Skip to Content

Introducímonos na narración oral con Federico Pérez

Galería de Imaxes

O actor e guionista Federico Pérez Rei visitou o noso centro os pasados 25 de outubro e 8 de novembro para impartir un Curso de Iniciación á Narración Oral ao alumnado da materia Obradoiro de Habilidades Comunicativas.

Ao longo de dúas sesións, o noso convidado, Premio Mestre Mateo 2019 á Mellor Interpretación Masculina de Reparto no multipremiado filme Trote, de Xacio Baño, foinos dando as súas claves para construír historias e levalas ao escenario: dende como captar o motivo do que pode xurdir o relato, como darlle forma, como botar man da improvisación no directo, o aproveitamento da cultura popular e rural como fonte de inspiración e espello na que aprender, etc. e, finalmente, como compartirlas ante un auditorio. Aquí foi cando Sabela, David e Isaac mostraron e interpretaron as historias nas que están traballando para participar na fase final do XVIII Concurso Tíralle da Lingua, que terá lugar o próximo 28 de novembro no Teatro Principal de Santiago. Aínda quedan días para traballar os relatos pero vese que hai madeira de contadores e contadoras en Soutomaior.

Dende aquí agradecemos a gran disposición, a proximidade e o cariño de Federico demostrada nestes encontros co noso alumnado e á AS-PG pola súa colaboración e por organizar este certame. O Tíralle da Lingua procura incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias, de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.

Moitas grazas, Fede! Moitas grazas, AS-PG! É a quenda de Sabela, David e Isaac!

 

Borrador do Plan de Convivencia Escolar do IES de Soutomaior

A Comisión de Convivencia do IES de Soutomaior elaborou un documento base do Plan de Convivencia Escolar do centro segundo o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.

O borrador é accesible para toda a comunidade escolar para a súa revisión antes da súa aprobación definitiva. O prazo para facer achegas a este borrador estará aberto durante os meses de novembro e decembro. As achegas dirixiranse ao correo ies.soutomaior@edu.xunta.gal.

O IES de Soutomaior participará en dous programas do Plan Proxecta 2019-2020

O noso centro foi seleccionado en dous programas do Plan Proxecta para o Curso 2019-2020 segundo a resolución definitiva publicada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Este Plan está orientado a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

En concreto, os programas aprobados son Educación Patrimonial e Escola Verde. No primeiro deles, baixo a Modalidade "Mirando polo Camiño", o alumnado (dende 1º da ESO a 1º de Bacharelato) pescudará sobre o patrimonio e os bens comúns do Camiño portugués desde o punto de vista antropolóxico, histórico, arqueolóxico, arquitectónico, xeográfico e lingüístico. Hai que de salientar que nesta modalidade só se admite un único centro en toda Galicia para cada un dos Camiños de Santiago e que, ademais, se enmarca dentro do desenvolvemento do Proxecto Interdisciplinar de Centro "Miña Casiña, meu lar".

No segundo dos programas, Escola Verde, foron seleccionados 10 centros escolares de todo o país, e pretende mellorar o comportamento ambiental do alumnado e o profesorado de todo o centro. Está coordinado polo Departamento de Bioloxía.

Botan a andar os Clubs de Lectura do instituto

 
Neste mes dá comezo unha nova edición dos Clubs de Lectura do noso centro coa participación de 45 alumnos e alumnas. Haberá tres clubs, que compartirán as súas lecturas en sesións de carácter mensual ata o mes de maio. A maiores, entre febreiro e marzo, volverá o club de lectura e cinema integrado no proxecto interdisciplinario relacionado coa viaxe de fin de etapa de 4º ESO.
 
Nestas semanas darán comezo os seguintes clubs:
  • Petiscos de arte (títulos e calendario), con alumnado de 1º e 2º ESO. Tras a lectura compartida de álbumes ilustrados relacionados con artistas como Matisse, Yayoi Kusama ou Louise Bourgeois, o alumnado realizará un traballo artístico inspirado na obra dos autores e autoras traballados.
  • Lecturas pola igualdade (títulos e calendario), on alumnado de 2º, 3º e 4º ESO. Todas as lecturas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual.
  • Historias da historia (títulos e calendario), con alumnado de 4º ESO e Bacharelato. A través da banda deseñada, achegarémonos a narracións baseadas na realidade, ás veces biográficas, outras ficcionadas, con temáticas como o holocausto nazi, a venda de preferentes, a guerra civil ou as pioneiras en materia de igualdade.
Que teñades unha feliz singradura e boas lecturas!

