Curso 2021/22
Viaxe a Andorra- semana branca
Non daba chegado o día! Nervos, emoción, ansia de voltar á normalidade.
Sobre as 24:00h do sábado 26 partiu o alumnado do Cabe, acompañado por Carlos Parada, director do centro,e as profesoras María Padrón e Iria Trebolle , rumbo a Andorra e a unha viaxe que botaban moito en falta, especialmente despois de dous duros anos de pandemia e falta de liberdade.
Desexámosvos a mellor das viaxes, desfrutade moito!!
E para os que nesta ocasión non pudieron ir, lembrade que quedan moitas viaxes!!
E despois dun traxecto de 13 horas ata chegar a Andorra, as primeiras horas neste país foron adicadas a recoller o material de esquí e acomodarnos nas habitacións, todos e todas con moitas gañas de comezar a xornada de esquí de mañá luns!! Agora toca descansar!!
Charla do ilustrador e autor de cómic Kiko da Silva no Río Cabe
Este venres, 25 de marzo, e dentro do programa da deputación lucense IlustrarNós, contamos no Río Cabe cun dos mellores ilustradores e autores de cómic de Galiza, Kiko da Silva.
O vigués impartiu unha charla dirixida ó alumnado de plástica de 4º de ESO e de debuxo técnico e artístico de 1º de bacharelato. O obxectivo da atividade era fomentar a creatividade así como acercar ó alumnado o traballo dos artistas galegos neste campo. Durante a charla, o deseñador explicou o proceso de creación desde que nace a súa idea ata a súa publicación.
O programa inclúe a convocatoria do II Certame de Ilustración “IlustrarNós” dirixido a centros de ensino, tanto de primaria como de secundaria, no que se establecen catro categorías de creación , en función da etapa educativa, cos correspondentes premios.
8M -Día da Muller
O pasado venres, e dentro do programa de actividades de conmemoración do 8M, os dous grupos de 3°ESO participaron no obradoiro "Para que non doa" a cargo da psicóloga Paula Sánchez, onde abordaron as relacións emocionais dende unha perspectiva non sexista e a dependencia emocional. Os alumnos e alumnas debatiron entre eles/as co obxectivo de desmontar mitos e estereotipos arredor do namoramento e o amor, diferenciar entre relacións igualitarias, violentas e de dependencia e reflexionar sobre os modelos de parella impostos pola sociedade patriarcal.
Podedes ver máis fotos na galería
Festival de Entroido
Este venres 25 de febreiro celebramos no Río Cabe un divertido e esperado entroido que fixo bailar e desfrutar a pequenos e maiores.
A temática elixida para desfrazarnos todos foi o mundo hippy, e Flor, encargada da biblioteca e Anxo, xefe do departamento de debuxo, ocupáronse da decoración e ambientación.
Cada grupo preparou unha coreografía que bailou no xardín do centro nas horas de despois do recreo. Tamén os profesores e profesoras se animaron con outro baile. A todos eles, alumnos e profes, moitas grazas e felicitacións!!
Rematamos cun postre tradicional (orellas) e co prato forte do instituto: a actuación do grupo “Os caralludos do Río Cabe”, con Xurxo á cabeza, as alumnas Ariadna e Ximena e ex-alumnos Antón e Adrián, a quenes, una vez máis, agradecemos de corazón a súa participación e magnífica actuación.
Se queres ver máis, visita a nosa galería de fotos.
Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós
Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.
Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.
A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.
Xornada sobre Dereitos Humanos
O alumnos de 1º de Bac asistiron a unha xornada sobre a nova lei 8/2021 sobre persoas con discapacidade , vixente dende setembro de 2021,para acercar os alumnos-as á extensión de dereitos humanos. Os altofalantes foron as personalidades xudiciais de Monforte de Lemos: o notario, o fiscal, a xuíza do xulgado de Monforte, e a avogada e profesora da UNED , Mª José González.
A nova lei é unha autentica revolución, que rompe coa tradición que arranca do s. XVIII, onde “os capaces” tutelaban e limitan a liberdade e a dignidade das persoas afectadas, ás veces ocultando intereses espureos . A nova lei adecúa as leis españolas á Convención Internacional sobre dereitos das persoas con discapacidade de Nova Iorque de 2006. A nova lei fundaméntase no respecto á dignidade, á liberdade e á vontade da persoa , ela toma as decisións e nunca perde os seus dereitos, desaparecendo o término e proceso xurídico de “incapacidade legal”.
Desaparecen a tutela e a patria potestade sobre os maiores de idade,e a prodigalidade ( que familiares ou titores, en defensa de seus interese persoais, denuncien que o pródigo malgasta o seu caudal con lixeireza, impedíndolle gastar o seu patrimonio en liberdade e impoñéndolle curatela xudicial ou que o mesmo veto).
