Skip to Content

Blogue de admin

Achegámonos ao noso medio

O centro acolleu onte, mércores 15 de decembro, dúas charlas formativas que achegaron o alumnado ao noso medio, tanto ao medio natural como ás nosas formas de vida tradicionais.

Por unha banda, o alumnado de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente (2º BACH) e de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional (4º ESO) asistiu á charla "Experiencias co pH no solo" dentro do Programa Revitaliza, que impulsa a Deputación de Pontevedra. Nela, destacouse a importancia da compostaxe dende un punto de vista estratéxico para a reciclaxe de residuos orgánicos, e das propiedades e aplicacións do compost como enmenda orgánica para solos agrícolas e para restauración de solos degradados a causa dos incendios forestais. Ademais, mostrouse a importancia do pH do solo na dispoñibilidade de nutrientes para as plantas, e caracterizáronse dun xeito sinxelo e práctico un solo alcalino e un solo ácido.

Por outra banda, o alumnado de 4º ESO participou na segunda (a 1ª realizouse o venres 3) das charlas do programa Relevo 2. A mocidade Abordo, promovidas polos GALP (Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro). Nestas sesións achegámonos ao sector pesqueiro (pesca, marisqueo, acuicultura) dende o punto de vista laboral, é dicir, das diferentes posibilidades a nivel laboral que ofrece (mariscador, pescador, persoal administrativo, capitán de barco, mentemento de instalacións, persoal investigador...). Así mesmo, deuse a coñecer o abano de posibilidades formativas que hai en Galicia enfocado a estas profesións, dende ciclos de grao medio e superior ata graos universitarios.

Estas actividades foron organizadas polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía en colaboración con outros seminarios.

Actividades de Relixión en caso de confinamento ou estancia temporal na casa

Traballos:

  • escritos a man,
  • correo: gabinocalmalleiro@edu.xunta.gal.

Os traballos deben de ter un mínimo de 5 carillas e a información debe  ser recollida de, cando menos, 2 vías ou libros diferentes que atopedes en internet. Tódolos traballos han de ter unha introdución, contido (5 follas minimo), bibliografia e opinión persoal.

1º ESO: As milagres de Xesús
1.1. Tipos de milagres
1.2. Quen era Francisco Coll? Vida
1.3. A menxase das milagres.

2º ESO: Expansión da Igrexa

2.1. Cristianismo: século I ao III.
2.2. O Cristianismo no século IV.
2.3. A chegada do Cristianismo á Península Ibérica.
2.4. Expansión do Cristianismo polo mundo.

3º ESO: Para que serve a relixión?

3.1. A relixión e o sentido da vida.
3.2. Similitudes e diferencias entre ciencia e relixión.
3.3. As ciencias ocultas.

4º ESO: A relixión do século XVII-XIX

4.1. O caso Galileo.
4.2. Racionalismo e empirismo.
4.3. O estado confesional.
4.4. Postura da Igrexa na revolución industrial.

1º e 2º BAC: A dignidade humana

1. Atentados contra a dignidade humana.

2. Diferenza entre legal, ético e moral.

3. En que se parecen e diferencian a relixión, a filosofia e a ciencia.

Animádesvos a participar no Clube de Lectura en Galego para persoas adultas?

Se estás interesado/a en participar nesta iniciativa da Biblioteca e o EDLG do IES de Soutomaior para o Curso 2021-2022, gustaríanos coñecer cales son as túas motivacións para forma parte do clube, cal  é a túa experiencia lectora en galego, que tipo de lecturas che gustan e che gustaría facer, con que dispoñibilidade horaria contas, etc.

Se tes uns minutos, agradecemos que cubras a nosa enquisa en liña. A información recollida nesta enquisa será tratada con confidencialidade polo profesorado da Biblioteca do IES e só para este fin.

Pautas para elixir os agasallos infantís de Nadal

O Centro de Formación de Recursos de Pontevedra organiza unha conferencia aberta a todas as familias, que co título “Pautas para elixir os agasallos infantís de Nadal” será impartida por Oscar Páramos, licenciado en psicoloxía, experto en comportamento deportivo e márketing dixital e Máster en psicoloxía infantil.

Esta conferencia enmárcase no programa "ENAPAS: A familia como motor de cambio"  e versará sobre a importancia do xogo no desenvolvemento afectivo-psicolóxico dos nenos/nenas para abordar e reflexionar sobre a importancia da elección dos agasallos infantís.

Terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o luns 13 de decembro entre as 18:30 e as 20:30 h.

 

25N - Día Internacional contra a violencia machista

Neste 25N, o Comando Igualdade do IES de Soutomaior achegou a problemática da violencia machista ao centro mediante unha intervención interactiva chamada "Aulas violetas".

Na aula violenta 1, mentres un corazón violeta feito con leds latexaba na parede, nun audio -co latexo do corazón de fondo- porporcionábanse datos estatísticos sobre a violencia de xénero e escoitábanse testemuñas de vítimas. 

Na aula violeta 2, empregando luz negra, o alumnado e o profesorado do IES participou activamente buscando a información agochada nas paredes e achegando un "desexo de cambio" para a sociedade.

