Lingua Galega e Literatura

Proxección do filme documental "Afranio"

En conxunto coa exposición sobre a figura do senlleiro galeguista Antón Alonso Ríos, proxectarase para o alumnado de 2º de Bacharelato o vindeiro venres 27 de novembro, a 3ª e 4ª hora, o documental "Afranio", baseado na autobiografía do mesmo autor e protagonizado por Luis Tosar. Tedes unha reseña do devandito documental pinchando aquí.

Entrevista a Mª Neves Soutelo e Antía Otero

ENTREVISTA REALIZADA A Mª NEVES SOUTELO VÁZQUEZ E A ANTÍA OTERO RODRÍGUEZ (27-MARZO-2009)

AUTORAS DA ENTREVISTA:

  • HELENA VILAR REBOLO (4º ESO B)
  • MARTA RODRÍGUEZ CASTRO (4º ESO B)

Entrevista a María N. Soutelo Vázquez

1-Cando comezaches a escribir poesía?
Este vindeiro día 1 de Abril cumprirei 15 anos de escrita. Xa había un substrato anterior, claro, non foi por arte de maxia. Pero ese día resultou como se un interruptor se acendese en min. E así, ata hoxe. E celébroo con máis ledicia que o meu nacemento.

2-Estás traballando nalgún proxecto literario actualmente?
Por suposto! Un nunca deixa de escribir, malia que non sempre quede satisfeito co traballo que fai. Iso é o que me pasa a min, son o meu propio tirano, a miña máis dolorosa crítica: se, unha vez rematado o que escribo non me convence o suficiente, desbótoo ou déixoo madurar. Ás veces, os textos precisan ser vistos dende unha nova perspectiva vital. Necesitan medrar, respirar...

3-Como te sentiches ao gañar o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón e saber que a túa obra ía ser publicada?
Aínda non asumo o premio, nin a publicación. Pero significa un fito importante na miña vida. O premio, un premio (calquera que sexa), é a consecución dunha cota de recoñecemento ao esforzo e á dedicación en calquera área. A min deume pulos nun momento chave da miña vida.

4-Quen te animou para presentarte a dito certame?
Non foi unha persoa soa, senón o consello conxugado de moitos dos meus amigos e familiares. Quizais fose unha necesidade interna que todos e todas me animaron a transformar nunha realidade tanxible.

5-A que autor galego admiras máis? E autora?
É unha pregunta con trampa? : Éme difícil escoller a un autor ou a unha autora en concreto, pero postos a ter que dicir un nome (un clásico e un contemporáneo), deles quédome con Cunqueiro e con Rafa Villar.
Delas, con Rosalía e con Lupe Gómez.

6-Hai algún lugar especial no que te sintas máis inspirada para escribir?
Hai sitios para todo, ou para case todo. Non para inspirarse, a cociña dos versos vai na túa cabeza. Tomas ideas de calquera actividade cotiá, a Vida en si é a mellor inspiración. Pero de ter que escoller un lugar, quédome co mar en outono. Retroaliméntome del, e do sol. Malia ter nacido terra adentro.

7-Que sentes cando estás escribindo?
Escribir non é para min unha actividade emocional, senón racional. Concéntrome na escrita, no son das teclas, e todo ó redor perde importancia por un intre. Calquera cousa, calquera interrupción ou ruído me molesta.

8-Aparte de escribir, que outras afeccións che gusta realizar no teu tempo libre?
Durmir. Ir a algún concerto. Comer xelado. Ler ensaios de temática antropolóxica ou histórica. Cantar. Estar coas e cos amigos. Facer o que me pete, vaia.

9-Estudaches Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Atráete máis este ámbito ou os temas literarios?
Gusto moito da Arqueoloxía e procuro seguir en contacto con ese campo de estudo e traballo, aínda que non sexa a miña especialidade.
Estou bastante descolgada do mundo da literatura, a verdade. Aínda non sei se me atrae o suficiente, pero participo en recitais e actividades literarias sempre que teño oportunidade.

10-Que opinas sobre o papel da muller na actualidade no ámbito literario?
Non creo que debamos facer unha distinción de roles, nin unha discriminación positiva do papel da muller na literatura no tocante ao cuantitativo, malia que vaiamos sendo máis recoñecidas polo esforzo e o talento das autoras.
En canto a temáticas, é certo que a muller pode facer incidencia en campos, sentimentos ou actitudes de diferente calado que o home, pero coido que avanzamos cara a un momento de converxencia das escritas feminina e masculina, cara a unha nova visión conxunta da realidade que vivimos e que nos rodea.
É un bo momento. Corren tempos prósperos para a literatura galega.