Quem não viu Lisboa não viu coisa boa

Máis fotografías na Galería de Imaxes de "Viagem a Lisboa"

Fin de semana longa e intensa a que viviron en Lisboa Cecilia, Talía, Alejandro, Lucas, Xiana, Laura, Judith, Yulema, Marta, Pablo, Paula, Rolando e os profesores Orlando e Román. Entre o 31 de outubro e o 3 de novembro este grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato gozou da máis ca merecida viaxe prometida no curso anterior cando gañaron o 1º premio do concurso ComunicaTedu co traballo Pepa e Moncho, unha historia de amor romántico.

A Cidade da Luz recibiunos cun tempo máis chuvioso e frío do habitual, o que non foi impedimento para partillar a descuberta dos mil e un recantos da "menina e moça". Dende a primeira aventura no comboio en Valença (que non saiban as autoridades, o segredo fica entre nós) até o paseo polo Castelo e a Mouraria da última mañá, a convivencia e os risos cómplices acompañáronnos durante toda a nosa estadía: nos atestados autocarros aos que subimos coa nosa esaxerada equipaxe; no fermoso hostel Selina Secret Garden do Beco do Carrasco en que nos aloxamos; no Mosteiro dos Jerónimos e en Belém ao pé do río Texo; nos "pequenos-almoços" de cada mañá e nos "jantares" da noite; nos cafés e kebabs onde matamos a lareca e o frío; nas carreiras do "Elétrico 28" polas estreitas ruelas adoquinadas e encostadas da cidade buliciosa; nos xogos e curiosidades do MAAT; na fantasía romántica de Sintra; no ambiente vangardista do XL Factory; nos longos paseos polas animadas rúas, prazas, miradouros, elevadores e parques da Baixa, O Chiado, o Bairro Alto, a Madragoa, a Estrela e o Intendente, sempre á espreita da multiculturalidade lisboeta e das curiosidades e das músicas e actuacións dos artistas de rúa; no descanso na fermosa Alfama co fado ao fondo; no Oceanário, no teleférico e na moderna arquitectura do Parque das Nações... e comprobando o poder da nosa lingua como chave que nos abre ao mundo.

Xa temos saudades de Lisboa!

Dan comezo os obradoiros do Programa de Educación Afectivo-Sexual Ímolo ghozar!

O alumnado de 3º ESO estreou no día de onte, xoves 25, o Programa de Educación Afectivo-Sexual Ímolo Ghozar!, que pon en marcha o Concello de Soutomaior a través da súa Concellería de Igualdade e o CIM, e que se desenvolverá ata o 22 de novembro no noso centro.

Esta iniciativa procura fomentar unha correcta educación sexual no alumnado e inculcar nel valores de respecto, igualdade e diversidade dentro das súas relacións afectivas e sexuais. Para iso, en dúas quendas de obradoiros dunha duración total de 4h, cada grupo de 1º e 3º da ESO e de 1º de Bacharelato, participará en actividades centradas nos roles de xénero e a detección de condutas de abuso e agresión sexual e afondarán en conceptos como a sexualidade ao longo do ciclo vital dunha persoa, a igualdade e a equidade, os diversos mitos e crenzas sobre o sexo…

Ao finalizar o programa, o alumnado realizará a súa propia guía “Ímolo ghozar”, na que recollerán todas as súas reflexións, experiencias e achegas para apoiar e mellorar o desenvolvemento de posteriores edicións do programa. Unha vez realizada, a guía poñerase ao dispor da comunidade educativa para a súa utilización nas actividades habituais dos centros.

Animádevos a participar nos clubs de lectura!

