Vivenciando a escalada
O alumnado de 2º ESO tivo hoxe, martes 25 de xaneiro, a oportunidade de coñecer máis de preto o apaixonante mundo da escalada.
Desprazámonos ao rocódromo da cidade de Lugo, onde os monitores de RocoLugo nos tiñan preparadas dúas horas de actividades que nos permitisen achegarnos a este deporte de aventura en crecemento.
Á nosa chegada ás instalacións, fixémonos realmente unha idea do que estabamos a piques de facer. Ascender en vertical por unha serie de paredes que semellaban máis altas do que esperabamos. As reaccións foron diversas: por unha banda, aqueles que xa querían probar os bloques máis difíciles e demostrar que eran quen de logralo. Pola outra, os máis cautos, que preferían ollar como o facían os seus compañeiros e compañeiras antes de probar as súas capacidades.
Colocamos material de seguridade, escoitamos as primeiras nocións e comezamos a experimentar o deporte. E como non podía ser doutro xeito, primeira persoa que proba, primeira persoa que corou a cima.
Logo de probar 4 vías de ascenso diferentes podemos afirmar que a gran totalidade dos participantes quedaron satisfeitos cos logros acadados.
Tralo gran esforzo realizado, era o momento de tomarnos un máis que merecido descanso e recuperar enerxías nun Centro Comercial próximo.
Con iso, xa só nos queda a viaxe de retorno a Monforte para rematar unha máis que produtiva e apaixonante xornada deportiva.
Non podemos esquecernos de dar os parabéns a todas as rapazas e rapaces pola súa implicación e o seu bo comportamento.
Podedes ver máis fotos neste enlace.