Blog A Pedra

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER

Hoxe foi un día moi especial… como cada ano, dende o noso centro celebramos o día da muller.

Comezamos explicándolle ao alumnado a importancia e o por qué de conmemorar este día. Ademais, falamos de mulleres que son importantes nas súas vídas: nais, avoas, mestras… tiñades que escoitar as cousas tan bonitas que dixeron!

Ademais, acudimos ao pavillón de Bueu para realizar a actividade XOGANDO SEN XÉNERO, no marco do noso plan anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO. 

Primeiro, as monitoras explicaron que antes os xoguetes eran para nenos ou para nenas, pero isto a día de hoxe xa non e así, e todos e todas podemos xogar co que queiramos.

A continuación faláronnos sobre as normas e funcionamento dos xogos e distribuímonos polo espazo para poñernos mans á obra.

Aparte de xogos tradicionais coma o tres en raia, o mikado os zancos… tamén fixemos actividades colaborativas coa corda e o paracaídas e incluso bailamos un pouco de baile galego.

Premendo na seguinte imaxe grupal podedes ver un vídeo co ben que o pasamos.

Imos ao teatro a ver a obra "NAUTILUS"

De primeiras, fomos ver a obra "NAUTILUS".

Nun submarino secreto que percorre os océanos de todo o mundo, lonxe de todo e de todos, o capitán Nemo observa que os arrecifes de coral se converteron en montañas de lixo, os peixes en bolsas de plástico e os prados de posidonia en vertedoiros acuáticos. A vida mariña corre perigo e Nemo propúxoo evitalo, pero non pode facelo só. Por iso contrata ao profesor Aronax, a quen emprenderá unha viaxe de 20.000 leguas submarinas para mostrarlle os segredos dun mundo fascinante ameazado pola contaminación. 

Cando saímos do teatro fomos merendar e dar unha camiñata polo río Lérez. Divertímonos todos moito e a mañá pasou voando!

Ollade o seguinte vídeo:

UN ENTROIDO DE XOGO

Durante estas últimas semanas vimos preparando o Entroido na escola, esta vez baixo a temática do xogo. Comezamos a semana co Mandadiño, cada día tiñamos que traer algo distinto...O alumnado de 1º elixiu disfrazarse de TRES EN RAIA, pero para non malgastar nada, fixérono con materiais reciclados. Así que trouxeron cartóns e tapóns de botellas da casa e na escola coloreamos os cartóns para facer os taboleiros.

O día do Entroido, as mestras sorprendéronnos coas fichas para xogar. Tres delas eran da cara de Rosalía de Castro e as outras tres da nosa cara. Ademais, veñen pegadas con velcro para que nós podamos xogar con elas. Gustáronnos moito!

Unha vez que estivemos vestidos, fixemos un pequeno pasarrúas ata o cole de Infantil, onde desfilamos ao son de Paco Nogueiras co seu Brinca Vai. Rematou a festa a comparsa Os Mulos, cos que cantamos de viva voz o seu FALEMOS GALEGO (NA RÚA E NA ESCOLA)

Ao chegar de volta á clase compartimos unha merenda chea de doces típicos de Entroido. Comemos filloas, orellas, flores... todos xuntos e gozamos moito das lambetadas e dun rato de xogos entre amigos!

O venres 24 aínda tiñamos ganas de Entroido así que fomos disfrazados á escola e despois do recreo tivemos unha festa todos os cursos de Primaria xuntos na que xogamos e bailamos moito. Foi un Entroido que deu moito xogo!!!

PLANTACIÓN DE ÁRBORES COA FUNDACIÓN JUÁN XXIII

O mércores pasamos unha xornada inesquecible grazas aos mozos e mozas da Fundación Juan XXIII de Pontevedra e ao Concello de Bueu, que nos invitou a participar.

Como sabedes, este curso estivemos traballando dende as ciencias tres proxectos: O UNIVERSO, AS PLANTAS e A METEOROLOXÍA. En relación aos mesmos e como parte final realizamos esta xornada de plantación de árbores que a continuación vos explicamos. 

O alumnado do ciclo formativo de xardinería da Fundación foi contratado polo Concello de Bueu para levar a cabo a tarefa en cuestión. Para isto contaron coa nosa colaboración, os cativos e cativas de 3º de primaria.