Entrevista a Fátima Antía Otero


1-Sénteste actriz ou poeta?

( Risos) ... Esta pregunta sempre se lle soe facer a aquelas persoas que se adican a dúas facetas artísticas á vez... Por iso eu sempre respondo que ser poeta é algo que vén comigo, mentres que ser actriz é algo no que me tiven que formar e que hoxe en día é a miña profesión e vocación. Síntome a partes iguais.
De seguro que ningún Ministro que escriba se lle preguntaría se se sente máis ministro ou poeta..., non credes?... Ningunha cousa está berrada coa outra.

2-Prefires traballar na televisión ou no teatro? Cal dos dous requere unha maior dedicación?

Traballar na tele está ben porque, aínda que é un traballo moi concentrado no tempo e en enerxía, aprendes moita técnica, coñeces a compañeiros marabillosos e aínda por riba tes unha remuneración económica dabondo que despois che permíte abordar outros proxectos que che interesan a nivel artístico.... Pero o teatro é dende logo para min unha paixón. Nel sentes o proceso e este respira contigo. Cada día vaste coñecendo a ti, vas investigando na personaxe e sentes que o que fas ten "un aquí e un agora". Ademais sempre hai constantes cambios e veste obrigada a non despistarte nin un só segundo. Algo que se agradece cando estás metida nun longo proceso.
Na tele vai todo máis rodado e máis rápido. O actor ten outro tipo de implicación, porque son outros moitos os factores dos que se depende para que o produto chegue a bo porto: o económico ( cada día que se perde de gravar son cartos que non se recuperan ), a dirección, a realización, o son, a posprodución... No teatro a equipa é familia e iso nótase.

3-Que te impulsou a escribir?

Querer ter na miña posesión a estilográfica Monblanc inspirada en Greta Garbo!!!!
( risos )... Non, é broma... ou Non é broma... ( risos).O único que sei é que escribindo atopei unha maneira de comunicarme na que me sentía cómoda... Era coma un xogo. Xogar a intentar transmitir no papel o que se me pasaba pola cabeza e polas sensacións...que é o que pensaba.
Un aprende a falar porque quere chegar aos demais, non?, pois supoño que o mesmo ocorre coa escrita. Síntome cómoda e así sigo.

4-Porque escolliches "O son da xordeira" como título para o teu libro?

Penso que os cinco sentidos ( din que seis ) que ten o ser humano son fundamentais para percibir o que nos rodea. Pero hai algo que vai máis aló do puramente tanxible e que tende ao conceptual. Penso que vivimos nun mundo no que falamos moito pero escoitamos pouco. Co meu primeiro poemario " O son da xordeira", o que quixen foi escoitar a aquelas voces que eran silenciadas. Ás costureiras e ás traballadoras do téxtil que realizan os patróns da roupa que nunca levarán posta. Esa incongruencia foi sen dúbida ningunha o punto de partida para facerme eco dun son que é xordo porque ninguén o escoita.

5-Como membro da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en que proxectos estás a traballar?

Dende a AELG decidimos crear unha vicepresidencia que estivese ao corrente dos novos creadores e creadoras e de conseguir que vexan á asociación como unha plataforma. Traballamos nunha editora virtual e realizamos multitude de encontros, recitais, publicacións...

6-Estás licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, cres que debido ao teu labor como actriz deixaches apartada estoutra faceta?

Como comentaba antes, non creo que unha cousa estea berrada coa outra. Para min todo ten unha implicación. Non escribiría como escribo se non me tivese formado en todo o que me formei...
Historia da Arte é unha carreira que debe ser feita con gusto e como unha aprendizaxe a longo prazo. Constantemente estás aprendendo. O mundo da arte non para de se reproducir, e o historiador debe estar constantemente ao tanto das cousas que se están a creando, onde están os focos de debate.... Para min todo pode ser hibridado porque todo tende a enriquecerse se se fai con senso, gusto e contido. A poesía é arte, ao igual que a música, o teatro ou a banda deseñada. Dalgunha maneira nunca deixei de estar en contacto co mundo da arte porque traballo e vivo dela.

7-Botas de menos vivir na Estrada?