As novas figuras xurídicas son a curatela ( asistencial, ou excepcional de representación) para ámbitos determinados, (médicos, asuntos bancarios, asistenciais...) , o defensor xudicial ( en caso de conflito entre a persoa e quen lle axuda), o gardador de feito,a prioridade das medidas voluntarias que a persoa pode solicitar con anticipación (ex: ó principio da súa enfermidade de alzheimer) , a revisión periódicas por xuíces das medidas de apoio no prazo máximo de 3 anos.
Tamén se informou que o cidadán se poderá dirixir a fiscalía para solicitar os apoios necesarios para desfrute dos seus dereitos en apoio as súa discapacidade.
Así mesmo os xuíces españois terán un prazo máximo de 3 anos para revisar todos as sentencias de incapacidade xurídica anteriores a setembro de 2021.
XIII Olimpíada de Xeoloxía
O mércores 16 de febrero, celebrouse a XIII Fase Galega da Olimpíada de Xeoloxía, actividade convocada pola AEPECTGALICIA (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra), na que participaron, por terceiro ano consecutivo, 12 alumn@s de 1º Bacharelato do noso centro, o IES Río Cabe.
A Facultad de Ciencias del campus de Ourense foi a sede provincial do certame para os centros de Ourense, e do noso por proximidade a Ourense.
As actividades propias do certame desenvolvéronse entre as 10:30 e as 16:00 h, e consistiron: nunha primeira proba práctica Xincana por equipos, nos corredores da facultade e no exterior da mesma, e despois dun pequeno receso para xantar, unha segunda proba teórica individual con 40 preguntas tipo test.
Unha vez rematadas as probas, os estudantes puideron desfrutar dunha visita guiada polo xeólogo Eduardo Clavijo, ao Museo Olería de Niñodaguia, situado a 30 km da cidade.
Xa de volta na Facultade, ás 18:15 h tivo lugar a clausura da Olimpíada por parte da vicerreitora do Campus de Ourense, María Esther de Blas Varela e entrega de premios aos gañadores da mesma
Os nosos alumn@s, que estiveron acompañados por Rocío e Pablo, profesores do centro, tiveron a oportunidade de compartir un día único con outros estudantes cun interés común pola ciencia, e concretamente pola Xeoloxía.
Aínda que non conseguisen acadar o pase para representar a nosa comunidade na Fase Nacional, que este ano terá lugar en Almería, desfrutaron dun día que, de seguro, lles quedará gravado nas súas retinas durante moito tempo.
Parabéns, rapaces!!!
Cazando petróglifos
Na primeira semana de febreiro, Begoña G. Aguiar visitou a aula de Turismo para achegarnos ao mundo dos petróglifos do suroeste de Lugo, tema sobre o que versou a súa tese doutoral.
A disertación tivo continuación nunha saída de campo polo Concello de Sober na que visitamos os gravados rupestres da Pena do Xestal en Proendos, os da Paxota na parroquia de Bolmente e os da Pena do Lagarto na parroquia de Pinol.
Resultou unha experiencia moi interesante pola calidade dos recursos e polo ben facer da guía oficial de Turismo e doutora en historia, Begoña G.
Vivenciando a escalada
O alumnado de 2º ESO tivo hoxe, martes 25 de xaneiro, a oportunidade de coñecer máis de preto o apaixonante mundo da escalada.
Desprazámonos ao rocódromo da cidade de Lugo, onde os monitores de RocoLugo nos tiñan preparadas dúas horas de actividades que nos permitisen achegarnos a este deporte de aventura en crecemento.
Á nosa chegada ás instalacións, fixémonos realmente unha idea do que estabamos a piques de facer. Ascender en vertical por unha serie de paredes que semellaban máis altas do que esperabamos. As reaccións foron diversas: por unha banda, aqueles que xa querían probar os bloques máis difíciles e demostrar que eran quen de logralo. Pola outra, os máis cautos, que preferían ollar como o facían os seus compañeiros e compañeiras antes de probar as súas capacidades.
Colocamos material de seguridade, escoitamos as primeiras nocións e comezamos a experimentar o deporte. E como non podía ser doutro xeito, primeira persoa que proba, primeira persoa que corou a cima.
Logo de probar 4 vías de ascenso diferentes podemos afirmar que a gran totalidade dos participantes quedaron satisfeitos cos logros acadados.
Tralo gran esforzo realizado, era o momento de tomarnos un máis que merecido descanso e recuperar enerxías nun Centro Comercial próximo.
Con iso, xa só nos queda a viaxe de retorno a Monforte para rematar unha máis que produtiva e apaixonante xornada deportiva.
Non podemos esquecernos de dar os parabéns a todas as rapazas e rapaces pola súa implicación e o seu bo comportamento.
Podedes ver máis fotos neste enlace.