Comezaron explicándonos a importancia das árbores na ribeira dos ríos, e facéndonos algunhas preguntas sobre o tema que soubemos responder moi ben, amosando o moito que aprendemos ata agora.

Depois, dividímonos en equipos de traballo e distribuímonos ao longo do Río Bispo para plantar acivros, carballos, maceiras, cerdeiras, freixos e sanguiños; árbores que poderemos ver e ensinar con satisfacción sempre que demos un paseo pola zona. 

Para rematar, precisabamos repoñer forzas e nos agasallaron cunha merenda máis que merecida!!!

GRAZAS JOSÉ, VERÓNICA E CARME por educar e formar tan ben e pola esquisita sensibilidade que amosades!

AGRADECEMENTO ESPECIAL PARA ÁFRICA, NACHO, JUAN, CARLOS, JOSÉ, ÁNGEL E ANDRÉS, por ensinarnos a plantar con tanto cariño e paciencia.

As profes prometéronnos que apróxima vez iremos nós a Pontevedra a visitaros!

 Nos seguintes vídeos podedes ver as fotografías de toda a xornada.

 

 

ENTROIDO NO CEIP P. A PEDRA 2023

 

E por fin chegou o día!

Despois de facer os traxes nas aulas e cantar a canción de Falemos Galego, este venres 17 fixemos un pequeno percorrido ata o noso centro de infantil. As nosas compañeiras tiñan todo moi ben organizado e puidemos gozar dun pequeno desfile de todas as clases, finalizando coa actuación OS MULOS, tocaron varias cancións e entre elas Falemos Galego.

Ao rematar volvemos ás aulas, onde puidemos degustar dos produtos de entroido, grazas familias!

Agora toca descansar, bo entroido a todxs! 

Ollade neste pequeno vídeo que ben o pasamos!

 

 

 

A RECEITA

 

Este trimestre seguimos co texto instrutivo, no anterior fixemos o xogo e agora toca a receita. 

Despois de realizar na clase en equipos cooperativos varias receitas, chegou a quenda de cociñar. Como sempre, aprender facendo é o máis divertido e motivador!

Ollade que ben o fixeron! Moi bo traballo en equipo, cracks!!! ;)

 

 

DÍA DA PAZ

O pasado luns 30 de xaneiro celebramos o DÍA ESCOLAR DA PAZ.

Nos días anteriores estivemos traballando nas aulas este tema e fixemos uns propósitos por equipos que despois plasmamos nun pergamino para poñer no mural cooperativo, dentro dunha pomba.

O luns, despois do recreo, xuntámonos no patio dos maiores todo o alumnado do colexio, incluído os peques de infantil.

Unha vez reunidos, saímos por clases a manifestar os nosos propósitos pola Paz e seguidamente cantamos acompañados de lingua de signos as cancións elixidas para esta data:

- Convivindo, de María Fumaça.

- All you need is love, de The Beatles.

Esperamos que pouco a pouco o mundo se convirta nun lugar onde reine a Paz.

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ

 

Este é o mural que preside a entrada do noso colexio e, que nesta ocasión, está decorado cos propósitos de Paz, que todo o alumnado do centro propone para este ano 2023.

Estas foron as nosas suxestións:

3ºA

3ºB

 

4ºA

 

4ºB

 

Nin a meteoroloxía nin a COVID, impediron que este ano o día 30 de xaneiro nos xuntáramos infantil e primaria no patio cuberto do cole.

Alí lemos os propósitos de todas as aulas. 

Finalmente cantamos xuntos:

CONVIVINDO: De María Fumasa

ALL YOU NEED IS LOVE. De The Beatles.

No seguinte vídeo poderedes ver un bonito momento vivido ese día, cando todo o alumnado e profesorado de A Pedra, cantamos e interpretamos en lingua de signos o retrouso da canción de María Fumasa, baixo a batuta de Rosa Louro.

 

 

DÍA DA PAZ 2023

PROPÓSITOS DE PAZ EN A VOZ DA PEDRA

O alumnado de 3º quere compartir dende as instalacións de A Voz de A Pedra  os PROPÓSITOS DE PAZ PARA O ano 2023, consensuados na aula.

 

Distribuir contido