A verdade é que familiarmente sigo moi ligada á Estrada, así que non a boto moito de menos. O que si teño en falta son sensacións que me quedaron gravadas dende cativa e que moi poucas veces recupero... Boto de menos a aldea. Crieime nela tanto no Foxo ( que foi onde estudei ata os dez anos ) como as Quintas de Codeseda ( que é de onde son ). O cheiro dos castiñeiros do colexio do Foxo, a auga do Pazo de Oca e o seo dos tilos, os amenceres e a xiada nas Quintas de Codeseda ou as tardes de verán e herba seca nas leiras de Terreboredo son as cousas que me fan sentir das aldeas da Estrada.

8-O teu blog chámase "Agardando a Godot", por que decidiches ese nome?

Admiro a Samuel Beckett e ao seu " Agardando a Godot". Saber esperar é algo fundamental, pero se nos pasamos a vida agardando a que algo ocorra ( un soño, unha meta que queremos alcanzar ) o máis seguro é que nos esteamos perdendo o que de verdade está acontecendo por diante dos nosos ollos, e que verdadeiramente constrúe o noso camiño vital. Esa foi a grande ensinanza que me ofreceu o texto teatral de Beckett, unha obra na que o silencio está cheo de palabras e que dende aquí recomendo a todo o mundo.

9-Entre todas as autoras galegas, a quen admiras máis?

Hai moi boas autoras galegas. Dende Avelina Valladares á actulidade son moitas as voces que debería nomear e ás que lles debemos moito. De todos os xeitos, teño as miñas preferencias... Admiro ás mulleres que na década dos oitenta comezaron a abrir camiño nun mundo no que se cría que fundamentalmente había poetas e unhas cantas poetisas ( Ana Romaní, Pilar Pallarés foron e son unhas das voces máis interesantes)... Pero tamén é verdade que admiro a moitos homes e colegas que na actualidade escriben dende unha condición transxenérica ( como Eduardo Estévez polo seu minimalismo, Carlos Negro pola súa mirada que sempre complexa semella sinxela, ou a Estevo Creus polo arriscado e non (auto)censurado da súa escrita ).

10- Cres que é máis difícil para unha muller introducirse no mundo literario aínda na actualidade?

Non creo que na Galiza así sexa, ou polo menos dende a miña posición, non sinto que iso ocorra. Nos xuris soe haber mulleres poetas e nas listas de libros que saen á rúa hai nomes femininos. Máis non todo é tan doado. Se ben a muller si participa da literatura, na proxección literaria aínda lle queda camiño por percorrer. Ser muller, nova, independente, non fea e poeta... aínda xera prexuízos por parte dalgúns sectores.

______________________________________________________________________________________________________________

Antía di.- Moitas grazas por esta entrevista. Foi un pracer para min responder ás vosas preguntas. Un saúdo grande de aldea e asfalto.

 

 

Conferencia

O vindeiro venres 27 de marzo haberá unha conferencia, para os/as alumnos/as de 4º ESO, a cargo de Antía Otero e Mª Soutelo Vázquez que falarán sobre os seus libros de poesía, "O son da xordeira" e "Código poético" respectivamente. Será ás dúas últimas horas en Usos Múltiples

Videoconferencia entre os IES da Estrada

O vindeiro venres 27  de marzo con motivo do "Día da poesía" os/as alumnos/as de 2º ESO e 3º ESO A participarán na videoconferencia "Versos a Palestina" realizada entre os tres IES da Estrada, coa colaboración técnica do Centro Multimedia de Galicia, e na que se lerán diversas poesías conmemorativas. Será na Biblioteca do centro ás dúas últimas horas.

Visita a Fundación Solaina de Piloño e á Fundación Neira Vilas

O vindeiro venres 6 de xuño os alumnos de 3º  ESO A e B visitarán primeiro a Fundación Solaina onde o seu presidente e artista Paco Lareo lles ensinará o Museo e realizarán distintas actividades de deseño. A continuación irán a Fundación Neira Vilas (Gres) onde o alumnado guiados por Don Xosé Neira Vilas visitará a Fundación que leva o seu nome. Sairán ás 8:45 horas e regresarán sobre ás 14:00 horas.

Pradolongo

O vindeiro martes 3 de xuño os alumnos de 3º, 4º y 1º Bacharelato irán aos Multicines da Estrada a ver a película galega "Pradolongo". Deberán estar puntualmente no cine ás 16:30 horas e a película rematará aproximadamente ás 18:10 horas.

TALLER DE ANIMACIÓN Á LECTURA

O vinderio martes 20 de maio os alumnos de 1º ESO participarán nun "Taller de Animación á Lectura" impartido por dona Victoria Pérez Varela e organizado polo profesor Jesús Tallón do Departamento de Lengua e Literatura Galego. A duración será dunha hora na aula de Usos Múltiples.

Distribuir contido