro do que estaba sacada.

Os libros eran todos de escritoras e ilustradoras e, con esta búsqueda, puidemos coñecelas un pouco máis.

Aquí vos deixamos un vídeo con fotos da actividade. Clicade na imaxe para acceder ao vídeo.

 Feliz día para todas as escritoras!

Distribuir contido