Os Clubs de Lectura do instituto xa están en marcha. Preguntade na Biblioteca e sumádevos. Que que é un club de lectura? Todo un mundo por descubrir! Botádelle unha ollada ao blog da biblioteca e xa veredes todo o que se fixo no curso pasado.

English Day

O pasado mércores 9 de outubro o Departamento de Inglés e a editorial Burlington Books organizaron, ao igual que no curso pasado, un "English Day", isto é, un workshop no que Tammy, a nosa convidada, foi introducindo o alumnado de 2º e 3º da ESO e de English Comunication (2º BACH) en diversos aspectos da cultura e os países anglófonos ao xeito do concurso "Who wants to be a Millonaire?", motivando e fomentando deste modo tan lúdico a interacción, en inglés, co alumnado.

Non podedes seguir roubándonos o noso futuro!

Para ver máis imaxes do acto, accede ao Álbum de Imaxes.

Con esta advertencia pechou o noso alumnado a Semana polo Clima que se desenvolveu no IES de Soutomaior para sumármonos á Folga Global polo Clima, convocada para que os gobernos declaren, de maneira inmediata, a emerxencia climática e para que tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro.

O alumnado e o profesorado, vestidos de verde para a ocasión, participaron un acto simbólico durante o recreo, que consistiu na escenificación da morte do planeta, nun minuto de silencio e na lectura dun manifesto. Nel, o alumnado destacou o seu papel “en defensa do futuro, dun planeta vivo e dun mundo xusto”, reinvindicouse como “unha xeración que non quere sentirse impotente” ante este estado de emerxencia climática e que esixe “unha nova cultura económica orientada ao ben común, una nova cultura da auga, da enerxía, agroalimentaria, da mobilidade, da saúde, da ordenación do territorio e as cidades, da igualdade e dos dereitos”.

Este paro simbólico culminou unha semana de actividades de sensibilización ambiental sobre o cambio climático (video-fórum, lectura de textos e debates, elaboración de carteis e pancartas reinvindicativos, etc.), organizadas polo Departamento de Bioloxía, que inaugurou hoxe a exposición O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia e que consta de 19 paneis que pretenden contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

PRENSA

"O IES de Soutomaior súmase á folga global polo cambio climático", Faro de Vigo (28-09-2019).

Boix, o fotógrafo de Mauthausen, a memoria da barbarie nazi

Da man dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega, o alumnado de 4º da ESO acudiu onte, martes 24 de setembro, ao Multiúsos de Redondela para coñecer a exposición "Boix, fotógrafo de Mauthausen", organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en colaboración co Colectivo Republicano de Redondela.

A través das imaxes do fotógrafo catalán Francesc Boix, preso de Mauthausen, o alumnado puido coñecer máis de preto a barbarie sufrida polos presos nos campos nazis. A visita guiada polas fotografías, que serviron como proba no xuízo de Núremberg, completouse co visionado do documental "Boix, fotógrafo do inferno". A mostra está aberta ao público ata o 29 de setembro e acolle diferentes actividades divulgativas durante esta semana.

Cómpre lembrar que douscentos galegos foron deportados a diferentes campos de exterminio e concentración. Faleceron 113. e a súa historia aínda se está investigando e dando a coñecer. Para preservar a memoria destes exiliados que pagaron coa súa vida a defensa da democracia, no segundo andar do noso centro acollemos ata o 11 de outubro a exposición "Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez. De Monterrei e Boborás aos campos nazis", elaborada polo profesor Heladio A. Fernández Manso. Consta de 14 paneis en cartón pluma nos que se trata a historia dos republicanos galegos e españois obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil, e despois deportados aos campos de concentración nazis.

A exposición forma parte da homenaxe tributada pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio a Joaquín Balboa, deportado a Mauthausen, e está baseada na súa experiencia e, secundariamente, na de Antonio Pérez e as mulleres republicanas membros da Resistencia en Francia, deportados a Buchenwald e Ravensbrück. Cada panel consta de imaxes, introdución ao tema respectivo e testemuños. A exposición ten unha pretensión didáctica, con información relevante para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos, e as, protagonistas.

Distribuir contido


by Dr. Radut