Pola súa banda, durante as últimas semanas, o alumnado de Plástica (4º ESO) e de Debuxo Artístico (1º BACH) realizou diferentes intervencións artísticas en varios espazos do centro con motivo desta data reinvindicativa e de denuncia.

Máis imaxes nesta galería fotográfica.

English Culture Class

O pasado mércores 22 de novembro o Departamento de Inglés e a editorial Burlington Books organizaron a "English Culture Class", ou sexa, un obradoiro no que Damien, o noso convidado, introduciu o alumnado de 1º e 2º da ESO en diversos aspectos da cultura e  a realidade dos países anglófonos dunha maneira amena, moi divertida e participativa, o que facilitou a interacción en inglés co alumnado. En febreiro, haberá unha segunda quenda para os grupos de 2º C e 1º C.

O Magosto volveu co outono ao instituto

O pasado 16 de novembro puidemos volver gozar dunha das celebracións máis tradicionais do calendario festivo galego, o Magosto, que voltou ao noso centro dous anos despois coas castañas asadas, os xogos populares, a música popular e mesmo algún baile. Este ano contamos cun pasarrúas no que participaron Rebeca, Raúl, Noelia, Elisa e Marta. Ghaiteir@s!

Aínda que fose por un tempo moi limitado, e sempre cumprindo co protocolo COVID, o obxectivo era poder voltar a partillar dun momento de convivencia máis alá das aulas e os recreos, que boa falta fai.

Coma sempre, temos que agradecer a colaboración de Nati, a nosa castañeira, e de Luís, que nos achegou o tren-asador das castañas e tamén botou unha man no asado e reparto de castañas. Sen eles, e sen as familias que achegaron as castañas, non sería posible recuperar o magosto.

Moitas grazas!

Regueifeiras finalistas

Lembrades que no mes de outubro un grupo de alumnos e alumnas voluntarios de 2º da ESO coñeceron a regueifa de man de Lupe Blanco, a mestra regueifeira de Bergantiños? Pois daqueles obradoiros saíu unha representación de mozos e mozas decididos a subir ao escenario do II Certame Provincial de Regueifas para lle botar unhas coplas xunto con outros 100 rapaces e rapazas de 41 centros escolares de toda Pontevedra.

Lucía, Rosalía, Alexia, Javier, Hanae, Antía, Diego, Ashley e Héctor, acompañados polo profesor Fernando Blanco, demostraron boas dotes para a improvisación oral coas súas coplas pícaras e retranqueiras. Houbo un chisco de nervios, claro, pero demostraron seren ben afoutos e afoutas para pisar as táboas ante un público tan numeroso.

A mostra, que tivo lugar no Centro Cultural e Veciñal de Valadares o 19 de novembro, púxolle o ramo a este programa formativo organizado pola Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra, que foi desenvolvido no noso centro polo Equipo de Normalización Lingüística e o Dpto. de Lingua Galega.

Publicada a convocatoria para solicitar máscaras

Publicada a convocatoria para a distribución de máscaras (Orde do 28 de outubro de 2021 - Código ED330E).

Instrucións básicas: acceso ao resumo da convocatoria premendo aquí.

Prazo de presentación das solicitudes: do 15 de novembro ao 26 de novembro de 2021 (ambos inclusive).

Alumnado beneficiario:

- Alumnado que fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar (50€) neste curso 2021-22.

- Alumnado que non fose beneficiario da axuda por diferentes circunstancias, pero:

  • Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior 6.000€.
  • Estea matriculado en Educación Especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual o superior ao 65%, con independencia da renda da unidade familiar.

Procedemento:

- O alumnado beneficiario do punto 1 non ten que presentar solicitude.

- O alumnado recollido no punto 2 debe presentar a seguinte documentación do procedemento ED330E na secretaría do centro.

Documentación:

- As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

  • Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar.
    • No caso de separación ou divorcio, ademais deberase achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
    • Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios: Certificado de volante de convivencia e Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Axudas para o préstamo de ordenadores persoais para o alumnado

Concello de Soutomaior vén de publicar as bases que regulan as axudas para o préstamo de ordenadores persoais para o alumnado que cursa Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP, Educación Especial e estudos universitarios durante o Curso 2021-2022. 

O prazo de presentación será de 15 días naturais, contando dende o día seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria no BO da provincia (3 de novembro). 

Para poder optar a estas axudas, as persoas interesadas deberán de cumprir os seguintes requisitos xerais:

  • Ser pai, nai ou titor legal do alumnado matriculado durante o curso escolar 2021/2022 ou ser maior de idade e estudante en educación secundaria, bacharelato dos centros docentes do concello de Soutomaior así como para o alumnado do concello de Soutomaior que curse bacharelato noutro centro, FP , PCPI ou estudos universitarios.
  • Que a unidade familiar estea empadroada e resida no concello de Soutomaior.
  • Convivir cos/cas alumnos/as para os que se solicitan as axudas.
  • Que a capacidade económica da unidade familiar de convivencia non exceda do 75% do IPREM per cápita, que equivale ao 100% do subsidio básico da RISGA. No caso de non existir datos de ingresos da unidade familiar, computarase como mínimo familiar o equivalente ao subsidio básico da RISGA (5.084,16€/anuais).

Acceso ás bases da convocatoria e á solicitude

Distribuir contido


by Dr. Radut