|
Xohán Cabana lembrou a Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez. CARLOS CARBALLEIRA |
Darío Xohán recitou poemas tradicionais no Sofía Casanova
Ferrol Xoves 16 de Abril de 2009
MARTA QUINTEIRO > FERROL
Os alumnos de Bacharelato e Formación Profesional do IES Sofía Casanova recibiron onte a un dos mellores escritores en lingua galega da actualidade, no marco dun proxecto do equipo de normalización lingüística do centro co que se pretende dar a coñecer de primeira man a literatura galega.
O encontro comezou cunha presentación de Darío Xohán Cabana na que a coordinadora de normalización lingüística, Laura Suárez, destacou os aspectos máis relevantes da súa vida e obra, como o seu ingreso na Real Academia Galega ou seu traballo como tradutor de obras extranxeiras.
A continuación, o escritor comezou un recital de poesía no que os asistentes poideron lembrar os Cantares Galegos e as obras de autores como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas, elixidas polo escritor co fin de “transmitir aos alumnos o gusto pola poesía e pola sonoridade da lingua galega, nun tempo no que a poesía está de capa caída”, apuntou.
Á súa fin, os estudantes de 2° de Bacharelato tiveron a oportunidade de preguntarlle todo tipo de curiosidades, acerca da súa vida, do seu traballo e da historia do galego. Segundo explicou Xohán foiron moitos os que se animaron a participar no coloquio e, ademais, amosaron ó escritor que “están ben formados intelectualmente e cunha boa educación”, asegurou.
Darío Xohán engadiu que este tipo de encontros, nos que xa participou noutras ocasións, tamén poden axudar a fomentar a lectura e a escritura entre os mozos, a pesar de que a súa opinión é que “agora se le moito máis que antes”.
O acto cerróuse cunha sinatura do libro “Galván en Saor”, que os alumnos de 1° de Bacharelato leran na clase.