Curso 2021/22

25 de Novembro - Contra a Violencia de Xénero

No Río Cabe quixemos, un ano máis, reivindicar o fin da violencia física e psicolóxica que as mulleres sofren a diario a mans das súas parellas. Para elo, e todos a unha, xuntámonos vestindo a cor violeta e cantamos, limos microrrelatos, bailamos e marchamos no xardín do centro, no tempo de lecer; pero sobre todo, nos solidarizamos coas mulleres que o pasan mal, especialmente en tempos tan duros como os dunha pandemia mundial. Por todas e cada unha delas!

   

 

 

Festexando a Música, día de Santa Cecilia

Música é  sinónimo de ledicia. Non quixemos no Río Cabe deixar de celebrar o día da patroa da música, o 22 de novembro, nin deixar de encher as nosas almas  desa ledicia que nos proporciona, especialmente en días tan difíciles como estes que nos tocou vivir.

Alumnado de ESO e Bacharelato quixeron participar na actividade levada a cabo pola profesora da asignatura, Eva, a quenes agradecemos a súa implicación.

 

Celebrando o San Martiño

O pasado 11 de novembro quixemos celebrar  no Río Cabe o San Martiño, unha xornada outonal na que toda a comunidade escolar desfrutamos da música tradicional que tocaron e cantaron os nosos alumnos e alumnas  da ESO e Bacharelato, e na que o centro, durante os recreos, tanto da mañá como da tarde, convidou a chocolate quente,  bica e  bolos preñados.

 

 

 

   

 

 

 

Obradoiro sobre Isabel Zendal e Ánxeles Alvariño

 

O departamento de Normalización Lingúística organizou, o pasado 4 de novembro, un obradoiro sobre a enfermeira española Isabel Zendal e a oceanógrafa galega Ánxeles Alvariño para o  alumnado de 1º ESO, no que se falou, de forma moi lúdica, aparte das vacinas contra a COVID,  de virus, bacterias, de como actúan as defensas no noso organismo, en que consiste unha PCR, como se produce a caries e  como evitala, etc  e Fátima respondeu ás dúbidas que xurdiron na clase. 

Visita a Lugo: Muralla, Museo Provincial e centro cultural Cárcere Vello

A visita á cidade de Lugo que realizou o alumnado de 4º ESO e 1º BAC o pasado luns, 8 de novembro, centrouse  no percorrido pola Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, na visita ó  Museo Provincial (maquetas de arquitectura popular, aras romanas, mosaicos romanos, ourivería castrexa e os seus magníficos torques, tesouro representativo de toda Galicia) e na asistencia ó Cárcere Vello, agora centro cultural, á exposición de obras do afamado pintor galego Jaime Quessada e do escultor Luis Ferreiro Peinó, así como ás explicacións sobre a historia deste centro penitenciario dende o século XIX ata 1981, período no que foi centro de reclusión de presos políticos  durante a ditadura franquista. Varios documentos históricos relativos a este feito espertaron o interese do noso alumnado

 

 

  

  

  

 

 

Saída Xacemento Arqueológico, Torre da Homenaxe e adega Regina Viarum

No ciclo de Turismo rematamos as saídas do mes de outubro con tres visitas: xacemento arqueolóxico do Preguntoiro, San Vicente do Pino e adega Regina Viarum.

Desprazámonos ata o xacemento medieval do Preguntoiro para ver as excavacións arqueolóxicas que están levando a cabo un equipo de investigadores da Universidade de Lisboa, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e da Universidad Complutense de Madrid.

Xurxo Ayán, director técnico da iniciativa, foi o noso cicerone nesta visita e explicounos que tratan de afondar nas orixes do mosteiro de San Vicenzo xa que as tumbas excavadas na roca -ademais doutros achados actuais parecen indicar a existencia dun eremitorio antecedente de Pombeiro, ao tempo que pretenden obter máis datos sobre o pasado da Ribeira Sacra

. 

                         

 Na visita á Torre da Homenaxe é a igrexa do Conxunto monumental de San Vicente do Pino contamos coas explicacions de Mabel, ex alumna do Ciclo, e con Berta, alumna a piques de rematar o proxecto final.

Con Mabel percorremos a igrexa para coñecer os recientes traballos de rehabilitación entre os que se atopa a recuperación das pinturas murais situadas na cabeceIra do templo.

Berta acompañounos polo interior da musealizada Torre da Homenaxe explicándonos a historia da mesma para rematar no máis alto disfrutando das vistas do Val de Lemos.

  

A última saida, organizada por Noelia -alumna do Ciclo de Turismo-, tivo como destino a adega Regina Viarum en Amandi.

E alí, documental, visita guiada con explicacións dos diferentes procesos de vinificación, cata e desfrute da panorámica dos canóns do Sil dende a terraza que colga sobre os viñedos.

 

 

Río Cabe polo mundo - Inclusión e visibilidade

 Leidi Aldana Rodríguez, antiga alumna do Río Cabe, participa, xunto cunha compañeira , nun programa de radio no país Vasco, comunidade onde reside na actualidade, para reivindicar a inclusividade  das persoas con diversidade funcional e para facer unha chamada de atención sobre a dificultade que supón moverse en  cidades non deseñadas tendo en conta as súas necesidades.  

Todos ó tren!!

Dentro do plan de visitas do CS de Guía, información e asistencia turísticas aos recursos turísticos da cidade de Monforte de Lemos, o xoves 21 de outubro, saímos a coñecer o MUFERGA, Museo do Ferrocarril de Galicia.

No percorrido polo espazo expositivo visitamos o vagón real,  a locomotora Mikado, o tren das Forzas Armadas, varias locomotoras eléctricas, un tren turístico de época,…

O que máis nos chamou a atención foi a rotonda ferroviaria con forma de ferradura, de 38 vías radiais e ponte transbordadora xiratoria. Trátase dun edificio destacado que, como tal, aparece recollido  no Catálogo de Patrimonio Industrial Europeo.

Non se pode falar da historia de Monforte de Lemos sen  facer referencia á importancia deste enclave como facilitador das comunicación de Galicia co resto de España nos inicios do transporte ferroviario e que se alongaría durante varias décadas.

Renovación do Consello Escolar

Debido á situación derivada da crise sanitaria durante o curso pasado, fíxose necesario o aprazamento da celebración das eleccións para a renovación dos membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos. Ao longo do mes de novembro do 2021, efectuarase o proceso de dita renovación.

Poden consultar a Resolución do 20 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

Anuncio sorteo Xunta Electoral

De Portomarín á Ferreiroá - Visita a pobos asolagados

Este mércores 13 de outubro o alumnado do Ciclo de Turismo e da ESA fixo unha interesante visita aos pobos asolagados polo encoro de Belesar. Unha aproximación a un drama vivido no mes de xaneiro de 1963 polas xentes que vivían nas beiras do río Miño, entre Portomarín, a poboación máis importante das asolagadas, e o muro da presa en terras de Chantada.

Fixemos un percorrido a pé dende o antigo Portomarín ata A Ferreiroá, unha aldea situada a 2 quilómetros río abaixo e que se conserva en moi bó estado. ademais tamén foi escenario de películas e curtos coma Krebinsky. Desfrutamos da paisaxe e da natureza, achegándonos á súa historia, á vida das súas xentes e ao trauma  dun desaloxo á forza, contra o que non cabía oposición nin resistencia.

 Despois de volver a pé ao punto de partida, coñecemos o novo Portomarín ao que se trasladaron algúns dos elementos máis salientables da vila asolagada. Chama especialmente a atención a igrexa de San Nicolás, magnífico exemplo de templo-fortaleza románico.

Distribuir contido